Arteixo Castellano  Galego  

cóntame outro conto

etnografía de patacón

Bailadora

16/01/2010

Imagen

 

Cando eu andaba no estudio era un mozo das romerías, bailador e divertido. Non había festa na vila, nin nos arredores, onde non aparecese danzando como un trompo esgarabelleiro. ¡Ai, aqueles valses, aquelas mazurcas, aquelas polcas e aquelas habaneras!          Entón o agarradiño aínda era un pecado venial, e bailabamos con tino para que os vellos non refungasen.          As mozas acorazaban o corpo con xustillos e non consentían o arrimo; pero arrecendían a roupa gardada con mazás e a carne lavada con xabrón de rosas. Os mozos bailabamos por darlles gusto ás pernas, e contentabámonos co cheiro...         Había na vila unha rapaza do meu tempo, xeitosa de corpo, feitiña de cara, leda de xenio, traballadora de condición, pescantina de oficio e limpa de conducta, pero picante nos dicires.         

As súas verbas tiñan o labio salgado dos mariscos. Os dicires escentilaban contentamente, e nos seus arredores non podía medrala tristura. A risa facíalle goios de amor nas fazulas, poñíalle pintiñas de malicia nos ollos e brillo de nacre nos dentes. Os andares, arfados e velaiños, facían no aire ronseis de gracia. Andaba descalza, e os engados da súa carne non tiñan segredo para os ollos de ninguén. Os pés lenes, as pernas brancas, os brazos redondiños. O corpo era un gran corazón prisado. Cantaba como un xílgaro e bailaba como un argadelo.

 

          […] Pensaba eu utilizar un anaco deste conto como introdución, para falarvos dunha bailadora e dun bailador que coñezo. E isto é o que me está a pasar: tecleo e tecleo, e non dou atopado a pausa para encanar ca miña anécdota. A fina retórica de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao acaríñame o espírito en cada frase. Humildemente, non podo menos que deixar a historia dos meus amigos danzaríns para outra hora, e ata me sabe mal meter aquí esta cuña. […]

          Era a rapaza máis fermosa da vila, e dábase conta do seu poderío. Escarolábase, bulrona, cando os señoritos forasteiros lle facían a rosca e revíase compasiva, cando os mozos do seu igual criaban o pasmo.          Ela gustaba de contar na ribeira os perigos nos que se metía, e as pescas estordegábanse de risa cos ditos da rapaza, que descubría, de miúdo, tódalas súas enchoiadas amorosas. Ela gustaba de acender fogueiras e logo apagalas, e nos seus feitizos de serea morrían os fumes dos señoritos e as olladas dos mozos mariñeiros. Era dona de si e viveu sempre ceibe de murmuracións.         Nos días de festa parecía outra. A saia longa, a chambra de foles, o pano de oito puntas. Unha lazada verde na trenza do pelo. A cara con certo remilgo de señoritinga. Os andares contados, por mor dos zapatos... Astra bailar tres veces non xurdía na súa face a risa escachada dos días soltos. No retorno da festa entraba na casa cunha sonrisa nos beizos e cos zapatos na man.

 

          A primeira vez que bailei foi con ela.          Eu adicábame, nos meses de vacacións, á vida de gandaia, e cando me fixen mozo quixen ser un tunante; pero non sabía bailar de modo. Eu reloucaba por aprender ben o agarradiño e lucirme nas romerías; pero non lles daba xeito ás pernas. Unha noite atrevinme:

 

          -Queres que botemos esta polca?

 

          -E ti sabes?

 

          -Imos ver.         

A rapaza comprometeuse a enseñarme, e eu pagáballe coa miña ledicia de estudiante. Empecei dando voltas á dereita. Ela levábame... “Agora dous pasiños de lado”. “Agora outra volta”. “Dalle máis aire ao corpo”. “¡Non saímos do sitio!”. “¡Ai, que burro!”. “Así, home, así”. “Agora vai ben”.

