Arteixo Castellano  Galego  

cóntame outro conto

etnografía de patacón

Tipos do pais (VIII) Pepe do Chaveiro

28/11/2009

Imagen 

Ata onde me alcanza a memoria, e a de moitos que me precederon na nobre arte da escoita, os do Chaveiro eran os encargados de abrir e pechar as portas da Casa do Concello. Hoxe en día, o número de dependencias municipais cos seus respectivos conserxes está desfasado, pero fai trinta anos, e mirando máis cara atrás, a Casa do Concello (o “untamento”) era o único edificio municipal. A conserxería era un posto hereditario, e José Manuel Cotrofe, alias o Chaveiro, exercía como tal cando morreu aló polo ano sesenta e catro.

 

          O seu fillo Pepe, con dezanove anos, fíxose cargo do traballo e do apodo, pero por pouco tempo. O secretario municipal comezou a pedir informes e partes semanais cos que a conserxería debería deixar constancia escrita das entradas e saídas de documentos e xentes no edificio. Non era traballo complicado, pero Pepe non sabía ler nin escribir. E tivo que deixar a conserxería en favor do seu curmán Lolo, o cal tamén se apropiou do alias de “Chaveiro”. O que non lle puido birlar a Pepe foron as mañas de electricista, e os modos de fontaneiro. Por ese motivo, cada vez que no Consistorio había que cambiar unha bombilla, Lolo chamabao… Pepe collía a bicicleta e pedaleaba ata a Coruña… mercaba a bombilla por seis pesetas… pedaleaba de volta… cambiaba a bombilla… e Lolo dáballe cinco pesos polo labor.

 

          Despois das bombillas viñeron outras encargas que xa non collían na cesta da bicicleta, e Pepe sacou o permiso de conducir e mercou un Renault 4. Pouco a pouco as dependencias municipais foron a máis… e os problemas de mantemento tamén. Pepe traballaba exclusivamente para o seu curmán carrexando material dende a ferretería da Coruña para solucionar os problemas de mantemento das instalacións do Concello. Cando o ritmo era de catro ou cinco viaxes ó día, nunha arroutada montou unha ferretería nun baixo que tiña a súa nai. Por non alongalo conto moito, direivos que o baixo pronto se quedou pequeno, pois aparte de autosuministrarse para as “chapuzas municipais”, a xente das parroquias deixou de ir ás ferreterías da Coruña en beneficio de Pepe. O negocio era próspero, e xa tiña dúas dependentas na tenda, mentres el andaba na furgoneta con un pinche. Este pinche era tamén torneiro, e propúxolle mercar un torno co cal aforrarían moitos viaxes ao almacén. Quero dicir que eles mesmos fabricarían as pezas: cabezas de martelo, tenazas, alicates, chaves fixas… e logo viñeron as puntas e os parafusos. Para o chollo este instaláronse nunha nave no polígono, e en pouco máis de quince anos, Pepe levaba unha empresa con cincuenta empregados...

 

          [...] O ano pasado o Consello Galego da Metalurxia condecorou a Don José Cotrofe Martínez co “Parafuso dourado”, pola súa dedicación, e sobre todo, por un plan de emprego estable, sostible e en constante crecemento ao longo de máis de trinta anos. No acto oficial da entrega, pedíronlle que asinase no libro de honra da institución.

 

          -Teño que confesarlles unha cousa: a rúbrica si sei facela, pero non me pidan unha adicatoria, que non sei nin escribir nin ler...

 

          O feito non causou ningunha reacción contrariada, pero un politiquiño local apresurouse a dicir:

 

          -Miña nai querida!!! e aínda así chegou ben lonxe polos camiños da vida. Que outras grandes fazañas tería feito este home de saber escribir...

 

          A resposta non tardou dous segundos:

 

          -Pois se soubese escribir sería o conserxe do Concello.

