Arteixo Castellano  Galego  

cóntame outro conto

etnografía de patacón

Tipos do pais (VIII) Pepe do Chaveiro

28/11/2009

Imagen 

Ata onde me alcanza a memoria, e a de moitos que me precederon na nobre arte da escoita, os do Chaveiro eran os encargados de abrir e pechar as portas da Casa do Concello. Hoxe en día, o número de dependencias municipais cos seus respectivos conserxes está desfasado, pero fai trinta anos, e mirando máis cara atrás, a Casa do Concello (o “untamento”) era o único edificio municipal. A conserxería era un posto hereditario, e José Manuel Cotrofe, alias o Chaveiro, exercía como tal cando morreu aló polo ano sesenta e catro.

 

          O seu fillo Pepe, con dezanove anos, fíxose cargo do traballo e do apodo, pero por pouco tempo. O secretario municipal comezou a pedir informes e partes semanais cos que a conserxería debería deixar constancia escrita das entradas e saídas de documentos e xentes no edificio. Non era traballo complicado, pero Pepe non sabía ler nin escribir. E tivo que deixar a conserxería en favor do seu curmán Lolo, o cal tamén se apropiou do alias de “Chaveiro”. O que non lle puido birlar a Pepe foron as mañas de electricista, e os modos de fontaneiro. Por ese motivo, cada vez que no Consistorio había que cambiar unha bombilla, Lolo chamabao… Pepe collía a bicicleta e pedaleaba ata a Coruña… mercaba a bombilla por seis pesetas… pedaleaba de volta… cambiaba a bombilla… e Lolo dáballe cinco pesos polo labor.

 

          Despois das bombillas viñeron outras encargas que xa non collían na cesta da bicicleta, e Pepe sacou o permiso de conducir e mercou un Renault 4. Pouco a pouco as dependencias municipais foron a máis… e os problemas de mantemento tamén. Pepe traballaba exclusivamente para o seu curmán carrexando material dende a ferretería da Coruña para solucionar os problemas de mantemento das instalacións do Concello. Cando o ritmo era de catro ou cinco viaxes ó día, nunha arroutada montou unha ferretería nun baixo que tiña a súa nai. Por non alongalo conto moito, direivos que o baixo pronto se quedou pequeno, pois aparte de autosuministrarse para as “chapuzas municipais”, a xente das parroquias deixou de ir ás ferreterías da Coruña en beneficio de Pepe. O negocio era próspero, e xa tiña dúas dependentas na tenda, mentres el andaba na furgoneta con un pinche. Este pinche era tamén torneiro, e propúxolle mercar un torno co cal aforrarían moitos viaxes ao almacén. Quero dicir que eles mesmos fabricarían as pezas: cabezas de martelo, tenazas, alicates, chaves fixas… e logo viñeron as puntas e os parafusos. Para o chollo este instaláronse nunha nave no polígono, e en pouco máis de quince anos, Pepe levaba unha empresa con cincuenta empregados...

 

          [...] O ano pasado o Consello Galego da Metalurxia condecorou a Don José Cotrofe Martínez co “Parafuso dourado”, pola súa dedicación, e sobre todo, por un plan de emprego estable, sostible e en constante crecemento ao longo de máis de trinta anos. No acto oficial da entrega, pedíronlle que asinase no libro de honra da institución.

 

          -Teño que confesarlles unha cousa: a rúbrica si sei facela, pero non me pidan unha adicatoria, que non sei nin escribir nin ler...

 

          O feito non causou ningunha reacción contrariada, pero un politiquiño local apresurouse a dicir:

 

          -Miña nai querida!!! e aínda así chegou ben lonxe polos camiños da vida. Que outras grandes fazañas tería feito este home de saber escribir...

 

          A resposta non tardou dous segundos:

 

          -Pois se soubese escribir sería o conserxe do Concello.

 

 

          Sonche contos...

http://arteixo.cidadans.net/rilo/2009/11/28/tipos-do-pais-viii-pepe-do-chaveiro/
1 Comentario - Enviar comentario

Comentarios:

  • 1. Pois ao mellor si e ao mellor non, que esta vida dáche moitas voltiñas e nunca se sabe ...

    Indepdendentemente de que a valía e a sabiduría dunha persoa non se pode medir con parámetros establecidos por outros e que o que vou decir a continuación ten válidez para mín pero non necesariamente para os demais. Eu recoñezo que coas letras me pasa o mesmiño que coas notas: se non podemos vivir sen música, tampouco sen literatura. Grazas á lectura visitamos lugares, tempos, paisaxes, personaxes ou situacións que serían inalcanzables para nós; e detrás da escrita parrafeamos moitas veces o que .....

    Publicado por: albanta | 03/12/2009 13:23:15

Publicar un comentario

Puedes realizar comentarios utilizando tu nombre de usuario y contraseña. Si aún no tienes un nombre de usuario y contraseña, pincha aquí para registrarte en Cuadernos Ciudadanos.



Recuperar contraseña



 


authimage


(Fijar cookies para el nombre, email & url)

Valid XHTML 1.0
Valid CSS
Algunos derechos reservados
Derechos reservados