Arteixo Castellano  Galego  

cóntame outro conto

etnografía de patacón

O vello Rilo

06/02/2010

Imagen          Quero hoxe abaixala cabeza e presentarvos a un mito. E abaixo a cabeza pola ousadía que tiven de adoptar o seu nome como pseudónimo cibernético, habendo como hai tantas combinacións de letras e significados para bautizar unha idea.          Digo que é un mito porque basta unha soa ollada ao minucioso debuxo a pluma que o fotógrafo Veiga Roel fixo del para percibir nos seus ollos o brillo do máxico, do extraordinario.          Teño que confesar que o carácter mítico que eu concedo ven dado por ser o primeiro exemplar de “gaiteiro con patillas” do que tiven coñecemento. Heivos de falar do que me contaron que hai máis aló das súas brancas patillas.

 

          [...]Rilo de Betanzos para os de máis lonxe é Rilo de Piadela para os da vila de Betanzos. Manuel Rilo Pardo naceu en realidade na parroquia de Cis, no concello de Oza dos Ríos sobre o ano 1829. Gañou vintesete certames por toda Galicia, destacando o que se celebraba en Santiago de Compostela o 25 de xullo. Este premio compostelán, que noutra hora levaba aparellado o título de “mellor gaiteiro de Galicia” gañouno en máis dunha ocasión. Unha destas foi en 1893, e disque cos vinte pesos do premio mercou un boi.

 

         Foi contemporáneo doutros fieras do instrumento, cos que compartiu sona e premios: o Fresco de Baio, Chumín de Céltigos, Xan Amil e sobre todo Xan Míguez, o Ventosela.

 

         A rivalidade entre ambos era fomentada pola crítica e a prensa da época, tendo motivos sobrados para crear o enfrontamento. Cando aparece o Ventosela, o Rilo xa ía vello. A tradición e a pureza enxebre do de Betanzos contrapoñíase á innovación e ó descaro xuvenil do Ventosela, que trataba de introducir estilos alleos ao pais.           O vello cronista oficial de Betanzos, Vales Villamarín adicoulle este soneto:  

Naceu –según é fama- aturuxando

e  facéndolle chiscos á parteira. 

Ensinoulles ós merlos a muiñeira

cando de pequerrecho iba c´o gando.  

 

Foi un Don Xoan Tenorio namorando, 

e un Marcial de calzón e de monteira,

e contaba no adral e na lareira

historias da “facción” e do rei Fernando.  

 

Sabía de memoria o Ciprianillo,

libraba da tirís e o garrotillo,

conxuraba os meigallos e o tronante...  

 

E nas romaxes d´este chan saudoso,

como gaiteiro enxebre e fachendoso,

non lle puxo ninguén nunca o pé diante. [...]

 

 

Igual pasaron máis de vinte anos dende que descubrín a imaxe adxunta.

 

Dende aquela, agardo pacientemente a que as patillas se me abrancuxen.  

 

 

http://arteixo.cidadans.net/rilo/2010/02/06/o-vello-rilo-/
2 Comentarios - Enviar comentario

Comentarios:

  • 1. Xa ves... un toxo revirado, gaiteiro, e por enrriba, sen andar remendado co photoshop o amosas. Cantos anos de deixar medrar as patillas... cantos anos por deixalas ó branqueo ó carón do río de lavar.

    Publicado . | 06/02/2010 19:22:42
  • 2. E pese a todo o pobre Rilo foi pagado coa mesma moeda coa que este país paga aos seus mellores fillos.
    Pouco antes de morrer o gaiteiro das brancas patillas foi quedando cego e impedido para o traballo. Contan que solicitou da Deputación Provincial da Coruña unha pensión para non morrer de fame, no xornal da Voz de Galicia aparece un artigo sobre o xusto que sería atender tal petición e dicía ?que de haber nacido en otro país lo hubieran elevado a un puesto de honor? e que polos seus méritos e dedicación á música popular ?bien merece un mendrugo de lo que se dispendia en cosas vanas?.
    Pouco despois morreu , non sei se con mendrugo ou sen el.
    A semana pasada fun a Carballo a unha homenaxe ao Xestal e a historia tamén rematou dun xeito semellante.
    Algún día estes contos deberían ter outro final ?

    Publicado albanta | 09/02/2010 15:02:21

Facer comentario

Puedes realizar comentarios utilizando tu nombre de usuario y contraseña. Si aún no tienes un nombre de usuario y contraseña, pincha aquí para registrarte en Cuadernos Ciudadanos.



Recuperar contraseña



 


authimage


(Fixar cookies para o nome, email & url)

Valid XHTML 1.0
Valid CSS
Algunos derechos reservados
Algúns dereitos reservados