 

 

          Sonche contos...

http://arteixo.cidadans.net/rilo/2009/11/28/tipos-do-pais-viii-pepe-do-chaveiro/
1 Comentario - Enviar comentario

O DIA DA PATROA

22/11/2009

Imagen         
          A pasada semana chamáronme para ir tocar a un “evento”. Sería para hoxe, día de Santa Cecilia, e faloume unha secretaria dun concello que non era Arteixo. Podería selo, pero en serio volo digo: non é Arteixo, e tampouco linda. O caso é que a conversación chegou a este punto:
        -Hombre, Señor Rilo: considerando su condición de gaiteiro, tendríamos a bien contratarlo para tocar unas piezas enxebres a la salida de la misa de Santa Cecilia, y como vostede menea los dedos por el punteiro arriba que da xenio verlo, y además sus emolumentos no son moi elevados, pues el señor concelleiro pensó en usté para la misa solemne…
        Así me dixo a ghicha, cun acento inclasificable. Eu tratei de escorrer o vulto:
        -Mire, de verdade que llo sinto, e prégolle que lle transmita ao concelleiro o meu pesar por non poder asistir, pero é que teño xente a comer na casa… e é o Santo da miña filla, e ademais é o día da patrona…
        -Pues vale. No se preocupe. Si no puede, no puede. Menos mal que hoy le das una patada a una pedra y te sale un gaiteiro. Otro habrá que poida.
        E eu pensei: “Dios que a dou… o mal que fala, pero que razón ten!”. Entoxóuseme entón saír con outra honra deste lance, e espeteille:
        -E logo, vostede é funcionaria, señorita?
        -Pues si. Saqué la plaza justo antes de las pasadas elecciones… y menos mal…
        -Pois permítame unha pregunta. Vostede vai traballar o día de Santa Rita?
        -…
        Agora si. Os cinco ou seis segundos de silencio fixéronme ver que algo entendeu da cuestión, pero aínda así, eu quedei amolado. ¿Foi un ataque de fachenda gaiteira, ou cometín unha soberbia? ¿Boteime para adiante, ou boteime por fora? Estiven tres días cavilando, e a iluminación chegoume da man dun acordeonista camándula, compañeiro da Academia Cañoto que hai cinco ou seis anos comezaba os seus concertos dando lectura a este manifesto:
 
        [….]Chegará o día en que a música se revire na vosa  contra. Tanto dispoñer dela, ao servizo de outras artes, ou incluso doutras frivolidades traerá consecuencia. A música, a "señora-Música", revelarase, e levaredes cun canto nos dentes.
 
        Desaparecerán as bandas sonoras das películas, e así os actores terán que aprender a chorar, sen que unha Sinfónica lles empurre as bágoas;
        Borrarase do dicionario a palabra "cantautor", pasando estes, se realmente o merecen, a denominarse poetas;
        Os albaneis deixarán de asubiar alegremente,mentres tabican, e as paredes que levanten non serán nada máis que tristes muros.
        E por Orfeo vos advirto, que cando pase todo isto, só nese intre, botaredes de menos aqueles tempos nos que se escoitaba música, sen necesidade de escusas, polo simple feito de deleita-la orella[…]
 
        Recordando este manifesto vino claro: o día do patrón, ou da patroa, non é para traballar, sexas carpinteiro, capataz de Alcoa, músico ou funcionario.
       
        Iso si: a min non me quita ninguén de tocar hoxe unhas pezas para consumo propio.
       
       Será no meu alprende, despois do café.

http://arteixo.cidadans.net/rilo/2009/11/22/o-dia-da-patroa/
3 Comentarios - Enviar comentario

DELIO, O DERRADEIRO XIGANTE

15/11/2009

            Aló polo mes de maio, estiven preguntando en Soutullo, concello da Laracha, por unhas lerias das que teño vagos recordos, e que quería deixar aquí plasmadas sen ter que recorrer ó meu propio maxín. Non atopei (aínda…) as respostas que buscaba, pero si outras relacionadas que eu penso que poden armar un bo relatorio.

                As dúbidas que eu tiña eran en relación a unha fonte de milagreiras augas dende a cal se ven tres igrexas, no bico de tres montes. E fáltame un pé desta estripia. Quero dicir que teño identificadas á capela da Estrela, na parroquia de Monteagudo, e á capela de Santa Marta, no límite das parroquias de Soandres, Soutullo e Coiro. O conto en cuestión fala de tres igrexas, e as contas son claras: fáltanos unha. A fonte milagreira está preto do miradoiro de Santa Marta, e a súa virtude consistía en que as vacas que dela bebían duplicaban o leite que daban…         

        …É a partir de agora (anque nos quede por localizar un dos templos) que o conto acada o carácter lendario que eu buscaba: as igrexas foron construídas por xigantes, que guindaban as pedras de monte a monte, quedando estas xa colocadas no sitio. Estes xigantes, ou xentís, foron noutrora unha raza moi común en toda Galicia, e incluso ao longo da franxa cantábrica. En Soutullo faláronme do derradeiro xigante de Monteagudo:

          Delio dos Crebarrochas.

