Castellano Galego
Mingos de Sande dirixíase cara á casa despois de botar uns vasos e unhas partidas de dominó na tenda de Chubá. Pilotaba de vagar a súa Derbi Tricampeona pola costa de Oseiro arriba, cando bateu con algo que o levou ao chan. Cando se incorporou, ficou pampo: acababa de atropelar a Toniña.
Na mañá do día seguinte, Mingos aínda estaba en trance. Volveu á realidade cando viu diante o xantar que lle preparara Clara. O seu menú favorito: rinchóns. Antes de que lles botase o dente, Clara falou:
-E non sabes que pasou? Onte atoparon a Toniña morta nunha cuneta. Mal raio non partira ao asasino...
Mingos xa non puido probar bocado. Escusouse coa súa dona dicindo que andaba coa barriga revirada, e que tiña que marchar a axudar no parto da vaca dun veciño.
A nova da estraña morte de Toniña foi portada do Ideal Gallego, e o pesar de Mingos de Sande non fixo senón aumentar. Deixou de ir á de Chubá, e amargóuselle o carácter. Pero o peor de todo era cando había carne de cocho na comida. Nin cocido, nin churrasco, nin bistés, nin os seus favoritos rinchóns: desganábase antes de probar bocado, e tiña que marchar da casa amolado.
[...] Hoxe en día unhas poucas parroquias do país aínda ceiban un cochiño en ofrecemento a San Antón para que tódolos veciños colaboren na súa mantenza ao longo dun ano. Ata non hai moito tempo, isto facíase en moitísimas máis parroquias, incluso sen que tivesen o patrocinio de San Antón.
En Oseiro, a derradeira ofrenda ao Santo foi no ano 79. A confraría púxolle o chocallo a unha cochiña bautizada como Toniña. Aos dous meses de andar de eira en eira polas casas e polas agras da parroquia, Toniña foi atropelada. O desgusto na veciñanza foi tan grande que nos anos posteriores non se botaron outros porcos. Nunca se soubo que foi o que pasou coa morte de Toniña [...]
Cando Mingos de Sande agonizaba, despois dunha longa enfermidade, o cura foino visitar. Alí, na veira da cama, preguntoulle polos seus pecados, e Mingos, cun fiíño de voz, acertou a dicir:
-Só teño un, Don Pedro. Pero pesa como un cento... Mentres Mingos lle relataba ao cura os feitos tal e como sucederan, a súa alma íase liberando da carga de Toniña que tantos anos levara ás costas, e ata se diría que a voz gañaba intensidade, e que Mingos revivía.
Don Pedro, coa súa acreditada bonhomía, absolveuno, pero non co protocolo latinista do sacramento:
-Que saibas que a túa dona está a preparar os rinchóns. Non gustarías de recuperar o paladar antes de que Noso Señor te chame?
-... pois de paso que baixa, dígalle a Clara que me suba unha tapiña deles...
Clara entrou no cuarto cos rinchóns que o seu home non probara en máis de trinta anos.
O corpo seguía alí, pero a alma de Mingos de Sande xa pululaba polos escuros vieiros da eternidade.
-Papá... os avós quérense?
-Ou fillo... que cousas tés... e como non se han querer?
-E que falan moi pouco entre eles, e case sempre é para rifar...
-Mira fillo: os avós falan moito máis do que nos pensamos, e a maioría das veces non usan nin palabras.
-E como é iso?
-Heiche de contar un conto...
[...]Un día, Artai preguntou aos seus congregados o seguinte:
-Por que os homes berran cando están anoxados?
Os presentes pensaron por un momento.
-Porque perdémola calma -dixo un- por iso berramos.
-Pero por que gritar cando a outra persoa está ao teu lado? -preguntou Artai- Non é posible falarlle en voz baixa...? Por que gritas a unha persoa cando estás enfadado?
Os homes deron algunhas outras respostas pero ningunha delas satisfacía a Artai. Finalmente el explicou:
-Cando dúas persoas están anoxadas, os seus corazóns sepáranse moito. Para cubrir esa distancia deben berrar para poder escoitarse. Mentres máis anoxados estean, máis terán que levantala voz para escoitarse un ao outro a través de esa grande distancia.
Logo Artai continuou:
-¿E que sucede cando dúas persoas andan en amores? Eles non berran, senón que se falan paseniño: por que? Porque os seus corazóns están moi próximos. A distancia entre eles é moi pequena... cando namoran aínda máis, que sucede? Non falan, só borboriñan e recoñecen entón a grandeza do sentimento mutuo. Finalmente non precisan nin sequera a melodía da voz: só se miran e con iso abonda. Así é a comunicación cando dous se aman... se discutides non deixedes que os vosos corazóns se afasten. Non digades palabras que vos distancien máis. Chegará o día que a distancia sexa tanta que non atoparedes o camiño de volta[...]
E foi anos máis tarde cando me atopei a min mesmo tomando un café de sobremesa co meu avó, mentres a avoa fregaba os cacharros. Recordo que falabamos do nobre arte de mocear, e de como o poético galanteo doutros tempos caera en desuso hoxe en día. E entón pasou o seguinte: ao deixalo cacharro do café na encimera, o meu avoíño rozou a man da súa dona. Na súa cara había un sorriso pícaro, como se quixese remarcar que o roce fora intencionado.
-Sácateme de aí, pasmón!
As palabras da avoa eran as que eran: pero o xeito no que as pronunciou, o xesto do corpo, o ollar cara o seu home...
Foi nese intre que recordei o conto aquel que na infancia me contara papá.
Velaí o amor.