Castellano Galego

-A filla do Cahirulo está máis ancha
-E non estará preñada?
-Co fea que é...?
-Mira que os mozos da parroquia saben que é de familia podente.
-Pois o cura non leu amoestación ningunha.
-Estaba máis pendente de chiscarlle o ollo á criada.
-Eu tamén o vin, eu tamén o vin!
-Ca! E despois láianse de que a xente fala deles.
-E non han de falar...
-Hai moita mala lingua na parroquia.
-Abofé...
Esta conversa, intercambio de pareceres, ou traxe de festa completo, ben puido producirse no adro de calquera igrexa á saída da misa do domingo. Pero confesareivos que foi unha ocorrencia, e que viu a luz á conta dunha copla que escoitei antonte:
"Moito me critica o mundo
moito me critica a xente
moitos lle sopran ó caldo
sen saber se está quente".
E cóntovos máis: esta copla, a parte de tirarme do maxín tamén me tirou dos recordos, e así foi como lembrei o que lle pasou hai un par de aniños en Lemaio a Pepe, un compañeiro de monteira:
Este meu compadre estivo en casa dunha señoriña da que lle deran referencias como contadora de lerias de antes e como tocadora de pandeireta. E así foi como Pepe empregou toda a mañá dun sábado en compilar contos e falares doutros tempos e en tomar leccións de como facer bailala pandeireta. Foi todo correcto. Moi agradable e digno de ser repetido. Despois da despedida, e xa con medio corpo fora da casa, Pepe foi interrompido pola dona:
-Oes, rapaz: se alguén pola volta che pregunta que viñeches facer aquí toda a mañá, ti dirás que me estiveches reparando a máquina de coser, que ben poderías... non é?
1. Nin falta que fai que o falar teña cancelas.
Un dos regalos de ser nai, aínda que non é condición indispensable, é o descubrimento da literatura infantil. O teu conto do home que aprendeu a ladrar lembroume un dos libros preferidos dos meus nenos hai xa uns aniños, era algo así como "Historias de cando os animais falaban" . O seu autor, Antonio Reigosa decía nunha ocasión que para alimentar o corpo hai comer alimento, pero despois hai que alimentar o espírito comendo historias.
Os contos son coma auga: quen non le ou escoita contos exponse a que se lle deshidrate o cerebro.
Oxalá que nunca nos chegue a seca. Grazas
2. Ou oh... non acordas o conto?... (algo así era). Mentres andaba con farrapos o rapaz, as lerias se encedellaban no probe que era e tamén na peniña daba. Cando deu en poder lucir polainas d'esteno e gaita nova, todos especulaban avere en que enrredos andaria. Co tempo deu en ser político. E avere, quén carallo lle sopla a gaita agora. E pensar, que todo o vicio lle veu gracias a unha S-I-N-G-E-R negra como un chamuzo e de pedaleo...