 

          […]Disque era descendente directo dos xigantes que fixeron a capela de Santa Marta, que á súa vez estaban emparentados cos Machucaxestas do Monticaño de Pastoriza. Delio, como os seus antepasados, vivía dentro do monte da Estrela, e por un túnel subterráneo chegaba ó iglesario, onde protexía á viga de ouro e á de alcatrán. Os Crebarrochas eran canteiros, pero a Delio déralle pola música, e adicábase a asubiarlle melodías caristiosas aos gaiteiros da contorna. Facíao mentres durmían, e así, os músicos pensaban que fora un soño, ou que a inspiración lles viñera no palleiro á hora da sesta. Tocaba a frauta mirando hacia Caión, e era así, con estes aires, como as velas das dornas se enchían co “vento da Serra”, ou vento do sur, moi agradecido para sair de porto.        No remate da primeira lúa do outono Delio sopraba baixiiiiiño cara Santa Marta. En Soutullo, Soandres, Montemaior ou Coiro todos saben que é “o vento da Estrela”. Todos o saben, pero só algúns nos imaxinamos a Delio no bico do Monte da Estrela asubiando con tino. Se soprase forte sería quen de tirar abaixo casas e de deixar os terreos rasos. Co seu delicado soprar, abanea os castiñeiros nada máis que para botar abaixo ourizos […]         

 

 

           -Señora, e vostede viu algunha vez a Delio?

 

          -Home non, pero dígoche unha cousa: en Soutullo nunca houbo necesidade de varealos castiñeiros.         

          Sonche contos…

http://arteixo.cidadans.net/rilo/2009/11/15/delio-o-derradeiro-xigante/
2 Comentarios - Enviar comentario

OS BURROS DE ARTEIXO (II)

08/11/2009

     

                  Unha vez, chegou de volta a Sisalde unha curuxa que pasara un ano na Baiuca, a carón da vida urbana dos señoritos e explicoulles aos outros animais certos costumes dos homes vilegos. Contaba por exemplo, que na Vila facíanse concursos para determinar quen era mellor cantante ou artista de variedades.

                  Esta idea de adoptar costumes humanas callou, e inmediatamente organizouse un concurso de canto no que se anotaron a maioría dos animais da Fraga de Sisalde; incluso hubo dúas curiosas inscricións: o burro de Baselisa, que viña moer cada tres días coa súa dona, e tamén a mesma Baselisa, que se sentiu animada e en superioridade pola súa condición de persoa. Guiados pola curuxa, que aprendera na vila procedementos administrativos e de tipo xurídico-organizativo, decretouse que o concurso fallaríase por voto segredo e universal de tódolos participantes, que deste xeito, serían xurados de si mesmos. Así foi: tódolos animais, incluída Baselisa, subiron ao estrado e cantaron, recibindo un maior ou menor aplauso da audiencia. Despois das actuacións, anotaron o seu voto nun papeliño, e metérono dobrado no furado do Gran Tocón que aínda hoxe está a carón do Muiño dos Zapata, custodiado por un moucho, curmán segundo da curuxa. No momento do reconto, a curuxa subiu ao escenario, e leu de viva voz o que poñia nos papeliños:

 

             -O primeiro voto é para o burro!!!- Surxiron uns tímidos aplausos.

 

             -Segundo voto: o burro- Isto xa creou máis desconcerto.

 

             -Terceiro voto… de novo o burro…

 

         Os animais empezaron a mirarse uns ós outros, sorprendidos algúns e acusadores outros. Vendo que tódolos votos ían caendo do mesmo lado foi aparecendo tamén a vergoña. Todos sabían que non había son máis desagradable que o berrido do burro. Pero na votación non había trampa nin cartón. Terminado o reconto, quedou decidido pola “libre e imparcial decisión do xurado”, que o estridente e afogado berro do burro era o gañador, recibindo o título honorífico de “mellor voz da fraga e da súa contorna”.

