Arteixo Castellano  Galego  

cóntame outro conto

etnografía de patacón

Obxectividade

11/03/2010

Imagen

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

-Mira, Tonecho: déixate de poesías e de palabreríos. Que queres dicir con iso de compartir soños e macarróns?

 

-Ai, Maribel: dende aquel día no que o meu ollar pousou nos teus andares...

 

-Para, para, para... Tonecho... Al grano: tes que ser obxectivo. Fálame sen reviravoltas, que así non me entero...

 


 

Cando Benito Vicetto redactou a primeira historia de Galicia en 1865, tirou de tripas, de corazón e de retórica, aparcando a obxectividade que Maribel demanda do seu pretendente Tonecho. Hoxe en día ninguén discute a escasa vocación científica da súa obra, pero neste retrinco voume permitir o luxo de reivindicala figura deste romántico transcribindo a súa particular visión da Galicia posdiluviana:

 

[...]Al retirarse las aguas del Diluvio, cuando la última onda, turbia y perezosa, se desvaneció en el azul trémulo del mar de nuestras costas, por una de esas reacciones admirables en el orden de la naturaleza, los valles y las montañas empezaron a cubrirse de verdor en poco tiempo: vejetación que elevaba a los cielos sus emanaciones virginales, como si la tierra, reconocida a las bondades de Dios, se inmortalizara en perfumes.

 

Lagos risueños y encantadores, cuyas purísimas aguas reposaban de la ebullición bullidora del Diluvio, esmaltaban sobre aquel delicioso esmeralda de los campos sus diáfanos cristales; cristales que reflejaban con la mayor riqueza de la luz la plata de los celages, y la púrpura de los arreboles del horizonte.

 

Flores de encendidas tintas, de lujosos matices y la de la más grata esencia, alzaban a los aires sus corolas mágicas, lo mismo en las suaves declinaciones de las marinas, que en las ondas de rocas de los desfiladeros sombríos.

 

Árboles de variadas formas, de caprichosas hojas y de esquisitos dorados y aromáticos frutos, surgiendo con profusión en los valles, se prolongaban por las pendientes rápidas, dominando las gigantes curbas y los rectos obeliscos de las montañas.

 

Los ríos estendían su aljofar sobre las arenas de oro de sus salveos.

 

Y la atmósfera, purísima y perfumada, sin que la más leve espiral de humo o polvo la empañara, parecía de topacio y azahar.

 

Tal era Galicia.

 

Las aguas del Diluvio absorvieran en sus olas bramadoras al mundo corrompido, según la voluntad de Dios; y por eso todo en la creación renacía a una nueva vida, de la manera más pura, virginal e inmaculada.

 

Galicia era entonces un vergel acariciado del Creador.[...]

 

 

-Mira, Maribel: non se pode ser obxectivo co que amas.

 

 


 

 

                           Grande verdade!!!

 


 

                                                  Sonche contos...


 

http://arteixo.cidadans.net/rilo/2010/03/11/obxectividade/
3 Comentarios - Enviar comentario

O falar non ten cancelas

04/03/2010

Imagen

-A filla do Cahirulo está máis ancha

-E non estará preñada?

-Co fea que é...?

-Mira que os mozos da parroquia saben que é de familia podente.

-Pois o cura non leu amoestación ningunha.

-Estaba máis pendente de chiscarlle o ollo á criada.

-Eu tamén o vin, eu tamén o vin!

-Ca! E despois láianse de que a xente fala deles.

-E non han de falar...

-Hai moita mala lingua na parroquia.

-Abofé...

 

Esta conversa, intercambio de pareceres, ou traxe de festa completo, ben puido producirse no adro de calquera igrexa á saída da misa do domingo. Pero confesareivos que foi unha ocorrencia, e que viu a luz á conta dunha copla que escoitei antonte:

"Moito me critica o mundo

moito me critica a xente

moitos lle sopran ó caldo

sen saber se está quente".

 

E cóntovos máis: esta copla, a parte de tirarme do maxín tamén me tirou dos recordos, e así foi como lembrei o que lle pasou hai un par de aniños en Lemaio a Pepe, un compañeiro de monteira:

Este meu compadre estivo en casa dunha señoriña da que lle deran referencias como contadora de lerias de antes e como tocadora de pandeireta. E así foi como Pepe empregou toda a mañá dun sábado en compilar contos e falares doutros tempos e en tomar leccións de como facer bailala pandeireta. Foi todo correcto. Moi agradable e digno de ser repetido. Despois da despedida, e xa con medio corpo fora da casa, Pepe foi interrompido pola dona:

 

-Oes, rapaz: se alguén pola volta che pregunta que viñeches facer aquí toda a mañá, ti dirás que me estiveches reparando a máquina de coser, que ben poderías... non é?

