Arteixo Castellano  Galego  

cóntame outro conto

etnografía de patacón

Unha visión do Paraiso

15/04/2010

Imagen

 

Esta fin de semana celébrase en Lañas unha festa con dous reclamos gastronómicos poderosos: polbo e roscón. Metéuseme a min no corno que queda na recámara unha bala, se de captar festexeiros se trata. Explícome: resulta que esta festa faise baixo o patrocinio de Santo Amaro, e a lenda persoal deste Santo xa daría pé a un suculento título:

 

Dende Lañas ao Paraíso”

 

Heivos de contar a historia de Santo Amaro, tal e como a min ma transmitiu Don Leandro Carré Alvarellos.

 

 

[...]Amaro herdou moi novo, ao morrer os seus pais. Home xusto, xeneroso e de alma branca como unha pomba, entregou aos pobres a súa riqueza, de non ser unha pequena parte coa que organizou unha viaxe en barco coa ilusión de encontrar o Paraíso. Anos despois, tras moitas treboadas e penurias varias, arribou a un porto, nunha costa isolada, onde presentiu estar no bo camiño. Amaro tomou terra, e botouse a andar ca única compaña dun bastón de toxo macho. O terreo íase volvendo agreste e costento, e os atrancos eran constantes. Con fe inconmensurable, o Santo foi salvando obstáculos, alimentándose coas raíces das queirogas e sen deixar en varias semanas de camiñar. E así foi, como dende o alto dun monte, localizou o Paraíso, aló embaixo, no medio do val. Para acceder, habería que sortear un inmenso paredón de prata. No medio da gran parede, unha porta de ouro...

 

Amaro petou respectuosamente, e dende o interior, o patriarca Henoch preguntoulle:

 

-Dime Amaro: cales son os teus desexos?

 

-Eu quixera contemplalo Paraíso, aínda que só fose por un momento...-respondeu Amaro dende o exterior.

 

-Pero iso non pode ser, meu home. Ese é un privilexio prohibido para vos, os mortais...

 

O caso é que Amaro insistiu tanto que o patriarca entreabriu a porta, permitindo que o Santo puidese ter nun par de segundos unha visión do Paraíso. Henoch fechou inmediatamente a porta, dicindo que xa vira abondo. O noso Santo, aflixido pola escaseza da visión, deu volta e desandou todo o camiño previo. O curioso foi que chegou ao porto no que deixara o barco en menos de dous días. Para a súa sorpresa, atopou tamén que o porto se transformara nunha vila na que destacaban as torres dunha igrexa. Amaro detívose a beber nun regato, e ollouse no reflexo con longas barbas brancas. Preguntou a uns arrieiros polo nome do lugar, e quen e cando a fundaran, achando por resposta que a vila ten o nome de Santo Amaro, e que fora fundada polos homes que chegaran nun barco trescentos anos atrás. A canda eles viñera un home, dixéronlle os arrieiros, de nome Amaro, que se internou un día cara a montaña e nunca máis voltou. O resto dos navegantes, ao cumprirse o ano da partida de Amaro, comezaran a construción da vila.

 

Comprendeu daquela todo. Amaro dirixiuse á igrexa, orou, e referiu a fregueses e cregos o que acontecera.

 

Ao rematar o seu relatorio caeu morto[...]

http://arteixo.cidadans.net/rilo/2010/04/15/unha-vision-do-paraiso/
1 Comentario - Enviar comentario

Nosa Señora da Cantarea

08/04/2010

Imagen 

Dicían os vellos en Santa Icía, que os máis vellos lembraban escoitar doutros máis vellos aínda unha curiosa historia que aquí e agora ben a conto: heiche de falar da Nosa Señora da Cantarea.

 

Deixáchesme caer que non sabías cantar, e o tal comentario deixoume pampo. Se fose noutros tempos, esta túa afirmación sería considerada pouco menos que un pecado.

 

[...] Aló, no curuto do monte estaba a antiga capela. Só tiña a imaxe da Nosa Señora e un altarciño de madeira de castiñeiro. Cando a capela se trasladou ó centro da aldea, un vello fidalgo de Vío doou unha imaxe de san Paio, e o protagonismo da Nosa Señora minguou, ata perderse nun curruncho da memoria dalgúns románticos adoradores de antigas lerias [...]

 

E dígoche, porque así o penso, que o feito de non saber cantar sería considerado en tempos un mal ou unha desas doenzas modernas, propias dos tempos, como pode ser a día de hoxe un estrés. Seguramente, se che escapase un comentario dese tipo nos tempos da antiga capela, a túa madriña ofreceríache a esta Santa.

 

Ocórreseme unha analoxía:

 

-Oes, que mañá imos de sendeirismo pola beiramar ata Caión. Se queres vir...

-Non, que eu non sei andar...

 

-...

 

 

[...] A romaría celebrábase o venres despois da Semana Santa. Pola volta tamén se lle chamaba “o venres das trailalalas”. Acudía xente dende Mesoiro, Feáns, Palavea ou Eirís, e dende esta aba do monte subían cantadores dende Morás, Loureda, Arteixo ou Lañas. Entre o cura e o sancristán amañaban unha misiña moi sinxela que xeralmente se facía no adro. Tanta xente non collía nin de chiste nunha capela que debía ter dez metros cadrados como moito. Non se facía procesión, e non había músicas nin pólvoras. Tras recibir a bendición, tódolos asistentes facían rodas concéntricas arredor do sancristán. Ninguén falaba, e o único que se escoitaba eran os pasos da xente colocándose nos círculos. Cando xa ninguén se movía, xurdía o rumor da brisa nas polas máis altas das árbores, o rechouchío livián dun ferreirolo ou o crí-crí dun grilo namorado. Nese momento, o sancristán propuña unha melodía mirando ao ceo. Non era unha cántiga con letra: era un ailalelo cunha música asequible para todos os presentes, que pouco a pouco se ían sumando.

 

Aquela mecha de salmódicos ailalelos prendía tanto nos cativos máis inquedos como nos máis serios patróns. Acababan cantando tanto as mociñas casadeiras como as viúvas máis resesas. Absolutamente todos os presentes ían caendo no trance da cantarea e a intensidade medraba progresivamente. Non sabería dicir canto tempo estaban así, pero eu penso que máis dunha hora. Cando a melodía principal xa se confundía con aturuxos e berros de alegría as rodas ían desfacéndose, e os romeiros marchaban amodiño, pero sen deixar de cantar. Polos distintos camiños de volta, os grupos de xente de parroquias distintas aínda se intercambiaban ajrús a modo de despedida ata o vindeiro ano [...]

 

Sonche contos...

http://arteixo.cidadans.net/rilo/2010/04/08/nosa-senora-da-cantarea/
4 Comentarios - Enviar comentario
Valid XHTML 1.0
Valid CSS
Algunos derechos reservados
Derechos reservados