 

 

           [...]A curuxa contoume algún tempo despois o que realmente pasara naquel concurso: cada participante, considerándose a si mesmo merecido vencedor, dera o seu voto ó menos cualificado dos demais, ou o que é o mesmo: votando a aquel que non podía ensombrecer o triunfo propio. Ó final, a votación foi case unánime. Só dous votos non foron para o burro de Baselisa: o do propio burro, que sinceramente votara polo reiseñor, e o de Baselisa, que como fiel representante do xénero humano, votara por si mesma.

http://arteixo.cidadans.net/rilo/2009/11/08/os-burros-de-arteixo-ii-/
3 Comentarios - Enviar comentario

O COTO DO TESOURO

01/11/2009

Imagen            Pois non será por preguntar, por buscar en libros ou incluso por invocar ás ánimas, pero aínda non sei o porqué deste curioso topónimo, situado no comezo do Val de Loureda. E en base á busca do porqué, que se me escapa, propoño este retrinco.                    Gustaríame contarvos que unha galiña coa súa rolada de pitos de ouro sae pola noite sen que nunca ninguén puidese velos ou collelos. Pero claro, isto pasa no monte Castro en Lañas, e non neste “misterioso” coto do Tesouro. Tamén me resultaría grato emparentar o nome deste coto coa lenda, tan estendida por toda Galicia, que fala dunha mina de ouro e outra de alcatrán. No noso concello esta lenda si que se conta, pero en Monteagudo, na que os vellos falan de que por debaixo do monte que da nome á parroquia pasan estas dúas minas. Se alguén trata de collelo ouro, fará que o alcatrán se derrame ó exterior, provocando a morte de tódolos habitantes de Monteagudo. O conto estáchevos ben, pero segue lonxe do coto do Tesouro.                             

          Si que se relaciona coa parroquia de Loureda a historia de Xan da Albarda, e dos seus míticos cotovellos que nun tempo foron un auténtico tesouro. A priori, esta historia podería relacionarse co coto do Tesouro. O que pasa é que esta hipótese desmóntase cando vemos que o coto está a un lado do río, e o “tesouro” dos cotovellos criábase nos montes da outra aba do val, por Santa Locaia, Vilarchán, Sobico ou a Queixeira.

                     Heivos de remitir agora a unha serie de datos verídicos, e que tamén poden aportar luz sobre do carácter cuasilendario deste curioso nome:         

          […] Ao fondo do Val de Loureda, xusto “onde dá a volta o vento” (así se chama este cruce), botando a vista á esquerda nos atoparemos con un pico afiado, recuberto, como non, de alcolitos. Obsérvase con total nitidez a forma puntiaguda se miramos ao frente dende o lugar que lle chaman Troitín. Neste lugar había dous muíños coñecidos como “os troiteiros”. Era tal a cantidade de troitas que baixaban dende Boedo, que na canle destes muíños se podían pescar con baldes. Iso si: co permiso das lontras. Nos lugares do arredor ninguén lembra historias de mouros ou de encantos, pero non se pon en dúbida o nome do coto do Tesouro, que así se chama. Bordeando por tras deste coto, aínda hoxe se adiviña o carreiro que, dende as Prixelas de Canzobre remanece no lugar de Fortesende. Na casa grande de Fortesende morou en tempos Tristán Fortesende, cabaleiro de infame vida. A súa historia permanece entre nós gracias á pruma do noso viciño Antón Castro (“Vida e morte das baleas”. 1997. Ed. Espiral Maior)[…].                            Tampouco é que o vexa eu como un enigma sen solución, pero este topónimo me está dando moito que pensar. E iso, disque é bo para o chícharo. Remato transcribindo un cacho do prólogo que lle fixeron a Cunqueiro en “Tesouros novos e vellos”.         

          […]hai que ter tempo. A busca dos tesouros requere moita paciencia. Este é o segundo sésamo que permite atopar os tesouros. Compre moita paciencia, unha paciencia enorme. Hai que dialogar co tempo. Dialogar con el amorosamente, como se o tempo, pese ao seu xénero gramatical, non fora masculino, senón femenino. Dar tempo ao tempo, ¡qué frase maravillosa! Alimentar a nosa conversa co tempo co que máis lle pode agradar: con tempo tamén. Parolar con el de vagar, con preguiza, que é como máis lle gusta. Con esa preguiza que tanto loubou un gran buscador de tesouros, Stevenson, quizais un dos mellares buscadores de tesouros que ten habido nos derradeiros tempos. Por iso puido escribir “A illa do tesouro”; porque sabía moito de tesouros, e tamén de preguiza, de perdelo tempo. Pro sobor de todo do pracer de buscar, como o cazador, como o escritor, o que está nos intersticios do mato ou da lingoaxe […]                                       Sonche contos…

 

http://arteixo.cidadans.net/rilo/2009/11/01/o-coto-do-tesouro/
1 Comentario - Enviar comentario
Valid XHTML 1.0
Valid CSS
Algunos derechos reservados
Derechos reservados