Castellano Galego

-Así é, doutor. Noto fallos de memoria, e a verdade é que eu non quería vir, pero os meus fillos insistiron. Entendo que con setenta anos ten que pasar, que todo son achaques... e non sei se terá algo que ver, pero dende hai quince días non podo sacar da cabeza a melodía do carro...
Non canta na Chá ninguén,
por eso meu carro canta,
canta o seu eixo tan ben
que a señardade me espanta.
O doutor Gordillo era andaluz, e non coñecía a Fuxan os Ventos, pero como neurólogo si sabería definir o “achaque” da súa paciente.
-Es normal, señora Manuela, que a su edad necesite entrenar la memoria. Le indicaré unos ejercicios. Y por lo de las musiquillas no se apure. Se les llama “gusanos musicales”: es como si usted tuviese en su cabeza una lista de canciones que a lo largo de la vida ha recopilado, y que de vez en cuando surgen. Lo que tiene que hacer cuando se canse del carro ese es pinchar otra. Y le digo más: incluso hacer esto puede ser un buen ejercicio para su memoria.
En realidade Manuela do Sancholo andaba amolada porque non conseguía lembrar as voces dos seus pais, que en paz descansen. O do carro era secundario, pois a ela sempre lle gustara a música, aínda que non a estudara. Manuela camiñaba cara á súa casa con estas cousas na cabeza e tratou de aparcar o carro de Fuxan os Ventos. Tirou de rancheras, banda sonora da súa xuventude, invocando á voz de José Alfredo Jiménez.
Tu retratito lo traigo en mi cartera
donde se guarda el tesoro más querido
y puedo verlo a la hora que yo quiera
aunque tu amor para mí esté perdido.
Foi relativamente fácil aprender o mecanismo da gramola, a forma de cambiar de “miñoca”, e así Manuela escollía pola mañá a música que a acompañaría ao longo do día. E mellor do asunto é que a música escollida traía de par dela recordos que estaban como agochados nunha segunda capa da memoria. O día que invocou á banda de música de Lombás interpretando “Ponteareas” unha manchea de lembranzas saíron a flote. O seu pai Eladio “o Sancholo” tocara o requinto na banda, e Manuela volveu a escoitar a voz do seu pai, cantaruxando e asubiando en baixiño o repertorio á vez que facía os labores. Manuela, con cinco anos, agarraba un carabulliño e facía como que dirixía. Agora lamentaba non ter estudado algo de solfexo, ou o propio requinto que aínda andaba polo faiado.
“E na festa de Santa Marta de Lombás todos aplauden á banda e á súa directora, Manoliña de Sancholo!!!”
Era a voz do seu pai, que volvía a escoitar de novo, cunha presenza tal, que as bágoas agromaron ao ritmo do pasodobre Ponteareas.
Manuela desfrutaba agora plenamente do seu peculiar achaque, pero aínda non dera coa voz da súa nai, da súa naiciña. Ata que un día lle deu por rememorar aquelas cantigas da infancia que dona Pura lles ensinara na escola.
Elas eran tres comadres e dun barrio todas tres.
Armaron unha merenda para ira o San Andrés.
Manuela do Sancholo paseaba pola vila, tan absorta nos seus pensares que ata os saúdos se lle despistaban. E pouco a pouco foise lembrando daqueles días nos que volvía da escola, dándolle patadas ós croios e cantando...
E xuntaron trinta ovos para cada unha dez.
Fixeron unha tortilla de tres codos ó través.
Xa non estaba paseando polas rúas da vila: Manuela do Sancholo víase pola corredoira da Groba, indo para a súa casa dende a escola dos Rexedoiros. Podía escoitar o correr das augas do regato da Ibia, e ata diría que un dos muíños do Sarete estaba a moer. E viuse a si mesma traspasando o portelo da eira, facéndolle un aceno de calma á Tula, aquela cadeliña inqueda. E a súa voz infantil entoando “as tres comadres” foi dando paso ao falsete agarimoso da voz da súa nai... Alí a estaba... de costas e remexendo unha presada de verzas no pote. Mamaiña, de nome Carmela da Braña estaba alí, e Manuela notou no corazón a punzada da emoción.
O delicado cantar da súa naiciña retornaba dende o pasado ao seu recordo.
Soy cautiva de tus besos
y así escribí en mi bandera
te he de querer mientras viva,
miña nena, mientras viva
y aún después de que me muera.