Castellano Galego
Mingos de Sande dirixíase cara á casa despois de botar uns vasos e unhas partidas de dominó na tenda de Chubá. Pilotaba de vagar a súa Derbi Tricampeona pola costa de Oseiro arriba, cando bateu con algo que o levou ao chan. Cando se incorporou, ficou pampo: acababa de atropelar a Toniña.
Na mañá do día seguinte, Mingos aínda estaba en trance. Volveu á realidade cando viu diante o xantar que lle preparara Clara. O seu menú favorito: rinchóns. Antes de que lles botase o dente, Clara falou:
-E non sabes que pasou? Onte atoparon a Toniña morta nunha cuneta. Mal raio non partira ao asasino...
Mingos xa non puido probar bocado. Escusouse coa súa dona dicindo que andaba coa barriga revirada, e que tiña que marchar a axudar no parto da vaca dun veciño.
A nova da estraña morte de Toniña foi portada do Ideal Gallego, e o pesar de Mingos de Sande non fixo senón aumentar. Deixou de ir á de Chubá, e amargóuselle o carácter. Pero o peor de todo era cando había carne de cocho na comida. Nin cocido, nin churrasco, nin bistés, nin os seus favoritos rinchóns: desganábase antes de probar bocado, e tiña que marchar da casa amolado.
[...] Hoxe en día unhas poucas parroquias do país aínda ceiban un cochiño en ofrecemento a San Antón para que tódolos veciños colaboren na súa mantenza ao longo dun ano. Ata non hai moito tempo, isto facíase en moitísimas máis parroquias, incluso sen que tivesen o patrocinio de San Antón.
En Oseiro, a derradeira ofrenda ao Santo foi no ano 79. A confraría púxolle o chocallo a unha cochiña bautizada como Toniña. Aos dous meses de andar de eira en eira polas casas e polas agras da parroquia, Toniña foi atropelada. O desgusto na veciñanza foi tan grande que nos anos posteriores non se botaron outros porcos. Nunca se soubo que foi o que pasou coa morte de Toniña [...]
Cando Mingos de Sande agonizaba, despois dunha longa enfermidade, o cura foino visitar. Alí, na veira da cama, preguntoulle polos seus pecados, e Mingos, cun fiíño de voz, acertou a dicir:
-Só teño un, Don Pedro. Pero pesa como un cento... Mentres Mingos lle relataba ao cura os feitos tal e como sucederan, a súa alma íase liberando da carga de Toniña que tantos anos levara ás costas, e ata se diría que a voz gañaba intensidade, e que Mingos revivía.
Don Pedro, coa súa acreditada bonhomía, absolveuno, pero non co protocolo latinista do sacramento:
-Que saibas que a túa dona está a preparar os rinchóns. Non gustarías de recuperar o paladar antes de que Noso Señor te chame?
-... pois de paso que baixa, dígalle a Clara que me suba unha tapiña deles...
Clara entrou no cuarto cos rinchóns que o seu home non probara en máis de trinta anos.
O corpo seguía alí, pero a alma de Mingos de Sande xa pululaba polos escuros vieiros da eternidade.
1. Fantastico Rilo..Noraboa.
2. Onte mentres facía a compra para o San Xoán, a boa muller que me atendía lementábase de non poder celebrar esta noite máxica por vivir nun piso.
Deixou a aldea para que os seus fillos tivesen as cousas máis doadas de cómo as tivo ela, era máis fácil chegar á escola, coller o bus para A Coruña co bocadillo da merenda e marchar para o Conservatorio.
Nun principio ía ser ata que os fillos fosen autónomos, pero xa pasaron 35 anos e aínda segue no Palomar ¿? . Eso sí, a cara se lle ilumina cando fala dun terreniño que lle quedou e de cómo o tempo se detén alí; e ilumínaselle moitísimo máis cando pensa naqueles nenos que esperaban nun bar que os foran recoller despois da música.
E que ten que ver todo isto co teu conto? Pois fíxome pensar en cómo cambiaron as aldeas, os pobos e sobre todo o xeito de relacionarnos as persoas que alí habitamos; creo que acabo de dar co cerne, hoxe habitamos máis que vivimos.
Sería posible hoxe a crianza dun porquiño ceibo atendido e criado por unha comunidade?? Non o creo, ou alguén o levaba para cortello propio ou morría esmagado polo zumbado da gorra que conduce o coche tuneado.
Boa noite.