Arteixo Castellano  Galego  

cóntame outro conto

etnografía de patacón

O COTO DO TESOURO

01/11/2009

Imagen            Pois non será por preguntar, por buscar en libros ou incluso por invocar ás ánimas, pero aínda non sei o porqué deste curioso topónimo, situado no comezo do Val de Loureda. E en base á busca do porqué, que se me escapa, propoño este retrinco.                    Gustaríame contarvos que unha galiña coa súa rolada de pitos de ouro sae pola noite sen que nunca ninguén puidese velos ou collelos. Pero claro, isto pasa no monte Castro en Lañas, e non neste “misterioso” coto do Tesouro. Tamén me resultaría grato emparentar o nome deste coto coa lenda, tan estendida por toda Galicia, que fala dunha mina de ouro e outra de alcatrán. No noso concello esta lenda si que se conta, pero en Monteagudo, na que os vellos falan de que por debaixo do monte que da nome á parroquia pasan estas dúas minas. Se alguén trata de collelo ouro, fará que o alcatrán se derrame ó exterior, provocando a morte de tódolos habitantes de Monteagudo. O conto estáchevos ben, pero segue lonxe do coto do Tesouro.                             

          Si que se relaciona coa parroquia de Loureda a historia de Xan da Albarda, e dos seus míticos cotovellos que nun tempo foron un auténtico tesouro. A priori, esta historia podería relacionarse co coto do Tesouro. O que pasa é que esta hipótese desmóntase cando vemos que o coto está a un lado do río, e o “tesouro” dos cotovellos criábase nos montes da outra aba do val, por Santa Locaia, Vilarchán, Sobico ou a Queixeira.

                     Heivos de remitir agora a unha serie de datos verídicos, e que tamén poden aportar luz sobre do carácter cuasilendario deste curioso nome:         

          […] Ao fondo do Val de Loureda, xusto “onde dá a volta o vento” (así se chama este cruce), botando a vista á esquerda nos atoparemos con un pico afiado, recuberto, como non, de alcolitos. Obsérvase con total nitidez a forma puntiaguda se miramos ao frente dende o lugar que lle chaman Troitín. Neste lugar había dous muíños coñecidos como “os troiteiros”. Era tal a cantidade de troitas que baixaban dende Boedo, que na canle destes muíños se podían pescar con baldes. Iso si: co permiso das lontras. Nos lugares do arredor ninguén lembra historias de mouros ou de encantos, pero non se pon en dúbida o nome do coto do Tesouro, que así se chama. Bordeando por tras deste coto, aínda hoxe se adiviña o carreiro que, dende as Prixelas de Canzobre remanece no lugar de Fortesende. Na casa grande de Fortesende morou en tempos Tristán Fortesende, cabaleiro de infame vida. A súa historia permanece entre nós gracias á pruma do noso viciño Antón Castro (“Vida e morte das baleas”. 1997. Ed. Espiral Maior)[…].                            Tampouco é que o vexa eu como un enigma sen solución, pero este topónimo me está dando moito que pensar. E iso, disque é bo para o chícharo. Remato transcribindo un cacho do prólogo que lle fixeron a Cunqueiro en “Tesouros novos e vellos”.         

          […]hai que ter tempo. A busca dos tesouros requere moita paciencia. Este é o segundo sésamo que permite atopar os tesouros. Compre moita paciencia, unha paciencia enorme. Hai que dialogar co tempo. Dialogar con el amorosamente, como se o tempo, pese ao seu xénero gramatical, non fora masculino, senón femenino. Dar tempo ao tempo, ¡qué frase maravillosa! Alimentar a nosa conversa co tempo co que máis lle pode agradar: con tempo tamén. Parolar con el de vagar, con preguiza, que é como máis lle gusta. Con esa preguiza que tanto loubou un gran buscador de tesouros, Stevenson, quizais un dos mellares buscadores de tesouros que ten habido nos derradeiros tempos. Por iso puido escribir “A illa do tesouro”; porque sabía moito de tesouros, e tamén de preguiza, de perdelo tempo. Pro sobor de todo do pracer de buscar, como o cazador, como o escritor, o que está nos intersticios do mato ou da lingoaxe […]                                       Sonche contos…

 

http://arteixo.cidadans.net/rilo/2009/11/01/o-coto-do-tesouro/
1 Comentario - Enviar comentario

Comentarios:

  • 1. Ese sí que é un grande tesouro: O TEMPO. Lembro cando era nena o que me cundía o tempo, os días pasaban devagariño e as semanas e os meses daban para contalos; agora xa non é que pasen rápido, é que me dá a impresión que non os dou nin pillado e penso que o mesmo lle ocorro aos meus fillos. Será que facemos cousas de máis?? Ás veces penso que aquél que nos contou que o tempo era un ben moi precido e que non se podía perder, mentiunos miserablemente. Os tonto fomos nós por facerlle caso. Toda esta tradición oral que nos regalas cada semana por esta ventaniña, practicamente desapareceu por non lle adicar ese tempiño que se consideraría "perdido" (non sei se me entendes). E falando de tempo, teño que marchar, aínda queda moito por facer antes de acabar o día. Un saúdo

    Publicado por: albanta | 05/11/2009 15:32:42

Publicar un comentario

Puedes realizar comentarios utilizando tu nombre de usuario y contraseña. Si aún no tienes un nombre de usuario y contraseña, pincha aquí para registrarte en Cuadernos Ciudadanos.



Recuperar contraseña



 


authimage


(Fijar cookies para el nombre, email & url)

Valid XHTML 1.0
Valid CSS
Algunos derechos reservados
Derechos reservados