 

 

http://arteixo.cidadans.net/rilo/2010/03/04/o-falar-non-ten-cancelas/
2 Comentarios - Enviar comentario

miñocas no chícharo

25/02/2010

Imagen

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

-Así é, doutor. Noto fallos de memoria, e a verdade é que eu non quería vir, pero os meus fillos insistiron. Entendo que con setenta anos ten que pasar, que todo son achaques... e non sei se terá algo que ver, pero dende hai quince días non podo sacar da cabeza a melodía do carro...

 

Non canta na Chá ninguén,

por eso meu carro canta,

canta o seu eixo tan ben

que a señardade me espanta.

 

O doutor Gordillo era andaluz, e non coñecía a Fuxan os Ventos, pero como neurólogo si sabería definir o “achaque” da súa paciente.

 

-Es normal, señora Manuela, que a su edad necesite entrenar la memoria. Le indicaré unos ejercicios. Y por lo de las musiquillas no se apure. Se les llama “gusanos musicales”: es como si usted tuviese en su cabeza una lista de canciones que a lo largo de la vida ha recopilado, y que de vez en cuando surgen. Lo que tiene que hacer cuando se canse del carro ese es pinchar otra. Y le digo más: incluso hacer esto puede ser un buen ejercicio para su memoria.

 

En realidade Manuela do Sancholo andaba amolada porque non conseguía lembrar as voces dos seus pais, que en paz descansen. O do carro era secundario, pois a ela sempre lle gustara a música, aínda que non a estudara. Manuela camiñaba cara á súa casa con estas cousas na cabeza e tratou de aparcar o carro de Fuxan os Ventos. Tirou de rancheras, banda sonora da súa xuventude, invocando á voz de José Alfredo Jiménez.

 

Tu retratito lo traigo en mi cartera

 

donde se guarda el tesoro más querido

 

y puedo verlo a la hora que yo quiera

 

aunque tu amor para mí esté perdido.

 

 

Foi relativamente fácil aprender o mecanismo da gramola, a forma de cambiar de “miñoca”, e así Manuela escollía pola mañá a música que a acompañaría ao longo do día. E mellor do asunto é que a música escollida traía de par dela recordos que estaban como agochados nunha segunda capa da memoria. O día que invocou á banda de música de Lombás interpretando “Ponteareas” unha manchea de lembranzas saíron a flote. O seu pai Eladio “o Sancholo” tocara o requinto na banda, e Manuela volveu a escoitar a voz do seu pai, cantaruxando e asubiando en baixiño o repertorio á vez que facía os labores. Manuela, con cinco anos, agarraba un carabulliño e facía como que dirixía. Agora lamentaba non ter estudado algo de solfexo, ou o propio requinto que aínda andaba polo faiado.

 

“E na festa de Santa Marta de Lombás todos aplauden á banda e á súa directora, Manoliña de Sancholo!!!”

 

Era a voz do seu pai, que volvía a escoitar de novo, cunha presenza tal, que as bágoas agromaron ao ritmo do pasodobre Ponteareas.

 

 

Manuela desfrutaba agora plenamente do seu peculiar achaque, pero aínda non dera coa voz da súa nai, da súa naiciña. Ata que un día lle deu por rememorar aquelas cantigas da infancia que dona Pura lles ensinara na escola.

 

 

Elas eran tres comadres e dun barrio todas tres.

 

Armaron unha merenda para ira o San Andrés.

 

 

Manuela do Sancholo paseaba pola vila, tan absorta nos seus pensares que ata os saúdos se lle despistaban. E pouco a pouco foise lembrando daqueles días nos que volvía da escola, dándolle patadas ós croios e cantando...

 

E xuntaron trinta ovos para cada unha dez.

 

Fixeron unha tortilla de tres codos ó través.

 

 

 

Xa non estaba paseando polas rúas da vila: Manuela do Sancholo víase pola corredoira da Groba, indo para a súa casa dende a escola dos Rexedoiros. Podía escoitar o correr das augas do regato da Ibia, e ata diría que un dos muíños do Sarete estaba a moer. E viuse a si mesma traspasando o portelo da eira, facéndolle un aceno de calma á Tula, aquela cadeliña inqueda. E a súa voz infantil entoando “as tres comadres” foi dando paso ao falsete agarimoso da voz da súa nai... Alí a estaba... de costas e remexendo unha presada de verzas no pote. Mamaiña, de nome Carmela da Braña estaba alí, e Manuela notou no corazón a punzada da emoción.

