Arteixo Castellano  Galego  

cóntame outro conto

etnografía de patacón

Pineiros do Foxo, queiroeiros de Morás

22/05/2010

Imagen Subindo a costa de Oseiro

botei a vista por tras.

Adios, pineiros Foxo,

queiroeiros de Morás.

 

 

  Teño que dicirvos que teño unha débeda pendente con esta cantiga. Abaixo a cabeza, e recoñezo que non sei o porqué dos queiroeiros. Diríavos que teño escoitado falar de que os montes de Uxes, Freán ou a Carbosa se pintaban dun precioso malva cando florecían as queiroas, aló polo San Xosé. Pero non sei para que se usaban as queiroas, nin tampouco se os queiroeiros eran os que andaban a elas, ou só era un alcume, do mesmo xeito que aos de Larín lles chamaban “os do medio cuartillo”, ou aos de Coiro “os borralleiros”.

 

Mentres tanto, e con propósito de enmenda, heivos de contar un conto sobre dos pineiros do Foxo. Igual é un pouco esaxerado definilo como oficio, pero hai sesenta anos era unha ocupación bastante común ao longo da parroquia de Loureda. Entre novembro e abril, varias cuadrillas de pineiros recorrían a contorna para recadar pinas. E a contorna era relativa, pois chegaban ata Agualada, Portomouro ou Oroso.  

 

E diredes vos: traían pepitas de ouro as pinas no canto de piñóns? E dígovos eu: evidentemente non, pois estamos a botala lingua a pacer, pero co maxín en pausa. Nun tempo no que non había electricidade, gas ou mistos, as pinas eran o que mellor funcionaba para prendelo lume. Nos fogóns ou nas cociñas bilbaínas, tan usadas nas casas coruñesas naqueles anos, as pinas eran o medio máis adecuado para poñelo lume a andar. 

Os pineiros do Foxo (en competencia limpa cos que viñan de Altamira) puxeron quente á Coruña. As pinas que apañaban por eses mundos de Dios viñan despois a surtir a demanda de todas esas cociñas da Coiramia, a Falperra ou Peruleiro, onde vivían familias moi humildes, xeralmente de mariñeiros. En Loureda chegou a haber Sociedade de pineiros: digamos que para non saturalo mercado e crear unha competencia entre eles, puxéronse de acordo para unha actuación conxunta. Ían apañar o mesmo día; gardaban o produto nun único alpendre...

 Esta Sociedade xurdiu cando se deixou de ir á Coruña nas cabalerías. Isto debeuse á chegada da “Superiora”, que era o coche de liña no que xa se podían levar as saquetas coas pinas. Non ía moito máis rápido que unha besta, pero si era máis cómodo e agarimoso. As pinas ían enriba do coche, e moitas delas caían na costa de Oseiro. Na viaxe de volta recollíanse, e quedaban para a seguinte xornada. 

 

Sonche contos... e dígovos que me pesa de veras non ter datos sobre os queiroeiros. Aínda con isto, quixera rematar este retrinco cunha chiscada de ollo á asociación cultural Queiroa de Uxes, que cumpre vinte cinco anos. Parabéns polo aniversario, polo escollido do nome, e sobre todo polo inmenso traballo social e cultural de toda a xentiña que por aí pasou.

http://arteixo.cidadans.net/rilo/2010/05/22/pineiros-do-foxo-queiroeiros-de-moras/
3 Comentarios - Enviar comentario

Marcial Dopico ou o Surrealismo arteixán

16/05/2010

Imagen A día de hoxe, falar de surrealismo é referirse a calquera cousa que presente un leve matiz extraordinario. Por exemplo:

É surrealista que un rapaz de Morás debute co primeiro equipo do Real Madrid; e tamén se define como surrealista toparse no Eroski coas cantareiras de Ardebullo facendo a compra do mes; échevos surrealista dabondo que un gaiteiro madrugue, ou que un político galego fale ben o seu idioma... 

 

No ano 1924 André Bretón redactou o primeiro Manifesto Surrealista, o cal incluía unha definición da propia palabra: 

Surrealismo: "substantivo, masculino. Automatismo psíquico puro, polo cal se intenta expresar verbalmente, por escrito ou por outro modo, o funcionamento real do pensamento. É un ditado do pensamento, sen a intervención reguladora da razón, alleo a toda preocupación estética ou moral."

