Castellano Galego
Aló polo mes de maio, estiven preguntando en Soutullo, concello da Laracha, por unhas lerias das que teño vagos recordos, e que quería deixar aquí plasmadas sen ter que recorrer ó meu propio maxín. Non atopei (aínda…) as respostas que buscaba, pero si outras relacionadas que eu penso que poden armar un bo relatorio.
As dúbidas que eu tiña eran en relación a unha fonte de milagreiras augas dende a cal se ven tres igrexas, no bico de tres montes. E fáltame un pé desta estripia. Quero dicir que teño identificadas á capela da Estrela, na parroquia de Monteagudo, e á capela de Santa Marta, no límite das parroquias de Soandres, Soutullo e Coiro. O conto en cuestión fala de tres igrexas, e as contas son claras: fáltanos unha. A fonte milagreira está preto do miradoiro de Santa Marta, e a súa virtude consistía en que as vacas que dela bebían duplicaban o leite que daban……É a partir de agora (anque nos quede por localizar un dos templos) que o conto acada o carácter lendario que eu buscaba: as igrexas foron construídas por xigantes, que guindaban as pedras de monte a monte, quedando estas xa colocadas no sitio. Estes xigantes, ou xentís, foron noutrora unha raza moi común en toda Galicia, e incluso ao longo da franxa cantábrica. En Soutullo faláronme do derradeiro xigante de Monteagudo:
Delio dos Crebarrochas.
[…]Disque era descendente directo dos xigantes que fixeron a capela de Santa Marta, que á súa vez estaban emparentados cos Machucaxestas do Monticaño de Pastoriza. Delio, como os seus antepasados, vivía dentro do monte da Estrela, e por un túnel subterráneo chegaba ó iglesario, onde protexía á viga de ouro e á de alcatrán. Os Crebarrochas eran canteiros, pero a Delio déralle pola música, e adicábase a asubiarlle melodías caristiosas aos gaiteiros da contorna. Facíao mentres durmían, e así, os músicos pensaban que fora un soño, ou que a inspiración lles viñera no palleiro á hora da sesta. Tocaba a frauta mirando hacia Caión, e era así, con estes aires, como as velas das dornas se enchían co “vento da Serra”, ou vento do sur, moi agradecido para sair de porto. No remate da primeira lúa do outono Delio sopraba baixiiiiiño cara Santa Marta. En Soutullo, Soandres, Montemaior ou Coiro todos saben que é “o vento da Estrela”. Todos o saben, pero só algúns nos imaxinamos a Delio no bico do Monte da Estrela asubiando con tino. Se soprase forte sería quen de tirar abaixo casas e de deixar os terreos rasos. Co seu delicado soprar, abanea os castiñeiros nada máis que para botar abaixo ourizos […]
-Señora, e vostede viu algunha vez a Delio?
-Home non, pero dígoche unha cousa: en Soutullo nunca houbo necesidade de varealos castiñeiros.
Sonche contos…
1. Non Riliño,non; estos sonche moito máis que contos.Esto é pura tradición oral, esa da que tanto adolece a nosa cultura, porque salvando honrosas excepcións, estamola deixando esmorecer pouco a pouco, unhas veces por descoñecemento e outras por falta de interese,...
E para mín,..., son un regalo.
2. Mira, agora que o dis, en Larín tamén teñen unha tradición de xentís, dalguén que criaba cuxos para os xentís e que sin ver a ningún deles, sempre lle pagaban escrupulosamente o pactado...sempre e cando o cuxo fose atado coa súa corda no punto estipulado de entrega. A min contáronme este conto hai moitísimos anos. E efectivamente, estaban asociados a conventos e ordes relixiosas.
Tamén algúns vellos de Oseiro, sendo nena, me contaran que a igrexa de Oseiro se fixera nunha noite, e as pedras ían dende o monte de San Tirso rodando até a ubicación da actual igrexa. Como saira o sol, non dera tempo de rematala...É precioso que recordes esto.
Por certo, dende o miradoiro de Santa Marta, proba a mirar cara á Capela de San Roque de Larín . Ó mellor sáenche os tres pés para o banco.