Castellano Galego
Quero hoxe abaixala cabeza e presentarvos a un mito. E abaixo a cabeza pola ousadía que tiven de adoptar o seu nome como pseudónimo cibernético, habendo como hai tantas combinacións de letras e significados para bautizar unha idea. Digo que é un mito porque basta unha soa ollada ao minucioso debuxo a pluma que o fotógrafo Veiga Roel fixo del para percibir nos seus ollos o brillo do máxico, do extraordinario. Teño que confesar que o carácter mítico que eu concedo ven dado por ser o primeiro exemplar de “gaiteiro con patillas” do que tiven coñecemento. Heivos de falar do que me contaron que hai máis aló das súas brancas patillas.
[...]Rilo de Betanzos para os de máis lonxe é Rilo de Piadela para os da vila de Betanzos. Manuel Rilo Pardo naceu en realidade na parroquia de Cis, no concello de Oza dos Ríos sobre o ano 1829. Gañou vintesete certames por toda Galicia, destacando o que se celebraba en Santiago de Compostela o 25 de xullo. Este premio compostelán, que noutra hora levaba aparellado o título de “mellor gaiteiro de Galicia” gañouno en máis dunha ocasión. Unha destas foi en 1893, e disque cos vinte pesos do premio mercou un boi.
Foi contemporáneo doutros fieras do instrumento, cos que compartiu sona e premios: o Fresco de Baio, Chumín de Céltigos, Xan Amil e sobre todo Xan Míguez, o Ventosela.
A rivalidade entre ambos era fomentada pola crítica e a prensa da época, tendo motivos sobrados para crear o enfrontamento. Cando aparece o Ventosela, o Rilo xa ía vello. A tradición e a pureza enxebre do de Betanzos contrapoñíase á innovación e ó descaro xuvenil do Ventosela, que trataba de introducir estilos alleos ao pais. O vello cronista oficial de Betanzos, Vales Villamarín adicoulle este soneto:
Naceu –según é fama- aturuxando
e facéndolle chiscos á parteira.
Ensinoulles ós merlos a muiñeiracando de pequerrecho iba c´o gando.
Foi un Don Xoan Tenorio namorando,
e un Marcial de calzón e de monteira,
e contaba no adral e na lareira
historias da “facción” e do rei Fernando.Sabía de memoria o Ciprianillo,
libraba da tirís e o garrotillo,
conxuraba os meigallos e o tronante...E nas romaxes d´este chan saudoso,
como gaiteiro enxebre e fachendoso,
non lle puxo ninguén nunca o pé diante. [...]
Igual pasaron máis de vinte anos dende que descubrín a imaxe adxunta.
Dende aquela, agardo pacientemente a que as patillas se me abrancuxen.
1. Xa ves... un toxo revirado, gaiteiro, e por enrriba, sen andar remendado co photoshop o amosas. Cantos anos de deixar medrar as patillas... cantos anos por deixalas ó branqueo ó carón do río de lavar.
2. E pese a todo o pobre Rilo foi pagado coa mesma moeda coa que este país paga aos seus mellores fillos.
Pouco antes de morrer o gaiteiro das brancas patillas foi quedando cego e impedido para o traballo. Contan que solicitou da Deputación Provincial da Coruña unha pensión para non morrer de fame, no xornal da Voz de Galicia aparece un artigo sobre o xusto que sería atender tal petición e dicía ?que de haber nacido en otro país lo hubieran elevado a un puesto de honor? e que polos seus méritos e dedicación á música popular ?bien merece un mendrugo de lo que se dispendia en cosas vanas?.
Pouco despois morreu , non sei se con mendrugo ou sen el.
A semana pasada fun a Carballo a unha homenaxe ao Xestal e a historia tamén rematou dun xeito semellante.
Algún día estes contos deberían ter outro final ?