OSCAR DE SOUTO: SILENZO E AUTOFAGIA
23/07/2008
silenzo e autofagia
por Óscar de Souto
1
sons grabados no ar
melodias do vento.
luscofusco de inverno
música de gaitas
da terra que baila
no alalá do tempo…
sons grabados no ar
melodias do vento.
aturuxo eterno
pandeiro, pandeireta, tambor e bombo
musitando lenes
con sentimento
composicións escritas
na mente, no espazo
nesta tradición … que nunca falece !
lembranzas de gaiteiro
rebasando a vida e a morte
en regueifas sinxelas
máis alá de todo !
2
frauta rouca e celta
- agasallo do ceo -
que toca unha peza
- ininterrompida -
fráxil, feiticeira
neste .. verde mollado
(orballo benquerido)
choiba sen pasado
sobre o meirande prado …
… que viron os ollos.
corcheas, sonetos, negritas … resistindo no inferno
sobre o vento e as nubes
máis alá dos séculos
e máis alá de todo !
osixeno dos foles
bicando o mar e as serras
co sentimento …
desta terra que baila
o compás da vida
… na música dos versos.
“suono”
3
cando fuxe a calor do corpo
na friaxe dunha man postrada
co último ofego
fuxe tamén a vida :
alma e verbo silenciados
nesta mágoa sublime
alén das palabras.
dor…
dor dunha tarde calquera
o carón dunha cama triste
nunha despedida calada
sen verbo, sen lóxica.
inmensa ausencia infinita … durísima e incomprensíbel.
sen ti,
sen unha raiz,
sen meu amigo, sen meu avó,
sen a miña orixe na sangue e na luz
debo maxinarme a min de novo e renacer da dor
e aprender a vivir sen un pasado vivo. Buscándome outra vez
na magoa ferinte e atróz dun longo futuro de ausencias e de bágoas.
sen verbo, sen lóxica,
… sen ti.
“ nonno-metafora “
4
nubes quedas flotando nun océano de ar
alén das miradas
no firmamento malva desta fronteira intanxíbel
entre auga e vento.
postal meiga. Luscofusco
na costa silandeira i eterna
-paz inesgotábel-
que envolve os poemas sinxelos en cóxegas de brisas na face.
frios de bágoas, de ledicia
na tarde que morre … diante de ti.
paseniña ausencia do sol ardente
que vai fuxindo pausado
alén de todos nós
nun adeus
calmo
nú.
.
“postale”
5
o tempo, coma un río, corre presuroso cara o mar.…
contos dunha velliña o carón dunha cociña de ferro.
domingo. un inverno calquera.
historias grises dunha era finada xa fai cen anos daquela.
contos dunha repúbrica.
un tempo sen reis. comer :
un día si ... e dous non.
Mi Madre, Mi Padre, meus irmás… e máis eu.
estoupa a repúbrica, o pobo e a guerra. estoupa todo !
aquela bágoa da velliña lémbroa ben.
campos de pampoias nun ar perfecto.
cadaleitos do este… nun cheiro a pólvora.
minas de wolfram. morte e dor facendo o amor no palleiro.
todos morren no conto. cen mil cabos de ano
nun requiem eterno. un enterro por día.
todos morren no conto… agás a meniña …
o carón dunha cociña de ferro.
un domingo. un inverno calquera.
“Preziosa”
6
camiñando sobre o mar sereno,
calmo infindo, cristalino, ... eterno!
azul de azuis
no esperado luscofusco
-deste pequeno peirao-
de soños e de lembranzas...
no inmenso mar da quietude.
bule! corre enfervecido, aloucado,
entre as luces, entres as sombras... i estira os brazos,
acariciando o vento: coa tenrura máis pura...
do mundo que te alumbra.
e... salta... salta no abismo -sen medo-
caendo ingravido .... máis alá do mar!
eu estarei o final! (non o dubides)
-no meu mar- agardándote ... neste... o noso azul de azuis.
camiñando sobre un mar sereno
-calmo infindo- cristalino,
... eterno... o noso mar eterno...
o noso ....
...azul de azuis.
…
“ blue of blues “
7
un ramo de rosas rosas xace solemne
nesa gris estrada
no norte das palabras.
non marchitan co fume....
nin co tempo, nin con este sol...
respiran a mágoa, resisten por ti!
beben as bagoas desta soidade -cortante-
e florecen necesarias para ser vistas:
flor da morte calada na cuneta dos días.
un ramo de rosas rosas
naquela estrada gris
dunha tarde calquera.
unha flor,
unha vida,
un recordo,
unha alma....
que xa non esta... que xa se foi!
un ramo de rosas rosas para recordar.