 

O delicado cantar da súa naiciña retornaba dende o pasado ao seu recordo.

 

 

Soy cautiva de tus besos

y así escribí en mi bandera

te he de querer mientras viva,

miña nena, mientras viva

y aún después de que me muera.

 

 

 

 

http://arteixo.cidadans.net/rilo/2010/02/25/minocas-no-chicharo/
1 Comentario - Enviar comentario

O home que aprendeu a ladrar

13/02/2010

Imagen

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

               A semana pasada escoitei un conto que se me fixo raro. Abundan por estes lares historias sobre animais que falan como a xente. Os corvos que en realidade eran almas en pena con débedas pendentes neste mundo; as perdices que discutían se os dentes de Paulino Botas eran de ouro ou non; o cocho con sete San Martiños ás costas que rogaba pola propia matanza; “Morita”, a besta do tío José de Santa Icía, republicana e conselleira en amoríos...

 

          Igual é porque este conto chegoume do outro lado do océano, do Uruguai, e aló sonche moi peculiares para según que cousas. Sorprendeume escoitar esta leria, na que é un home o que torce o seu brazo, e lle dá por aprender a fala dos cans.

 

           [...]O certo é que foron anos de arduo e pragmático aprendizaxe, con lapsos de desalento nos que estivo a punto de desistir. Pero ó fin triunfou a perseveranza e Raimundo aprendeu a ladrar. Non a imitar ladridos, como teiman en facer algúns chistosos ou que se cren tal, senón a ladrar. ¿Que foi o que o impulsou a ese adestramento? Ante os seus amigos auto-flaxelábase con humor: “a verdade é que ladro por non chorar.” Sen embargo, a razón máis verídica era o seu amor case franciscano polos seus irmáns cans. Amor é comunicación. ¿como amar entón sen comunicarse?

 

          Para Raimundo representou un día de gloria cando o seu ladrido foi por fin comprendido por Leo, o seu irmán can, e (algo máis extraordinario aínda) el comprendeu o ladrido de Leo. A partir dese día Raimundo e Leo tendíanse, polo xeral no atardecer, baixo da glorieta, e dialogaban sobre temas xerais. A pesar do seu amor polos irmáns cans, Raimundo nunca maxinara que Leo tivese unha visión tan sagaz do mundo.

 

          Por fin, unha tarde animouse a preguntarlle, en varios sobrios ladridos: “dime, Leo, con toda franqueza: ¿que opinas do meu xeito de ladrar?” A resposta de Leo foi simple e sincera: “Eu diría que o fas bastante ben, pero terás que mellorar. Cando ladras aínda se che nota o acento humano.”[...]

 

          Sonche contos...

http://arteixo.cidadans.net/rilo/2010/02/13/o-home-que-aprendeu-a-ladrar/
1 Comentario - Enviar comentario

O vello Rilo

06/02/2010

Imagen          Quero hoxe abaixala cabeza e presentarvos a un mito. E abaixo a cabeza pola ousadía que tiven de adoptar o seu nome como pseudónimo cibernético, habendo como hai tantas combinacións de letras e significados para bautizar unha idea.          Digo que é un mito porque basta unha soa ollada ao minucioso debuxo a pluma que o fotógrafo Veiga Roel fixo del para percibir nos seus ollos o brillo do máxico, do extraordinario.          Teño que confesar que o carácter mítico que eu concedo ven dado por ser o primeiro exemplar de “gaiteiro con patillas” do que tiven coñecemento. Heivos de falar do que me contaron que hai máis aló das súas brancas patillas.

 

          [...]Rilo de Betanzos para os de máis lonxe é Rilo de Piadela para os da vila de Betanzos. Manuel Rilo Pardo naceu en realidade na parroquia de Cis, no concello de Oza dos Ríos sobre o ano 1829. Gañou vintesete certames por toda Galicia, destacando o que se celebraba en Santiago de Compostela o 25 de xullo. Este premio compostelán, que noutra hora levaba aparellado o título de “mellor gaiteiro de Galicia” gañouno en máis dunha ocasión. Unha destas foi en 1893, e disque cos vinte pesos do premio mercou un boi.

 

         Foi contemporáneo doutros fieras do instrumento, cos que compartiu sona e premios: o Fresco de Baio, Chumín de Céltigos, Xan Amil e sobre todo Xan Míguez, o Ventosela.

