Castellano Galego
No lugar de Vilarnovo, na parroquia de Lañas había un xastre. A súa sona non era extraordinaria, pero traballaba pronto e barato. A miña nai aínda conserva unhas polainas e un calzón reberetados que lle fixo ao meu pai para o San Antonio do 59, no que tiveramos a función. O caso é que deste xastre, de nome Don Manuel, non se pode dicir que fose un home discreto e modesto. Quero dicir que se daba un certo aire de “artesán do retal” e de “virtuoso da agulla”. Tiña unhas mans finas e delicadas como se nunca tirase do sacho. E lucía un anel dourado cunha pedra colorada moi rechamante. O meu pai dicía que era un pouco mariqueiro, e eu dicía o mesmo do seu fillo, Manoliño. Vendoo agora, dende a distancia espacio-temporal, direivos que na miña casa falabamos dende a envexa de ver que para mantela familia había que sudar, levar os pantalóns remendados ou ter as mans cheas de callos; detalles estos que non se observaban na casa do xastre.
Cando Manoliño xa ía casadeiro, o seu pai chamouno a consultas un domingo despois de comer:
-E non terás pensado ir ao baile hoxe?
-Abofé quería ir, se vostede non se opón.
-Non home non. Por min non será. Pero preguntábame eu se terías plan con algunha rapaz.- Manoliño fíxose o interesante:
-Iso nunca se sabe, Señor….
-A ver, oh! Estás ou non estás apalabrado para hoxe?
-Pois a verdade é que non, Mi Padre.
-Daquela hoxe has trocalo plan, e has de ir ao Foxo, ao salón de Rumbo, que alí hai boas mozas e a ver se encontras unha que te trinque ben e te leve para a casa dela.
E así foi como Manoliño tirou á media tarde cara o Foxo disposto a comerse o mundo. Tocaba a orquestra Spallante, e certo era que había moitas mozas, como lle dixera seu pai. Tiroulle da blusa á que lle pareceu máis bonita, e díxolle catro lindezas. A moza púxose colorada, pero falou ben. Unhas lerias levaron as risas, e as risas levaron ao baile, e cando rematou o baile, Manoliño propúxolle:
-Se me das licencia acompáñote á casa.
-Vale. Eu son de Santa Locaia.
O xastre quedou mudo e pálido, pola camiñata que lle esperaba ata aló enriba, e tamén pola de volta a Lañas. Pero bueno, tamén entendeu que ao seu pai non lle ía parecer mal que chegase tarde por haber estado cunha moza.
Manoliño despediuse sen roubar bico ningún, pero apalabrando a cita do vindeiro domingo. Quixo atallar, e botouse monte ó través pola Carrancoba, contando de chegar antes á crucella de Vilarnovo, ao carón da casa paterna. Nun estreitamento da corredoira, a capa prendeulle nunha silva polo hombreiro, e pensou que era alguén que o suxeitaba:
-Ai, Señor!!! Pídame o que queira, pero non me faga mal ningún…
Vendo que ninguén respondía, fixo ademán de seguir camiñando, pero a silva tíñao preso, e el volvía a falarlle:
-Se é por cartos, o meu pai é xastre e ten moitos, pero non me faga dano, por Deus…
E botaba o corpo cara adiante, pero a silva non desenganchaba…
Anegadiño de medo estaba Manoliño, e xa logo co caletre sen ideas de tantas frases de piedade que levaba dito, namentres comezou a abrilo día. Cando a claridade llo permitiu, o fillo do xastre mirou cara atrás, e cando viu o que había……sacou unha navalliña do peto, e cortou a silva que o prendía, dicíndolle:
-Se foses home, o mesmo che facía.
1. jajajaja...ese conto tamén o sei eu, pero non sei se co mesmo protagonista. De todos os xeitos, é fantástico que os poñas en páxina web...a falta de tinta e papel.
2. Quén dixo medo sendo de día? Ao pobre prendérono polas costas, e xa se sabe o que pasa ... que non vemos; que se non...
Estou con L_DEL_J, é fantástico atopar estes contos para comezar a semana. Un saúdo
3. oi o meu nome e rodrigo xastre e gostaria de conhece todos os meus parente que mora fora do brasil e so me add no msn rodrigo-cardosorj@hotmail.com