          E foi tamén no ano 1924 no que un arteixán entrou a formar parte da historia do Movemento Surrealista. Marcial Dopico quería ser escritor, e o seu traballo de escribinte no xulgado de Arteixo coutábao en demasía. A lectura das memorias do Marqués de Bradomín prendeu mecha na súa fantasía post-modernista, e así foi como decidiu marchar a París con dez mil pesetas e coa ilusión dunha vida bohemia. Por un capricho do destino, foi a compartir pensión con André Bretón. Conxeniaron, e o emerxente Surrealismo colocounos nunha fronte común: a promoción e difusión da nova corrente estética. O Surrealismo daba os seus primeiros pasos, e Bretón andaba inmerso nunha especie de xira polas academias e universidades francesas. O seu propósito era sementar por tódolos regos posibles esa idea da “liberación creadora do inconsciente”. Marcial Dopico exercía de discípulo avantaxado e de asistente persoal, acompañando en todo momento a André, e velando polo correcto desenvolvemento das conferencias, coloquios e charlas coas que se estaba estrando o pais galo. 

 

Nunha destas viaxes ao Finisterre Francés, André propúxolle a Marcial trocar as personalidades. Tratábase de simular que Marcial era en realidade André Bretón, e que o propio Bretón exercese de asistente no transcurso da conferencia. Non é que Bretón tivese moita confianza na retórica do seu pupilo, pero non lle apetecía moito falar ese día. Ademais o carácter surrealista da acción quedaba fora de dúbida. Pola súa parte, Marcial viu o seu momento de gloria, xa que o de escribir (escribir ben) non era tan sinxelo como el pensara. O noso Marcial oficiou a conferencia cunha solvencia tal, que os aplausos do final tardaron varios minutos en extinguirse. O verdadeiro Bretón asistía satisfeito ao espectáculo dende a última bancada do salón de actos. Cando rematou o estrondo do bater de mans, un catedrático de arte algo rabudo tomou a palabra para facerlle ao orador unha pregunta con moita malicia. Ao auténtico Bretón subiulle a tensión tres puntos, pero enseguida retomou a normalidade ao escoitala resposta do noso Marcial:

 

 -Esa pregunta que vostede me fai antóllaseme tan ridícula e superflua, que deixarei que lla responda o meu asistente... 

 

O verídico André Bretón ergueuse dende a última bancada do salón de actos, e puxo o punto sobre da i. A súa versatilidade dialéctica ficou resgardada, o Movemento Surrealista continuou a súa inevitable expansión... 

 

... e o momento de gloria de Marcial non se evaporou.

 

            Sonche contos!!!  

http://arteixo.cidadans.net/rilo/2010/05/16/marcial-dopico-ou-o-surrealismo-arteixan/
0 Comentarios - Enviar comentario

Ai, meu Ricardo...

07/05/2010

Imagen 

A moza espertou na escuridade da súa habitación cando aínda era noite pecha. Acababa de soñar con Ricardo outra vez. Buscou co brazo o caixón da mesiña de noite, para collela carta que el lle enviara dende Melilla, onde estaba servindo a El Rey, pero non a atopou.
-Se este soño se cumprise...- pensou. Pechou os ollos, e prometeu non esquecer ese soño: un baile o día da festa con Ricardo, un compromiso ó seu regreso, un vestido branco de noiva, nenos correndo polo medio dunha extensa horta...
-Ai, meu Ricardo...- murmurou.
A moza ergueuse, e todo estaba escuro e borroso ao seu redor. Un vaso caeu contra o chan, rompendo.
A luz prendeuse, pero todo seguía borroso....

-!estás ben?! Que foi?!!- a voz, non era a do seu pai.
-¡Papá.. papá?!...- apenas podía falar
A moza asustouse, e comezou a tremer. Unha silueta moi borrosa achegábase a ela. Ao fin, conseguiu ceibar o chorro de voz.
-PAPÁÁÁÁÁÁÁAÁÁÁÁÁ!!!!!!!!!!!!!!!!!-
Alguén máis entrou e foise acercando á moza que retrocedía algúns pasos tremendo... confundida e sen entender nada, mexou por si.

[...]-Esta pasando outra vez- di una muller coa voz severa- xa falamos disto moitas veces Ricardo, non podemos tela na casa, isto cada vez empeora. Mira para aí... non te das conta que non podemos facer nada??!!


- Xa abonda, María!!! Volve para a cama e non me toques máis a moral. Da miña familia xa me encargo eu!!!- [...]

A muller descoñecida cabreouse máis, pero deu a volta e pechou a porta da habitación bruscamente. Ficaron sós.

-Avoa... avoíña... tranquila: son eu... Ricardo


E nese momento a moza entendeu. Coa mirada perdida e os ollos chorosos empezou a sorrir, como unha nena.

Xa non tiña medo.

Non soñara...

...fora feliz.

http://arteixo.cidadans.net/rilo/2010/05/07/ai-meu-ricardo-/
2 Comentarios - Enviar comentario
Valid XHTML 1.0
Valid CSS
Algunos derechos reservados
Derechos reservados