“ flowers for remember “
8
carreiro de lume nas olas que fuxes hacia min querendo non quererme
máis alá do mar!
postal de sol ardente que acaricias a perfección
na tarde insonora que se apaga no ceo:
morrendo a cotío, es lume afogando... detrás do horizonte...
e alónxaste -fausto-
máis alá da luz!
desa luz .... que vive en ti
nadando no teu corpo brando -inmenso e sereno-
...
desfaise, evapórase … ese son calmado e fráxil, insonoro,
do teu morno calor: raio invisíbel, vivo... vivo no ceo e nas nubes....
vivo nos versos e na terra... debidos a ti.
na terra que se apaga.... xa tan lonxe de aqui!
carreiro de lume nas olas
que fuxes hacia min
querendo non quererme
máis alá do mar!
“the sun at closed the day”
9
xa teñen sentido tódolos meus porqués;
xa é lene, abofé, o meu novo versar...
-paseiño-
consciente das horas que fuxen do minutario:
sinxelamente ... buscándote...
nas follas espidas
dos poemas,
dos latidos,
destes adeuses que fuxen...
... máis alá da nosa vida!
“at other side of the heaven”
10
alta paz que me asiste
na lembranza doutrora
-na loucura dun neno-
resistindo silandeiro.
e nunha pena no abismo
namoreime un día de ti: terra-pais. luz: o meu paraiso.
lagos de flores amarelas adornan o chan mollado (tona do inferno)
a carón das pisadas.
nunha montaña sagrada
atopei un día unha idea
que me trouxo ledicia -razón de loita-
e un millón de versos.
verde escuro vizoso da miña morada sinxela
debaixo do ar e das nubes
que me van arrastrando, paseniño,
o noso acocho nas estrelas.
inmenso xardín aberto
na gloria das horas...
que falece caladiña.
“open garden”
11
ver...
saber da luz
no solpor máis claro.
asexar dende a pálpebra
inmensas inmensidades ...
nun mundo de azuis e verdes,
prados e mares. Pobo silandeiro
que rezuma vida nos poemas
querendo Ser de cote,
desexando Ter ...
mañás e ontes
sempre!
...
mar
vida
luz
... afogando nun ceo de verbas e feitos
nos encrucillados dun xornal antergo ...
que fai de berce a un bagamundo na rúa.
Debuxo coas letras o meu propio retrato.
Sangue, Terra, xogando coas miñas mans
a describir un eido gris, con poemas de cor.
.... .... ....
12
suicídanse as bágoas
coma tinta
sobre follas en branco
en poemas
nús.
no abrente dun Oxietra
inverbe ... e nacente
afogo na lembranza,
na morriña ...
do son rouco dos cavorcos
en Anabac.
un coro de corvos chámame dende a xanela iluminada
desa mañá
esquecida.
e hoxe son laio de recordos :
no Sangue, na Terra,
no Mar, na Xente,
no Verbo, na Noite,
... coma desculpas deste
non morrer ;
deste vivir en poemas, en pretextos ...
na resistencia dunha morada
na curva do reloxo.
batendo tempo a tempo
na fráxil inmensidade ... dunha páxina máis.
.....
13
son inorde do calmo encabuxado
que fuxe paseniño
nos soños da noita fecha
asexando dentro do latexo
dun corazón azul.
...
area infinda que percorro
nun andar lixeiro
coa presa da ilusión.
....
escoito bater olas
cando dorme o silenzo
na soidadade
de saberte sen min.
....
azul indescriptíbel
que dictas o destiño
dos teus amantes-adictos
que te buscan no contra-luz
dos teus luscofuscos.
....
contigo vivo e morro ... no desexo eterno
e sempre ... son feliz!
...
14
xeada miudiña
no val do Bolaños antergo
nos paseos da noite
desta cidade que dorme
amándote sen amar
e ... véndote
sen mirar.
...
atarefados no traballar copioso
nesta gris gaiola aberta
deste meirande ... prado dos prados
que nos ve morrer.
....
rio pequeno dos celtas
caendo cara o Bá
no suco estreito daquela
ponte de pedra
cara a rompente do azul dos azuis
no agarimo extremo
de morrer por El.
....
es zume transparente ;
bágoa divina do ceo
do monte silandeiro e altivo
do que naces
para finar sen verba
no fondo do fondo do Mar.
....
xeada miudiña
caendo conmigo sobre min.
...
