Arteixo Castellano  Galego  

cóntame outro conto

etnografía de patacón

Marcial Dopico ou o Surrealismo arteixán

16/05/2010

Imagen A día de hoxe, falar de surrealismo é referirse a calquera cousa que presente un leve matiz extraordinario. Por exemplo:

É surrealista que un rapaz de Morás debute co primeiro equipo do Real Madrid; e tamén se define como surrealista toparse no Eroski coas cantareiras de Ardebullo facendo a compra do mes; échevos surrealista dabondo que un gaiteiro madrugue, ou que un político galego fale ben o seu idioma... 

 

No ano 1924 André Bretón redactou o primeiro Manifesto Surrealista, o cal incluía unha definición da propia palabra: 

Surrealismo: "substantivo, masculino. Automatismo psíquico puro, polo cal se intenta expresar verbalmente, por escrito ou por outro modo, o funcionamento real do pensamento. É un ditado do pensamento, sen a intervención reguladora da razón, alleo a toda preocupación estética ou moral."

          E foi tamén no ano 1924 no que un arteixán entrou a formar parte da historia do Movemento Surrealista. Marcial Dopico quería ser escritor, e o seu traballo de escribinte no xulgado de Arteixo coutábao en demasía. A lectura das memorias do Marqués de Bradomín prendeu mecha na súa fantasía post-modernista, e así foi como decidiu marchar a París con dez mil pesetas e coa ilusión dunha vida bohemia. Por un capricho do destino, foi a compartir pensión con André Bretón. Conxeniaron, e o emerxente Surrealismo colocounos nunha fronte común: a promoción e difusión da nova corrente estética. O Surrealismo daba os seus primeiros pasos, e Bretón andaba inmerso nunha especie de xira polas academias e universidades francesas. O seu propósito era sementar por tódolos regos posibles esa idea da “liberación creadora do inconsciente”. Marcial Dopico exercía de discípulo avantaxado e de asistente persoal, acompañando en todo momento a André, e velando polo correcto desenvolvemento das conferencias, coloquios e charlas coas que se estaba estrando o pais galo. 

 

Nunha destas viaxes ao Finisterre Francés, André propúxolle a Marcial trocar as personalidades. Tratábase de simular que Marcial era en realidade André Bretón, e que o propio Bretón exercese de asistente no transcurso da conferencia. Non é que Bretón tivese moita confianza na retórica do seu pupilo, pero non lle apetecía moito falar ese día. Ademais o carácter surrealista da acción quedaba fora de dúbida. Pola súa parte, Marcial viu o seu momento de gloria, xa que o de escribir (escribir ben) non era tan sinxelo como el pensara. O noso Marcial oficiou a conferencia cunha solvencia tal, que os aplausos do final tardaron varios minutos en extinguirse. O verdadeiro Bretón asistía satisfeito ao espectáculo dende a última bancada do salón de actos. Cando rematou o estrondo do bater de mans, un catedrático de arte algo rabudo tomou a palabra para facerlle ao orador unha pregunta con moita malicia. Ao auténtico Bretón subiulle a tensión tres puntos, pero enseguida retomou a normalidade ao escoitala resposta do noso Marcial:

 

 -Esa pregunta que vostede me fai antóllaseme tan ridícula e superflua, que deixarei que lla responda o meu asistente... 

 

O verídico André Bretón ergueuse dende a última bancada do salón de actos, e puxo o punto sobre da i. A súa versatilidade dialéctica ficou resgardada, o Movemento Surrealista continuou a súa inevitable expansión... 

 

... e o momento de gloria de Marcial non se evaporou.

 

            Sonche contos!!!  

http://arteixo.cidadans.net/rilo/2010/05/16/marcial-dopico-ou-o-surrealismo-arteixan/
0 Comentarios - Enviar comentario

Comentarios:

    Aún no hay Comentarios para esta anotación...

Publicar un comentario

Puedes realizar comentarios utilizando tu nombre de usuario y contraseña. Si aún no tienes un nombre de usuario y contraseña, pincha aquí para registrarte en Cuadernos Ciudadanos.



Recuperar contraseña



 


authimage


(Fijar cookies para el nombre, email & url)

Valid XHTML 1.0
Valid CSS
Algunos derechos reservados
Derechos reservados