Castellano Galego
Foi a semana pasada: saiamos do cine de ver unha película de vampiros e lobishomes (si... esa que estades a pensar...) é falabamos de que a realidade está limitada, e que por iso se crean este tipo de películas inverosímiles, e que o ser humano precisa fabular, inventar un universo paralelo para darlle saída aos desacougos da imaxinación.
Eu pola contra, argumentaba que a realidade supera á ficción, e foi daquela que lembrei unha historia da miña infancia. Real como a mesma vida. Unha historia de tintes vampíricos, e que non vos recomendo ler se tendes o ánimo mexeriqueiro.
Tería eu tres aniños, e ía coa miña nai a Santa Marta de Lombás, á casa dunha prima segunda recén parida. Na parada do trole topamos con outra muller de Santa Marta que nos abordou:
-E non irás co cativo a ver á túa prima?
-Pois vou... que ten de particular?
-Nada muller, é cousa túa. Pero que saibas que onte á noite andaban invocando a berros a San Silvestre na casa dos teus parentes. Se é cousa da meiga chuchona non lle conviña a unha criatura como a túa acercarse polos arredores...
Dicíase daquela que as meigas chuchonas eran os espíritos das bruxas que mentres estas durmían, saían transformados en moscóns a chuchalo sangue dos neonatos. Os cativos non gañaban peso, e consumíanse ata morrer, de non ser que se localizase o moscón responsable e se lle dese morte. Na miña familia xa houbera un caso: o meu bisavó Avencio esmagou contra á parede unha mosca a noite na que todos daban por morto ao seu fillo Moncho. Nese momento Monchiño reaccionou, e salvouse. O conto cerrouse ó día seguinte pola mañá, no que atoparon morta na cama na veciña parroquia de Lañas a unha vella con certa reputación...
Pero no caso que nos ocupa agora, direivos que miña nai era moi devota destas crenzas, polo que demos volta para a casa coa caixa de galletas surtidas e coa botella de viño doce que levabamos de galano. Existía tamén a certeza de que se un cativo asistía a un agonío podería caer sobre del o “mal do aire” ou “tangaraño” polo cal tería unha vida lúgubre e tenebrosa. Evidentemente ningunha nai quere iso para un fillo, e decidiuse a deixarme en casa da avoa para poder ir ela a ver á súa prima e á inocente criatura. Así o fixo, e ao chegar á Santa Marta parou na tenda da estación antes de ir cara a casa da tía Hermosinda. Preguntou polo caso, e respondeulle a tendeira:
-Que eu saiba pariu hai oito días, e non debeu de haber novedá, que Hermosinda aínda estivo aquí onte e non dixo nada...
A miña nai seguiu camiño co xesto estrañado, e antes de chegar á casa topou co primo Avelino. Avelino tiña quince anos e era o máis novo dos irmáns.
-Ou miña prima! E logo vostede por eiquí?
-Vou visitar á túa irmá e ao cativiño ¿quedan na casa? ¿que tal están?
-Quedan na casa, e sen novidade. Vaia indo que están a nai e o fillo espertos.
A miña nai fíxolle raro que Avelino levase un xersei de cuello vuelto en pleno mes de Maio, pero seguiu andando apurada por comprobar por si mesma que nesa casa non había moscóns.
...
-Que tal Rosiña? Como vai ese cativo?
-Pois todo moi ben. Naceu sen esforzo, e agora só chora cando ten fame.
Bueno muller, pois mellor así. Alégrome que non pasase nada raro...
-A dicir verdade, algo raro si que pasou...
A miña nai púxoselle o corazón nun puño, e preguntou polo recén. –Que lle pasou ó cativo?
-Ai nena! Ao cativo nada... –dixo ó fin a prima- pero non dis que batiches no camiño con Avelino...? E non te deches conta? O Avelino ten todo o pescozo cosido a chupetóns. Seica anda en amores cunha moza da Braña... nin que fose a meiga chuchona!!!
Miña nai só puido engadir:
-Acabáramos!!!
1. E ti sen querer entrar na festa, jajaja, estache ben o conto.
Estou totalmente de acordo contigo, non só polo feito de que a realidade moitas veces supera a fición senon que o mundo que nos arrodea cotidianamente, ofrécenos unha morea de posibilidades e de vivencias e tan siquiera nos decatamos delas. Eu polo menos ando sobrada.
Grazas polo conto, aínda teño que buscar o patacón.
2. Oíches Riliño, quedei pensando eu . . ., e sin ánimo de ofender eh!!, e logo xa non quedarían entradas para ir ver outra cousiña?