15
"veni , vini , venci".
resoan na furna da caluga
as verbas
na busca eterna
casting perpétuo
desta luz ... da noite ... no día.
morro-vivo na áscua da loita na loita
desta nazón de xeonllos
no látigo afeito
a dar sen resposta.
fitan no chan as morriñas
nesa néboa espesa ...
sangue dos poemas
en folerpas de dor e gloria.
asasinan o entendemento
dos rendidos cavidbaixos
mortos de silenzo !
mar de estúpidos
nadando afogados...
.... neste océano fetal
de soños
imposíbels!
...
e navegan as letras no branco dun folio
coma a xente coma os nomes
no tempo na era
dun país ... sen país ....
.... morto !!!!!
....
16
recoñecín a Tano en Oxietra ... sen que os meus ollos ...
o viran endexamáis. Vin a súa maxestuosidade.
recoñecín o seu rostro de poeta grande
a súa rouca voz ferida de morte...
recoñecín a súa grandeza
no seu semblante de
fachenda núa ...
e guerreiro
da verba.
si !
....
recitando o seu carón
fondos cantos
no ar, aquel,
irrespirábel.
cuspimos versos alén dos ollos e das orellas: xordas e mudas.
con sangue nos beizos e con ausencia
himnos e poemas dos ...
bardos novos. nós.
sangue quente
das veas e dos sesos
na revolución miudiña do verso
contra este mundo gris
violando os desleixos das calugas
... outra vez !!!
... outra vez máis !!!!!
....
17
busco rio arriba
no vento das horas
en augas de minutos
o manantial cristalino lene
que viron os ollos dos ancestros.
....
camiño por un carreiro de verbas
pecado tras pecado tras pecado
na morriña dun día falecido
no esquecemento dos tumultos e do cemento.
....
persigo un tempo sen min
mellor que o noso.
....
imaxino que anda agochado
nas follas dun libro antergo
nunha fraga verde nun val perdido
nunha furna da costeira, entre os cavorcos,
ou nas pedras dunha montaña os pés dunha urbe.
...
u-lo meu tempo perfecto ?
onde se dispa toda a lenda da sangue nunha presa
de estrofas
inconclusas....
....
18
son semente da túa semente.
escribíndoche entre bágoas
neste tempo
horfo de ti.
herdei de súpeto
nun pesadelo real
unha casa baleira
o tatuaxe do teu recordo
grabado
no músculo sangrante dos meus latexos.
herdei, sen desexalo, un vello reloxo
nostálxico
e un par de xerseis.
pido o Vento terte o meu carón
sempre
i escoitar o teu silenzo manso
falándome cos ollos
hoxe coma na miña nenez.
son semente da túa semente
lembrándote
nesta era sen horas
nesta mágoa perpétua
camiñando sen rumbo
lonxe da túa man.
vello lancheiro de Saudnac
do esteiro de loito.
man de obra dos cementos de Oxietra
amigo e devanceiro
raíz talada
que NUNCA
ei esquencer.
...
19
pelexo coa folla en branco
violando as palabras.
acoitelando lóxicas
fago un suco na terra
coas miñas mans
para enterrar
o cadáver do meu propio corazón.
xogo de poemas e latexos
neste oxidamento do corpo
de costas a esperanza
no cabo de ano da razón.
un verso a morte que me busca.
teño unha bomba debaixo do peito
nacín morto
sen sabelo endexamáis.
puta conta atrás que me envelena
co tic tac que enfiaña
letras de sangue
na Terra do silenzo
e na morada
da nai da desesperación.
....
20
fixen carreira na rúa
master en supervivencia.
aprendín a coidar de min
e hoxe afogo
no mar das ausenzas
e dos pecados.
son bonicreque e marioneta
de todos os poemas do caixón
do esquecemento.
xogo a ser Bardo novo
só para vivir na túa caluga
un par de días máis
na miña resistencia a podrecer ancorado no destiño.
.....
21
tres e trece.
escoito chover trala xanela
desta vila que me adoptou.
no silenzo rotundo da noite
agardo a unha nena de dous nomes
que loita na xenreira do Sistema
no turno das dez que nos separa
para estar xuntos
antes de amencer.
en soidade escribe mellor a man
na nostalxia do día
na lembranza da retina dos ollos
mexando zume de poemas
e semen de ausenzas
ata as seis e dez.
....
22
sementadas as verbas
contra o desleixo
afloran da Terra os NUNCA MÁIS
neste prado en chamas
trocando branco o negro sobre o azul
neste inferno nú
e calado.
marea viva da estrela vermella
caendo de cote
sobre os peitos alzados
destes últimos ... camicaces da palabra.
...