 

         A rivalidade entre ambos era fomentada pola crítica e a prensa da época, tendo motivos sobrados para crear o enfrontamento. Cando aparece o Ventosela, o Rilo xa ía vello. A tradición e a pureza enxebre do de Betanzos contrapoñíase á innovación e ó descaro xuvenil do Ventosela, que trataba de introducir estilos alleos ao pais.           O vello cronista oficial de Betanzos, Vales Villamarín adicoulle este soneto:  

Naceu –según é fama- aturuxando

e  facéndolle chiscos á parteira. 

Ensinoulles ós merlos a muiñeira

cando de pequerrecho iba c´o gando.  

 

Foi un Don Xoan Tenorio namorando, 

e un Marcial de calzón e de monteira,

e contaba no adral e na lareira

historias da “facción” e do rei Fernando.  

 

Sabía de memoria o Ciprianillo,

libraba da tirís e o garrotillo,

conxuraba os meigallos e o tronante...  

 

E nas romaxes d´este chan saudoso,

como gaiteiro enxebre e fachendoso,

non lle puxo ninguén nunca o pé diante. [...]

 

 

Igual pasaron máis de vinte anos dende que descubrín a imaxe adxunta.

 

Dende aquela, agardo pacientemente a que as patillas se me abrancuxen.  

 

 

http://arteixo.cidadans.net/rilo/2010/02/06/o-vello-rilo-/
2 Comentarios - Enviar comentario

A MEIGA CHUCHONA

28/01/2010

Imagen 

 

Foi a semana pasada: saiamos do cine de ver unha película de vampiros e lobishomes (si... esa que estades a pensar...) é falabamos de que a realidade está limitada, e que por iso se crean este tipo de películas inverosímiles, e que o ser humano precisa fabular, inventar un universo paralelo para darlle saída aos desacougos da imaxinación.

 

Eu pola contra, argumentaba que a realidade supera á ficción, e foi daquela que lembrei unha historia da miña infancia. Real como a mesma vida. Unha historia de tintes vampíricos, e que non vos recomendo ler se tendes o ánimo mexeriqueiro.

 

Tería eu tres aniños, e ía coa miña nai a Santa Marta de Lombás, á casa dunha prima segunda recén parida. Na parada do trole topamos con outra muller de Santa Marta que nos abordou:

 

-E non irás co cativo a ver á túa prima?

 

-Pois vou... que ten de particular?

 

-Nada muller, é cousa túa. Pero que saibas que onte á noite andaban invocando a berros a San Silvestre na casa dos teus parentes. Se é cousa da meiga chuchona non lle conviña a unha criatura como a túa acercarse polos arredores...

Dicíase daquela que as meigas chuchonas eran os espíritos das bruxas que mentres estas durmían, saían transformados en moscóns a chuchalo sangue dos neonatos. Os cativos non gañaban peso, e consumíanse ata morrer, de non ser que se localizase o moscón responsable e se lle dese morte. Na miña familia xa houbera un caso: o meu bisavó Avencio esmagou contra á parede unha mosca a noite na que todos daban por morto ao seu fillo Moncho. Nese momento Monchiño reaccionou, e salvouse. O conto cerrouse ó día seguinte pola mañá, no que atoparon morta na cama na veciña parroquia de Lañas a unha vella con certa reputación...

 

Pero no caso que nos ocupa agora, direivos que miña nai era moi devota destas crenzas, polo que demos volta para a casa coa caixa de galletas surtidas e coa botella de viño doce que levabamos de galano. Existía tamén a certeza de que se un cativo asistía a un agonío podería caer sobre del o “mal do aire” ou “tangaraño” polo cal tería unha vida lúgubre e tenebrosa. Evidentemente ningunha nai quere iso para un fillo, e decidiuse a deixarme en casa da avoa para poder ir ela a ver á súa prima e á inocente criatura. Así o fixo, e ao chegar á Santa Marta parou na tenda da estación antes de ir cara a casa da tía Hermosinda. Preguntou polo caso, e respondeulle a tendeira:

 

-Que eu saiba pariu hai oito días, e non debeu de haber novedá, que Hermosinda aínda estivo aquí onte e non dixo nada...

 

A miña nai seguiu camiño co xesto estrañado, e antes de chegar á casa topou co primo Avelino. Avelino tiña quince anos e era o máis novo dos irmáns.

 

-Ou miña prima! E logo vostede por eiquí?

 

-Vou visitar á túa irmá e ao cativiño ¿quedan na casa? ¿que tal están?

