Castellano Galego
Dicían os vellos en Santa Icía, que os máis vellos lembraban escoitar doutros máis vellos aínda unha curiosa historia que aquí e agora ben a conto: heiche de falar da Nosa Señora da Cantarea.
Deixáchesme caer que non sabías cantar, e o tal comentario deixoume pampo. Se fose noutros tempos, esta túa afirmación sería considerada pouco menos que un pecado.
[...] Aló, no curuto do monte estaba a antiga capela. Só tiña a imaxe da Nosa Señora e un altarciño de madeira de castiñeiro. Cando a capela se trasladou ó centro da aldea, un vello fidalgo de Vío doou unha imaxe de san Paio, e o protagonismo da Nosa Señora minguou, ata perderse nun curruncho da memoria dalgúns románticos adoradores de antigas lerias [...]
E dígoche, porque así o penso, que o feito de non saber cantar sería considerado en tempos un mal ou unha desas doenzas modernas, propias dos tempos, como pode ser a día de hoxe un estrés. Seguramente, se che escapase un comentario dese tipo nos tempos da antiga capela, a túa madriña ofreceríache a esta Santa.
Ocórreseme unha analoxía:
-Oes, que mañá imos de sendeirismo pola beiramar ata Caión. Se queres vir...
-Non, que eu non sei andar...
-...
[...] A romaría celebrábase o venres despois da Semana Santa. Pola volta tamén se lle chamaba “o venres das trailalalas”. Acudía xente dende Mesoiro, Feáns, Palavea ou Eirís, e dende esta aba do monte subían cantadores dende Morás, Loureda, Arteixo ou Lañas. Entre o cura e o sancristán amañaban unha misiña moi sinxela que xeralmente se facía no adro. Tanta xente non collía nin de chiste nunha capela que debía ter dez metros cadrados como moito. Non se facía procesión, e non había músicas nin pólvoras. Tras recibir a bendición, tódolos asistentes facían rodas concéntricas arredor do sancristán. Ninguén falaba, e o único que se escoitaba eran os pasos da xente colocándose nos círculos. Cando xa ninguén se movía, xurdía o rumor da brisa nas polas máis altas das árbores, o rechouchío livián dun ferreirolo ou o crí-crí dun grilo namorado. Nese momento, o sancristán propuña unha melodía mirando ao ceo. Non era unha cántiga con letra: era un ailalelo cunha música asequible para todos os presentes, que pouco a pouco se ían sumando.
Aquela mecha de salmódicos ailalelos prendía tanto nos cativos máis inquedos como nos máis serios patróns. Acababan cantando tanto as mociñas casadeiras como as viúvas máis resesas. Absolutamente todos os presentes ían caendo no trance da cantarea e a intensidade medraba progresivamente. Non sabería dicir canto tempo estaban así, pero eu penso que máis dunha hora. Cando a melodía principal xa se confundía con aturuxos e berros de alegría as rodas ían desfacéndose, e os romeiros marchaban amodiño, pero sen deixar de cantar. Polos distintos camiños de volta, os grupos de xente de parroquias distintas aínda se intercambiaban ajrús a modo de despedida ata o vindeiro ano [...]
Sonche contos...
1. Vaia por deus, cheguei tarde para este ofrecemento.
Hai ben tempo, unha moza que ti ben coñeces dábame clases de pandeireta. Un día o que daquela era meu mozo, falou con ela sobre o moito gusto e as gañas que tiña eu de cantar.
Cando rematou a clase indicoume que me quedara e mentras que ela daba notas nunha frauta doce amañada eu debería acompañar a nota coa voz. Díxome que nunca tal vira, para mín era tan difícil atinar coa nota como para ela variar do xeito que o facía eu.
Supoño que sempre fun un pouco pecadora, jaja
2. E noraboa polo conto; eres un pozo de sabiduría popular e é unha alegría que o compartas con nós.
3. Fermoso ritual Rilo, ben digno de Ísis. Estas cousas dos canticos guturais e vocalicos en que cada un aporta a súa capacidade sen moita sapiencia musical, xa só acontecen nos vellos repiniques do blues, e con estrema vehemencia, nos estadios de fútbol de hoxe en día.
4. Albanta, que acontecería se pillaras ti a flauta e a profe tentara dar as notas do teu són?... seguro que che diría que non sabes tocar a fláuta, ao que ti poderías respostar:
-E ti tampouco sabes cantar o que eu toco, que carallo!.