Arteixo Castellano  Galego  

cóntame outro conto

etnografía de patacón

Conto de primavera

18/03/2010

Imagen

 

 

 

 

[...] “Es máis linda que un pexegueiro en flor...” Así mo dixo aquel home que se consideraba amigo do meu pai. Recordo que me puxen de tódalas cores. Estabamos no comedor, coa distensión da sobremesa, e penso que meu pai o escoitou, porque ollou para o meu pretendente como se quixese fulminalo. El andaría preto dos cincuenta anos, e eu contaba daquela catorce [...]

 

Escoiteille esta leria á propia protagonista cando os regos da vida xa corrían pola súa face. A pesar dos setenta anos que tería cando mo contou, un pouso de picardía aínda asomaba tralo azul do seu ollar.

 

[...] Ao primeiro sentinme como unha princesiña pretendida por un príncipe con reino propio que me sacaría de pobre. Pero despois vin como o meu pai obrigaba ao seu amigo a marchar da casa para non volver nunca. E dinme conta da realidade. Que ía facer eu, na flor da vida, en nupcias con un vello reseso ao que non coñecía de nada?[...]

 

Antonte abrín o portelo da horta para saudalo día e para que o fresco da mañá me espertase os sentidos. E foi alí, naquel intre, que me asaltou a primavera e lembrei este contiño.

 

[...] Non sei... ó final aquel velloucán non merecía senón unha chocallada. Ademais eu xa lle oíra aos meus irmáns dicirlle ese piropo ás mozas ás que querían camelar. Abofé non era para tanto, pero, claro, con catorce anos unha era moi impresionable [...]

 

O espectáculo natural dun pexegueiro en flor a primeira hora da mañá estáchevos pouco valorado nos tempos que corren. Antonte vivino, e recomendaríallo a calquera. Pero claro, a primavera sabe ben como escoller ás súas vítimas, e tamén como usar os seus métodos.

Se vos presta o intento, estade atentos.

Porque pode ser que escoitedes un cuco cucar, ou que vos ataque unha alerxia ás gramíneas.

Pode ser que un paseo pola beiramar vos molle os pes en Barrañán, ou que precisedes vitaminas ou sopas de burro canso.

 

 

Pode ser que notedes os días máis longos, ou incluso...

 

...pode ser que andedes en amores.

 

Sonche contos...

 

http://arteixo.cidadans.net/rilo/2010/03/18/conto-de-primavera-1/
1 Comentario - Enviar comentario

Comentarios:

  • 1. Nos tempos da mocedade decíamos: chegou a primavera, tempo de sol e calor; mingua a roupa e medra o amor. Máis con este tempiño, coidemos do amor que co resto pouco máis podemos facer.

    Publicado por: albanta | 26/03/2010 10:47:41

Publicar un comentario

Puedes realizar comentarios utilizando tu nombre de usuario y contraseña. Si aún no tienes un nombre de usuario y contraseña, pincha aquí para registrarte en Cuadernos Ciudadanos.



Recuperar contraseña



 


authimage


(Fijar cookies para el nombre, email & url)

Valid XHTML 1.0
Valid CSS
Algunos derechos reservados
Derechos reservados