 

-Quedan na casa, e sen novidade. Vaia indo que están a nai e o fillo espertos.

 

A miña nai fíxolle raro que Avelino levase un xersei de cuello vuelto en pleno mes de Maio, pero seguiu andando apurada por comprobar por si mesma que nesa casa non había moscóns.

...

 

-Que tal Rosiña? Como vai ese cativo?

 

-Pois todo moi ben. Naceu sen esforzo, e agora só chora cando ten fame.

Bueno muller, pois mellor así. Alégrome que non pasase nada raro...

 

-A dicir verdade, algo raro si que pasou...

A miña nai púxoselle o corazón nun puño, e preguntou polo recén. –Que lle pasou ó cativo?

 

-Ai nena! Ao cativo nada... –dixo ó fin a prima- pero non dis que batiches no camiño con Avelino...? E non te deches conta? O Avelino ten todo o pescozo cosido a chupetóns. Seica anda en amores cunha moza da Braña... nin que fose a meiga chuchona!!!

 

Miña nai só puido engadir:

 

-Acabáramos!!!

http://arteixo.cidadans.net/rilo/2010/01/28/a-meiga-chuchona/
2 Comentarios - Enviar comentario

Bailadora

16/01/2010

Imagen

 

Cando eu andaba no estudio era un mozo das romerías, bailador e divertido. Non había festa na vila, nin nos arredores, onde non aparecese danzando como un trompo esgarabelleiro. ¡Ai, aqueles valses, aquelas mazurcas, aquelas polcas e aquelas habaneras!          Entón o agarradiño aínda era un pecado venial, e bailabamos con tino para que os vellos non refungasen.          As mozas acorazaban o corpo con xustillos e non consentían o arrimo; pero arrecendían a roupa gardada con mazás e a carne lavada con xabrón de rosas. Os mozos bailabamos por darlles gusto ás pernas, e contentabámonos co cheiro...         Había na vila unha rapaza do meu tempo, xeitosa de corpo, feitiña de cara, leda de xenio, traballadora de condición, pescantina de oficio e limpa de conducta, pero picante nos dicires.         

As súas verbas tiñan o labio salgado dos mariscos. Os dicires escentilaban contentamente, e nos seus arredores non podía medrala tristura. A risa facíalle goios de amor nas fazulas, poñíalle pintiñas de malicia nos ollos e brillo de nacre nos dentes. Os andares, arfados e velaiños, facían no aire ronseis de gracia. Andaba descalza, e os engados da súa carne non tiñan segredo para os ollos de ninguén. Os pés lenes, as pernas brancas, os brazos redondiños. O corpo era un gran corazón prisado. Cantaba como un xílgaro e bailaba como un argadelo.

 

          […] Pensaba eu utilizar un anaco deste conto como introdución, para falarvos dunha bailadora e dun bailador que coñezo. E isto é o que me está a pasar: tecleo e tecleo, e non dou atopado a pausa para encanar ca miña anécdota. A fina retórica de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao acaríñame o espírito en cada frase. Humildemente, non podo menos que deixar a historia dos meus amigos danzaríns para outra hora, e ata me sabe mal meter aquí esta cuña. […]

          Era a rapaza máis fermosa da vila, e dábase conta do seu poderío. Escarolábase, bulrona, cando os señoritos forasteiros lle facían a rosca e revíase compasiva, cando os mozos do seu igual criaban o pasmo.          Ela gustaba de contar na ribeira os perigos nos que se metía, e as pescas estordegábanse de risa cos ditos da rapaza, que descubría, de miúdo, tódalas súas enchoiadas amorosas. Ela gustaba de acender fogueiras e logo apagalas, e nos seus feitizos de serea morrían os fumes dos señoritos e as olladas dos mozos mariñeiros. Era dona de si e viveu sempre ceibe de murmuracións.         Nos días de festa parecía outra. A saia longa, a chambra de foles, o pano de oito puntas. Unha lazada verde na trenza do pelo. A cara con certo remilgo de señoritinga. Os andares contados, por mor dos zapatos... Astra bailar tres veces non xurdía na súa face a risa escachada dos días soltos. No retorno da festa entraba na casa cunha sonrisa nos beizos e cos zapatos na man.

 

          A primeira vez que bailei foi con ela.          Eu adicábame, nos meses de vacacións, á vida de gandaia, e cando me fixen mozo quixen ser un tunante; pero non sabía bailar de modo. Eu reloucaba por aprender ben o agarradiño e lucirme nas romerías; pero non lles daba xeito ás pernas. Unha noite atrevinme:

 

          -Queres que botemos esta polca?