23
Síndrome de Estocolmo.
un poema vestímolo de himno.
unha copa de viño pasa por escudo.
foise co tempo o vermello da bandeira.
non fomos quen de alzarnos
e perdemos
baixados os calzóns.
andamos a serpentear
arrastrándonos pola Terra.
cuspíndonos na faciana da nosa Nai
dende o renegamento
que nos divide por cero
ou por un.
.....
24
un verso a estatua da liberdade:
a súa cona xigante
cheirando a pólvora.
unha muller iraquí violada no deserto
busca o seu fillo
morto por unha bala perdida.
putísima liberdade vendida
deste futuro incerto
tralos mísils sobre Basora.
sube paseñiño a razón da loita:
vinte millón de cabróns gañan un pouco máis na bolsa.
unha parte do mundo ri, escoita,
e a outra cala ... e chora.
se hai máis cadaleitos mañá
o Ibex sube
e andaremos máis dereitos
pola rúa.
mellor tirar a tele no lixo
e pensar un pouco en nada.
non foi culma miña,
e cecáis, non foi culpa túa.
farei un poema con roupa de loito
ata que cesen as bombas miserábels
polo ouro negro SAQUEADO
nesta noite núa
lonxe de todo entendemento.
....
25
rezuman vida os anexos internos do corpo
como axioma de morte
nesta paseniña oxidación
dos poemas.
nesta bágoa de bicos
nestes bicos de bágoa:
prantura das pranturas
no mar de sangue morna
que latexa
no motor de todas as veas.
26
laranxa de cor azul
xirando queda
no ar do esquecemento
o carón das estrelas.
morada derradeira
terra-sangue
baixo as pisadas.
27
renacer en ollos de ilusión
amando un ronsel de amores
e latexos de ardentía
baixo o cerne do corpo.
28
aspirar:
cuspir metas
xogando a ser ...
.... escriba do mundo.
incomprendida comprensión parindo poemas
con tristura lene nas bágoas do sangue
das palabras
no teatro da vida.
péchase paseniño o telón
i escribo:
29
somos dous extranos
que nos coñecemos
moi ben.
semente e semente doutra semente
amigos de camiño
no cento e medio de noites
pescando ledos
nesa illa pequena
do esteiro inesquecíbel
en Anabac.
30
inventei a noite tranxénica o meu xeito
coma un tempo de presos
sen gardas.
droga-era
inferno
na miña hora
copulando co demo.
mexo poemas asonantes
na resaca dolorosa e ferinte
dos domingos indescriptíbels
máis alá do desleixo da razón.
31
RÍO BOLAÑOS.....
esbarando sen nome
cara o azul do Rañal
no suco pequeno de Oxietra
morada sen raíz
no contaxio ferinte
desta gaiola sen porta
na xanela
do demo-poeta.
32
ancorado na identidade do ser
parrafada na dispersión do FRACASO:
ferramenta imprescindíbel
para voar ingrávido
no festexo do silenzo
remuiño de ideas
na soidade perpetua
sinxelo ritmo das verbas
parindo poemas.
33
carne viva da carne morta
no seo ilóxico da alma
coma cabalo a galope no tempo
que leva a razón.
34
poeta na loita
do poema
sangue, corpo e alma
conxurados
contra o universo
no verso afogado
que o resuma todo ...
por fin.
como ola das olas
no cavorco da vida
en auga de letras
baixo a táboa da existenza
rompendo sublime
antes da hora derradeira
na gloria rebuscada de todas as glorias.
35
o silenzo da noite doe.
trazo de duda
violando a crenza.
poemas e sons
alzando o peito o ar.
xogo a ser Deus
da palabra.
ardo amodiño
na prudencia
morrendo silandeiro
creendo crer en nada.
somos liñas do destiño
albedrío do albedrío
e somos nós
nada máis....
.... pó.
36
doulle a volta a vida
e o folio ......
..... toma cor.
a lenda da historia regueifase de novo
unha e outra vez
para voltar a creer
no ceo e na terra
e a vivir
a respirar
e a sangrar.
poema da esencia
ilusión
parindo tinta e súor
no trazo das liñas
do amor.
nube altiva perseguindo
terra núa o carón de nós .....
..... pó.
37
estrela vermella da carraxe
sobre unha banda cor azul
coma o mar
nese lenzo de olvido e de algodón
xogando coas letras
e co ser.
son herba
son mar son azul
son ti en min sen min
e conmigo
na regueifa triste
xogando a xogar
cos peitos
e co verbo.
eu son
pó !!!
