Arteixo Castellano  Galego  

cóntame outro conto

etnografía de patacón

Eses pequenos xestos.

10/01/2010

Imagen[...] Eu era daquela un pícaro inquedo, pero con ducias de melodías que movían as ás como bolboretas no meu caletre. Na fin de semana, a biblioteca do Instituto de Noia estaba pechada, e tiñamos que pedirlle ao conserxe que nos abrise para que collésemos os libros que precisabamos. Podíamos acceder a calquer volume, menos aos dunha vitrina dourada que estaba a carón do mostrador: era a vitrina dos libros prohibidos.

           E así era que tódolos sábados pola mañá, antes de ir ensaiar coa banda do Liceo, o meu curmán Andrés e máis eu avisabamos ao conserxe e el nos escoltaba ata a biblioteca para dalo visto bo verbo das lecturas escollidas. A vitrina de marras tirábame da vista coma se fose a figueira da horta do cura no outono. Pepe,o conserxe cachoume absorto, tratando de ler os títulos a través do cristal:

 

          -Oes neno, que incluso mirar é pecado... así que xa sabes: dos outros estantes, o que precises, pero desa vitrina... nanai.

 

           Din que os figos se son roubados saben mellor, e así foi como convencín a Andrés de que entretivese ao conserxe mentres eu botaba un ollo na vitrina dourada. Ao principio negouse, pero un pouco de picadura de estraperlo fixo de aliciente...

 

          Estando dentro da biblioteca, Andrés requiriu a Pepe para unha falsa consulta no outro cabo da sala, mentres eu cun ferriño forzaba o fecho da vitrina dourada. Foi relativamente fácil, e botei a man ó libro máis próximo. Era de poesía, e estaba en galego. Fíxoseme raro que estivese prohibido un libro cun título tan suxerente: “Aires da miña terra”. Abrino como lle cadrou, e ao ler o tempo paróuseme:

 

         “Da aldea lexana fumegan as tellas;

 

         detrás dos petoutos vai póndose o sol;

         retornan pros eidos coa noite as ovellas

         tiscando nas veiras o céspede mol...”.

              -Prudencio, que xa imos!!!– A voz de Andrés tróuxome de novo á realidade do pecado, e en décimas de segundo reaccionei: pechei a vitrina dourada cunha man mentres coa outra escondía o libro dentro da tuba do meu curmán. Nin Pepe nin Andrés se decataron, e saímos airosos da biblioteca cara o ensaio da banda. Como íamos co tempo xusto, apertámolo paso e esqueceume que na campá da tuba de Andrés había un tesouro. Chegamos ao Liceo e sentamos nos nosos postos: eu na fila dos clarinetes, e o meu curmán coa tuba na ringleira de atrás. Nada máis comezar a primeira peza, o cura de Argalo que exercía de director, mandou parar bruscamente:

 

                  -E logo, Andrés, como é que che sona o instrumento tan velado? cambiaches a embocadura...? ou terás unha válvula taponada...?                 

                  -A min tamén me sona raro. –dixo el- Será dunha válvula... –e soprou a pleno pulmón para desatascar o instrumento, mentres eu botaba as mans á cabeza sabendo o que ía pasar.

 

                   Efectivamente: pola campá da tuba saíu despedido o libro, que foi caer aos pes do cura coa portada boca arriba:

 

          “Aires da miña terra” de Manuel Curros Enríquez.         

           Tras un incómodo silencio con tres cruces no ar, o señor abade dirixiuse de novo a Andrés:

 

                  -Como comprenderás, teño que dar parte ás autoridades...

 

                  E eu que xa me vía condenado, escoitei como Andrés respondía:

 

                  -E se lle pido confesión, e queda a cousa entre nolos dous...?

 

                  Todos escacharon coa risa. Todos menos eu, que aínda esperaba ser delatado, e menos o señor abade, que agarrou a Andrés e levouno por unha orella ao cuartelillo […]

 

                  E non se sabe porqué, pero Prudencio foi lealmente encuberto polo seu curmán Andrés, o cal levou tal somanta do cabo primero, que en quince días non se levantou da cama.

 

                  O que si se sabe é que Prudencio fundou en 1958 o grupo os Tamara, e que en 1968 gravaron o primeiro disco integramente en galego: “Na fermosa Galicia”. Neste disco, ao meu modesto entender, sobresae “O vello e o sapo”.

 

A grave e caristiosa voz é a dun tal Pucho Boedo...

 

          A crúa e dolorosa letra é dun tal Curros Enríquez...

 

                    A elegante e aqueloutrada música é dun tal Prudencio Romo...

 

                                                    E o pequeno xesto de Andrés...

                     

                                                                        ...Inconmensurable.

http://arteixo.cidadans.net/rilo/2010/01/10/eses-pequenos-xestos-/
2 Comentarios - Enviar comentario

Comentarios:

  • 1. Cro..cró!!!... e non ai máis que decir.

    Publicado por: . | 10/01/2010 19:59:45
  • 2. A mín pasame igual que o meu compañeiro . (para mín e entre nós que é o sioux) que non sei que máis decir.

    A friaxe e a humidade conxélanme o espíritu.

    O poema de Curros é tristísimo e a voz de Pucho, estremece ...

    Publicado por: albanta | 12/01/2010 21:00:28

Publicar un comentario

Puedes realizar comentarios utilizando tu nombre de usuario y contraseña. Si aún no tienes un nombre de usuario y contraseña, pincha aquí para registrarte en Cuadernos Ciudadanos.



Recuperar contraseña



 


authimage


(Fijar cookies para el nombre, email & url)

Valid XHTML 1.0
Valid CSS
Algunos derechos reservados
Derechos reservados