 

          -E ti sabes?

 

          -Imos ver.         

A rapaza comprometeuse a enseñarme, e eu pagáballe coa miña ledicia de estudiante. Empecei dando voltas á dereita. Ela levábame... “Agora dous pasiños de lado”. “Agora outra volta”. “Dalle máis aire ao corpo”. “¡Non saímos do sitio!”. “¡Ai, que burro!”. “Así, home, así”. “Agora vai ben”.

         Pouco a pouco fun aprendendo, e non tardei en bailar valses e mazurcas con certa mestría. Despois xa me fixen bailador e aproveitaba tódalas tocatas; pero afeito á miña compañeira non tiña gusto en bailar con outras. De remate os dous fixemos unha das mellores parellas.         A rapaza e máis eu estabamos unidos polo baile. Ela seguía bulrándose dos namorados, e eu ríame, a cachón, dos seus ditos. Queriámonos ben; pero non sentiamos desacougos amorosos. Se chegase a poñer ollo na súa fermosura bulraríase de mín como dos demais.          Con todo, a miña nai reprendíame:

 

          -Ti non es para comparar coa Sabela. ¿Por que non bailas con todas? ¡Sempre coa mesma, sempre coa mesma! Pois nin ti lle fas favor a ela nin ela cho fai a ti.

 

          -Baila moi ben, ¿sabe, miña nai?

 

          -Bailará; pero ela é unha pesca e ti es un estudiante. O baile é cousa do demo, e Sabela é unha boa rapaza. Probe de ti como non a respetes.          Miña nai, como tódalas nais, coidaba que o seu fillo era un Tenorio; pero a honradez de Sabela gardábase detrás de catro muros de cantería.         Marchei da vila cangado cun tíduo universitario, e as preocupacións do meu vivir arredáronme das troulas. Perdín a mocedade, fíxenme home; o baile chegou a parecerme cousa de parvos, e hai moitos anos que nin tan sequera vexo bailar.         Do tempo de estudiante non gardei un recuncho para as lembranzas de romería, e Sabela esvaíuseme da memoria.          Cando se proclamou a República lanceime á política e saín Deputado das Constituíntes. A miña vila quixo agasallarme e alá fun eu.         Desembarquei baixo o estrondo das bombas e entre o entusiasmo dos vellos amigos, que acugulaban o peirao e a ribeira. O azougamento non me deixaba camiñar, e se sodes sentimentais comprenderéde-la miña emoción, porque a vila natal non é como tódalas vilas.         Cheguei á casa de meus pais, e na veira da porta vin unha muller. Era gorda de ventre, de pernas e de brazos; a cara inflada e vermella; a boca sen dentes; a postura de regateira.

 

         Miroume, fite a fite, cos ollos mergullados en bágoas, e ó pasar a carón dela sioume con voz estremecida estas verbas:

 

 

          -¡Meu bailador!

http://arteixo.cidadans.net/rilo/2010/01/16/bailadora/
4 Comentarios - Enviar comentario

Eses pequenos xestos.

10/01/2010

Imagen[...] Eu era daquela un pícaro inquedo, pero con ducias de melodías que movían as ás como bolboretas no meu caletre. Na fin de semana, a biblioteca do Instituto de Noia estaba pechada, e tiñamos que pedirlle ao conserxe que nos abrise para que collésemos os libros que precisabamos. Podíamos acceder a calquer volume, menos aos dunha vitrina dourada que estaba a carón do mostrador: era a vitrina dos libros prohibidos.

           E así era que tódolos sábados pola mañá, antes de ir ensaiar coa banda do Liceo, o meu curmán Andrés e máis eu avisabamos ao conserxe e el nos escoltaba ata a biblioteca para dalo visto bo verbo das lecturas escollidas. A vitrina de marras tirábame da vista coma se fose a figueira da horta do cura no outono. Pepe,o conserxe cachoume absorto, tratando de ler os títulos a través do cristal:

 

          -Oes neno, que incluso mirar é pecado... así que xa sabes: dos outros estantes, o que precises, pero desa vitrina... nanai.

 

           Din que os figos se son roubados saben mellor, e así foi como convencín a Andrés de que entretivese ao conserxe mentres eu botaba un ollo na vitrina dourada. Ao principio negouse, pero un pouco de picadura de estraperlo fixo de aliciente...

