Castellano Galego
Subindo a costa de Oseiro
botei a vista por tras.
Adios, pineiros Foxo,
queiroeiros de Morás.
Teño que dicirvos que teño unha débeda pendente con esta cantiga. Abaixo a cabeza, e recoñezo que non sei o porqué dos queiroeiros. Diríavos que teño escoitado falar de que os montes de Uxes, Freán ou a Carbosa se pintaban dun precioso malva cando florecían as queiroas, aló polo San Xosé. Pero non sei para que se usaban as queiroas, nin tampouco se os queiroeiros eran os que andaban a elas, ou só era un alcume, do mesmo xeito que aos de Larín lles chamaban “os do medio cuartillo”, ou aos de Coiro “os borralleiros”.
Mentres tanto, e con propósito de enmenda, heivos de contar un conto sobre dos pineiros do Foxo. Igual é un pouco esaxerado definilo como oficio, pero hai sesenta anos era unha ocupación bastante común ao longo da parroquia de Loureda. Entre novembro e abril, varias cuadrillas de pineiros recorrían a contorna para recadar pinas. E a contorna era relativa, pois chegaban ata Agualada, Portomouro ou Oroso.
E diredes vos: traían pepitas de ouro as pinas no canto de piñóns? E dígovos eu: evidentemente non, pois estamos a botala lingua a pacer, pero co maxín en pausa. Nun tempo no que non había electricidade, gas ou mistos, as pinas eran o que mellor funcionaba para prendelo lume. Nos fogóns ou nas cociñas bilbaínas, tan usadas nas casas coruñesas naqueles anos, as pinas eran o medio máis adecuado para poñelo lume a andar.
Os pineiros do Foxo (en competencia limpa cos que viñan de Altamira) puxeron quente á Coruña. As pinas que apañaban por eses mundos de Dios viñan despois a surtir a demanda de todas esas cociñas da Coiramia, a Falperra ou Peruleiro, onde vivían familias moi humildes, xeralmente de mariñeiros. En Loureda chegou a haber Sociedade de pineiros: digamos que para non saturalo mercado e crear unha competencia entre eles, puxéronse de acordo para unha actuación conxunta. Ían apañar o mesmo día; gardaban o produto nun único alpendre...
Esta Sociedade xurdiu cando se deixou de ir á Coruña nas cabalerías. Isto debeuse á chegada da “Superiora”, que era o coche de liña no que xa se podían levar as saquetas coas pinas. Non ía moito máis rápido que unha besta, pero si era máis cómodo e agarimoso. As pinas ían enriba do coche, e moitas delas caían na costa de Oseiro. Na viaxe de volta recollíanse, e quedaban para a seguinte xornada.
Sonche contos... e dígovos que me pesa de veras non ter datos sobre os queiroeiros. Aínda con isto, quixera rematar este retrinco cunha chiscada de ollo á asociación cultural Queiroa de Uxes, que cumpre vinte cinco anos. Parabéns polo aniversario, polo escollido do nome, e sobre todo polo inmenso traballo social e cultural de toda a xentiña que por aí pasou.
1. En primeiro lugar grazas por seguires aqui. De verdade que é un auténtico pracer atopar os teus contos cada xoves ou domingo ...
Este conto teu lembroume a magnífica exposición de Ruth Matilda Anderssen (que país de lenda teríamos se non o estragáramos). Alí había unha foto co título "Levando piñas para A Coruña" (ou algo así). Nela aparecen un home máis unha muller con cadansúa besta, cuns sacos tan enormes de piñas que dos pobres animais non asomaban máis que as cabezas; mais o que non conta é se eran do Foxo ou de Altamira.
Agora que tanto falamos de recortes e axustes, acordeime tamén dunha mulleriña xa maior que vivía soíña cerca da nosa casa da Ulloa, a pobriña estiraba tanto o pouco que tiña que con cada piña partida en catro trozos facía outros tantos lumes. E de verdade que non é un conto ...
Dos queiroeiros nunca sentira falar pero se aprendo algo, compartireino contigo.
2. Ou Rilo, acordachesme un conto da miña aboa.
Aló polas terras de Bergantiños do século pasado, mandaron a unha rapaza a apañar nas pinas na compaña do séu irmá mais pequeno. Chegados o monte, a rapaza deu en poñerse a encher a saqueta de pinas sen descanso mentres que o outro cativo, adicou o día en enredar larchaneando por entre os toxos, as fieitas e as pedras.
A rapaza, farta de todo, deu en amenazar o séu irmá con facer un relatorio do asunto ao chegar á casa, mais, o falcatrúas nin caso fixo de nada.
Así que a saqueta estuvo chea de bo xeito, a raparíga carretou aqueles futuros alentos da lareira ata perto do cabanote da casa, e neses intres, ao rapas espertaronlle as ansias de axudar a súa irmá e dixo:
-Deixa que che axude, ouh!!!.
-Lágateme de diante Manoliño!!!... Que xa verás ti o que che agarda, larchán!!!...
Ao chegar o carón do mandíl da súa nai, a rapaciña deu en relatar o asunto enchida de razón e verdade en súplica de xustíza i entre bágoas.
A esperimentada 'matriarca', mirou cara a saqueta e tamén cara os dous infantes enrredados en tal grave pleito, e logo, preguntou:
-Ou porra!. Tes que decir algo Manoliño?...
E o acusado respostou:
-Ou mamá!, e logo todas estas pinas quen as apañou?. Vostede pensa que as apañou ela soíña e que tamén foi capaz de carregar co saco dende o monte ata o cabanote da casa?...
A xuíz, deu en conter a risa e dictou sentenza:
- Ala!, ide a comer o caldo quentiño, que hoxe trouxen da feira unha laranxíña...Quen a vai a estonar, e quen ten de facer o reparto?...
O 'fiscal' non tuvo que intervir no pleito e daba taménen en escachar coa risa, mentres estraba a corte do Roxo e o Marelo.
3. E agora que o penso, mentres acendo unha caroza de millo, como si fose un círio (mais, non é outra cousa que o conto de acender o maldito vicio do cigarro, porque xa non ai chisquieros como os de antes)... Rilo, eres a queiroa ou a pina que manten a lareira acesa destes vellos cuadernos de Cidadáns de Arteixo.