38
leo facianas
no mirar dos ollos
no folio
dun poemario.
atisbo ontes e hoxes
tardíos
no luscofusco
finando en vida.
liña de amigos
que fita partida
no mar do verso sen o corpo.
só,
nú,
eu,
ti,
pó,
e un poema entre nolos dous.
39
Oxietra íntimo
versado
escrito nun espello
de maxinación interna.
reviravolta
do verbo
sobre unha terra
debaixo das pisadas
e do tempo.
40
fito calado e lembro
andoriñas dende a xanela
noutro tempo
rechiando doentes
en fogaxe meiga e ardentía....
ar quente e calmo
nos prados daquel Oxietra
fértil
puro
salvaxe
antes do meu nome
sorrisos dos nenos
por riba do esquecemento
dos parias sen lingua
do hoxe que falece.
alma e verso contrapostos
en ausenza de ausenzas
que fita silente
na tona da terra
na podremia do sague
vivindo en min
e nos versos
últimos
da esperanza dun país.....
morto.
41
saloucos de vento a rentes da tona do mar.
neste querer do inferno
cuspindo adeuses
- naceches ti -
cantor silandeiro da auga e do ar.
...
sangue dos bardos e da costeira gris
- fillo do esteiro e da area,
irmá do verso -
...
nese falar silandeiro. Dicindo sen decir
tantas cousas !
agochadas no ventrículo febríl e vermello
que latexa paseniño
cara os cavorcos do fin da terra
no son liquido da memoria que pervive ...
no mañá do onte sen o onte,
no verso do mar sen o mar,
no mar do verso sen o verbo
e na vida do poeta ...
... ¡¡¡ sen Ti !!!!
...
42
na barreira invisíbel da xanela
entreaberta ... miráchesme dende o meu ollo
e todo tornou azul.
...
no abrente do día. Ese amencer clandestino
en rompente fogosa
- lene son do berce -.
...
amigo do ouriolo e do merlo
musitando conxurados
rumores
que voan no meu recordo
infindo.
...
luz e frio. Cóxegas do corpo brando
vivindo por non morrer
outro día máis
... na resistencia
dun tempo de amor
... sen amor.
...
rañan na caluga os poemas
no marzal florido
da mística pecadora dun folio
da cor dunha folerpa de neve.
...
43
carraxe:
sentimento fabricado por lagos internos
que aniñan nas polas dunha árbore
de veas e sesos
... e desesperación.
...
ultraxe:
pagana providencia
que vive en ti. Mort@ no verso
viv@ ou non.
...
maldade:
fogar do demo e do lume
- inapelábel -
onde todo peixe pica
nesta hora imperfecta
de casas baleiras
e cabos de ano.
...
44
nesta escampada perpétua
do invernadoiro que fixemos,
a poucos,
neste tempo sen orballos
levantouse a tempestade cotiá. Cúmulo inmenso
de feridas, estrozos ... furacán tras furacán,
maremoto tras maremoto ;
vinganza ... tras vinganza .... tras vinganza .... tras vinganza ....
nesta hora do mar que se alza derretido
- contra nós ...
e
por lóxica -
....
45
espaldas molladas de sur a norte
navegan a faciana ou cruz
- alma contra destiño -
costas magoadas ...
en chalupas de papel....
látigo
caendo de cote
por debaixo de meu.
...
...
46
se algo non vai
e non hai arreglo :
aritmética celta
... rachalo a puñadas.
darlle nos beizos...
e facelo de novo .
...
como desexa,
abofé,
este tempo seco
que chova sangue sobor de nós !
dunha vez pra sempre ! ... e xa !...
- arder o mundo, só, pra replantalo -
...
47
diáspora pequena
nesta fuxida do eido
que retorna ...
cada "weekend".
...
comer de "tuper"
nesta esmola por amolar.
...
hipotecada vida encasquillada
nunha tuberculosis núa.
...
liberdade en prisión
xa ... sen matices de cor.
...
abrente
que árdela terra que piso
... xa ...
sen bendición !!!!
...
48
arrentes do destiño transparente
sobrevoan almas inconclusas
que se firen no esquemento
deste apagón de versos
e de nomes.
...
49
vinganza núa
por todo.
e si !
que, coma onte,
os poemas sexan o fósforo do lume
que acabe ardendo nas veas,
nas calugas,
e no fondo do fondo de todo ...
o meu prado verde
... en chamas !!!!
...
50
recoñezo a vida en cada grolo de ar
seguro da miña sentenza
de morte ;
vivo cada poema
coma se fose derradeiro.
respiro porque afogo :
esa é a razón ...
de todo !!!
...