 

          Estando dentro da biblioteca, Andrés requiriu a Pepe para unha falsa consulta no outro cabo da sala, mentres eu cun ferriño forzaba o fecho da vitrina dourada. Foi relativamente fácil, e botei a man ó libro máis próximo. Era de poesía, e estaba en galego. Fíxoseme raro que estivese prohibido un libro cun título tan suxerente: “Aires da miña terra”. Abrino como lle cadrou, e ao ler o tempo paróuseme:

 

         “Da aldea lexana fumegan as tellas;

 

         detrás dos petoutos vai póndose o sol;

         retornan pros eidos coa noite as ovellas

         tiscando nas veiras o céspede mol...”.

              -Prudencio, que xa imos!!!– A voz de Andrés tróuxome de novo á realidade do pecado, e en décimas de segundo reaccionei: pechei a vitrina dourada cunha man mentres coa outra escondía o libro dentro da tuba do meu curmán. Nin Pepe nin Andrés se decataron, e saímos airosos da biblioteca cara o ensaio da banda. Como íamos co tempo xusto, apertámolo paso e esqueceume que na campá da tuba de Andrés había un tesouro. Chegamos ao Liceo e sentamos nos nosos postos: eu na fila dos clarinetes, e o meu curmán coa tuba na ringleira de atrás. Nada máis comezar a primeira peza, o cura de Argalo que exercía de director, mandou parar bruscamente:

 

                  -E logo, Andrés, como é que che sona o instrumento tan velado? cambiaches a embocadura...? ou terás unha válvula taponada...?                 

                  -A min tamén me sona raro. –dixo el- Será dunha válvula... –e soprou a pleno pulmón para desatascar o instrumento, mentres eu botaba as mans á cabeza sabendo o que ía pasar.

 

                   Efectivamente: pola campá da tuba saíu despedido o libro, que foi caer aos pes do cura coa portada boca arriba:

 

          “Aires da miña terra” de Manuel Curros Enríquez.         

           Tras un incómodo silencio con tres cruces no ar, o señor abade dirixiuse de novo a Andrés:

 

                  -Como comprenderás, teño que dar parte ás autoridades...

 

                  E eu que xa me vía condenado, escoitei como Andrés respondía:

 

                  -E se lle pido confesión, e queda a cousa entre nolos dous...?

 

                  Todos escacharon coa risa. Todos menos eu, que aínda esperaba ser delatado, e menos o señor abade, que agarrou a Andrés e levouno por unha orella ao cuartelillo […]

 

                  E non se sabe porqué, pero Prudencio foi lealmente encuberto polo seu curmán Andrés, o cal levou tal somanta do cabo primero, que en quince días non se levantou da cama.

 

                  O que si se sabe é que Prudencio fundou en 1958 o grupo os Tamara, e que en 1968 gravaron o primeiro disco integramente en galego: “Na fermosa Galicia”. Neste disco, ao meu modesto entender, sobresae “O vello e o sapo”.

 

A grave e caristiosa voz é a dun tal Pucho Boedo...

 

          A crúa e dolorosa letra é dun tal Curros Enríquez...

 

                    A elegante e aqueloutrada música é dun tal Prudencio Romo...

 

                                                    E o pequeno xesto de Andrés...

                     

                                                                        ...Inconmensurable.

http://arteixo.cidadans.net/rilo/2010/01/10/eses-pequenos-xestos-/
2 Comentarios - Enviar comentario

Tal como volo conto...

02/01/2010

Imagen 

Dicíase de Artai, fillo de Brigo, que era tan reflexivo, cauto e piadoso que os Deuses escoitaban as súas palabras as poucas veces que falaba. A súa autoridade espiritual na tribo era incuestionable. Cando se tiña un desexo insatisfeito, ou se precisaba conseguir algo moi difícil acudíase a Artai.

 

Contábase daquela, que Artai xuntaba unha vez ao ano a todos aqueles que demandaban a súa axuda. Conducíaos a un lugar que el coñecía no medio da fraga, e unha vez alí prendía lume dun xeito moi especial e fermoso. Logo, agarrados das mans, danzaban arredor da lumeirada mentres Artai entoaba unha estraña oración cos desexos de todos en voz moi baixiña, coma se fose un segredo...

 

Falábase que aos Deuses lles gustaba tanto o lume, a danza, a oración e aquela xuntanza de viciños, que non podían resistirse ás peticións de Artai e concedían ós presentes todos os seus desexos.