         Pouco a pouco fun aprendendo, e non tardei en bailar valses e mazurcas con certa mestría. Despois xa me fixen bailador e aproveitaba tódalas tocatas; pero afeito á miña compañeira non tiña gusto en bailar con outras. De remate os dous fixemos unha das mellores parellas.         A rapaza e máis eu estabamos unidos polo baile. Ela seguía bulrándose dos namorados, e eu ríame, a cachón, dos seus ditos. Queriámonos ben; pero non sentiamos desacougos amorosos. Se chegase a poñer ollo na súa fermosura bulraríase de mín como dos demais.          Con todo, a miña nai reprendíame:

 

          -Ti non es para comparar coa Sabela. ¿Por que non bailas con todas? ¡Sempre coa mesma, sempre coa mesma! Pois nin ti lle fas favor a ela nin ela cho fai a ti.

 

          -Baila moi ben, ¿sabe, miña nai?

 

          -Bailará; pero ela é unha pesca e ti es un estudiante. O baile é cousa do demo, e Sabela é unha boa rapaza. Probe de ti como non a respetes.          Miña nai, como tódalas nais, coidaba que o seu fillo era un Tenorio; pero a honradez de Sabela gardábase detrás de catro muros de cantería.         Marchei da vila cangado cun tíduo universitario, e as preocupacións do meu vivir arredáronme das troulas. Perdín a mocedade, fíxenme home; o baile chegou a parecerme cousa de parvos, e hai moitos anos que nin tan sequera vexo bailar.         Do tempo de estudiante non gardei un recuncho para as lembranzas de romería, e Sabela esvaíuseme da memoria.          Cando se proclamou a República lanceime á política e saín Deputado das Constituíntes. A miña vila quixo agasallarme e alá fun eu.         Desembarquei baixo o estrondo das bombas e entre o entusiasmo dos vellos amigos, que acugulaban o peirao e a ribeira. O azougamento non me deixaba camiñar, e se sodes sentimentais comprenderéde-la miña emoción, porque a vila natal non é como tódalas vilas.         Cheguei á casa de meus pais, e na veira da porta vin unha muller. Era gorda de ventre, de pernas e de brazos; a cara inflada e vermella; a boca sen dentes; a postura de regateira.

 

         Miroume, fite a fite, cos ollos mergullados en bágoas, e ó pasar a carón dela sioume con voz estremecida estas verbas:

 

 

          -¡Meu bailador!

http://arteixo.cidadans.net/rilo/2010/01/16/bailadora/
4 Comentarios - Enviar comentario

Comentarios:

  • 1. Un día escoitei a un home falar sobre a sorte na vida.
    Facía unha especie de comparación entre as nosas vidas e os terreos por un lado e a sorte e as sementes por outro. Contaba que as veces os ventos son favorables e levan sementes suspendidas que caen sobre os terrenos que as agardan, se os terreos estan ben fertilizados, esas sementes xerminarán e darán os seus froitos.

    Hai moita, moita xente con terreos ben coidados, mimados, regados, ... , nos que non dá agromado nada.

    Pobre bailadora!

    Publicado por: albanta | 25/01/2010 14:16:17
  • 2. Rilo, ti bailas?

    Publicado por: albanta | 25/01/2010 14:18:05
  • 3. Vai a ser que vou a remedar a un paisano galego, que polo visto vai enteverar o entroido 2010 de Arteixo con: "Un condón, por si pillo", e non, con: "Un estropajo, por si toca".
    O mundo sempre anda nas mismas, entre cousas de bailar ou cousas de fregar.
    Os que fregan se desgastan... os que bailan rexuvenecen, ou iso semella. Eu prefiro un Status Quo: What's your proposing?...

    Publicado por: . | 25/01/2010 20:23:50
  • 4. non, non bailo. Graciñas. Eu xa veño bailado...

    Publicado por: Rilo . | 26/01/2010 14:58:56

Publicar un comentario

Puedes realizar comentarios utilizando tu nombre de usuario y contraseña. Si aún no tienes un nombre de usuario y contraseña, pincha aquí para registrarte en Cuadernos Ciudadanos.



Recuperar contraseña



 


authimage


(Fijar cookies para el nombre, email & url)

Valid XHTML 1.0
Valid CSS
Algunos derechos reservados
Derechos reservados