 

Cando Artai morreu, levou consigo moitos segredos, e entre eles, a devandita oración. Aínda así, todos os que tiñan un desexo por cumprir seguiron xuntándose unha vez ao ano no mesmo lugar da fraga, prendendo o lume tal e como o facía Artai, e danzando collidos das mans. Ao non coñeceren as palabras exactas do rezo, entoaban calqueroutra canción...

 

Falábase que aos Deuses lles gustaba tanto o lume, a danza, aquela xuntanza de viciños... que anque ninguén lembrase as palabras exactas, non podían resistirse ás peticións da tribo, e concedían igualmente ós presentes todos os seus desexos.

 

Xa choveu dende aquela, e o saber popular foise escangallando ata chegar ao 2010, no que nos atopamos.

E nos non coñecemos as palabras de Artai... nin sabemos cal é a fraga en cuestión... nin tan sequera seriamos capaces de prendelo lume daquel xeito...


 

Xa bo é que sabémolo conto!

 

E eu escoitei por aí, que aos Deuses lles gusta tanto esta historia, que basta que alguén a conte e alguén a escoite para que Eles, compracidos, concedan os desexos de todos os que estamos a compartir este momento...

 

http://arteixo.cidadans.net/rilo/2010/01/02/tal-como-volo-conto-/
5 Comentarios - Enviar comentario

O Mintireiro verdadeiro

26/12/2009

Imagen        […]¡Cantos contos contan os corriqueiros contadores de contos! Abofé! Cóntáronme que un contador de contos contaba as súas cabras cantando: “eu conto, ti contas, el conta… das contadas tamén come o lobo, Manuel, pro o lobo desconta.” E ide vos descontando deica o día nove, no que a lúa azúgase. Moito frío, neves a partir de 400 metros, e mirade que Santa Locaia ten 373. Está tempo de lareira e de contos sen desconto […]

         Velaquí tendes unha das típicas predicións que sobre o tempo climatolóxico facía “o Mintireiro verdadeiro”. Esta corresponde á primeira lúa do mes de decembro de 1997. Noutra hora se lle chamaba “Gaiteiro de Lugo”, e na maioría dos lares galegos era o calendario anual de referencia. O Zaragozano tamén contaba con moitos adeptos, e gozaba quizais de máis prestixio e rigorosidade, pero o Mintireiro tiña (e aínda ten) o toque autóctono. Xa na súa portada pon: “Iste calendario é chusqueiro, escotolido, galego-castelán, profético, enxebre, noticioso, artimañeiro e tamén barato.”

         Antes de que os comercios regalasen almanaques, o Mintireiro era a referencia que se tiña para saber as fases da lúa e tamén para ter unha previsión aproximada do tempo. E tratábase dunha previsión moi acertada, segundo palabras do propio Santiago Pemán. Hoxe en día acudimos ao noticiario para saber se tal día poderemos ir á praia, ou se choverá. E isto é bastante complicado e difícil de prever. As predicións do Mintireiro son máis xenerais, e están baseadas no sistema de sortes e resortes, moi válido e necesario para o home do campo.

 

                Mediante este sistema supoñíase que o tempo que fixese en determinados días do mes de decembro así serían os correspondentes meses do ano seguinte. Así, se o día 1 de decembro chove, pois o mes 1 (xaneiro) será chuvioso. E sucesivamente.        Segundo as zonas de Galicia as correspondencias varían. E ademais aparecen soltos días especiais. Así, na zona dos Ancares o catro de Maio é a sorte da castaña. Se ese día sopra do Norte ou hai trebón, a colleita da castaña será pobre no outono. Máis preto, aquí pola volta non se botaban nin millo nin patacas se sopraba o vento da Estrela. Se o vento non amainaba nos sete días de lúa, agardábase ao seguinte crecente.

 

         Ao almanaque este tíñaselle fe, a pesar das ducias de contos que circulaban sobre da súa feitura...

 

          [...] din que era un cura de Palas de Rei o que redactaba os textos das predicións, para levalos á imprenta a Lugo antes do Pilar. Faltaba aquel ano unha semana para o doce de outubro, e o cura andaba escangallado da ciática, e dispuxo que fose o sancristán o que escribise os capítulos meteorolóxicos.

         -Pero señor cura, se eu non lle sei nada do tema. Que lle hei de poñer?-         O cura respondeu:        

         -Menos neve en agosto ponlle o que queiras [...]  

 

 

 

       Sonche contos.

 

http://arteixo.cidadans.net/rilo/2009/12/26/o-mintireiro-verdadeiro/
1 Comentario - Enviar comentario
Valid XHTML 1.0
Valid CSS
Algunos derechos reservados
Algúns dereitos reservados