Silvia Penide e os embigos.
sábado, 03 de maio de 2008 22:16
O embigo é un furadiño curioso, ben centrado no bandullo, que sirve para que nos pensemos importantes e nos enchamos de superlatividade, con ou sen razón...
En principio, é o que se me ocorre, pero quería eu bota-la lingua a pacer libremente ao respecto do burato en cuestión.
Disque despois de nacidos, e dende o momento en que cicatriza, o embigo deixa de ter función algunha. Pero claro, como seres humanos que somos, a curiosidade nos estorsiona, e nos pide contas de porqué está aí, qué significa, ou cómo se borra.
Gracias ó embigo estivemos algunha vez exentos de instintos de supervivencia, xa que era a nosa nai a que facía o traballo por nos. Cando a correspondente matrona tronza o vínculo físico moitas veces tamén tronza o emocional. E de aquí ben a importancia de ter un nó ben feitiño.
Unha das Carballidas de San Román era carniceira, e axudaba nos partos. A súa encomenda consistía en anudar os embigos das criaturas, posto que o procedemento era o mesmo que o de atalos chourizos. Se fose nos tempos de hoxe, ben podería deixar o negocio da carnicería, e vivir ben a conta de amarrar embigos. Échevos unha operación estética moi de moda entre as mozas xaponesas. No hospital Jujin fanche o que lle chaman un "hesodashi", que costa mil e pico euros, e che deixan o embigo perfecto.
En Somalia, utilizan para amarralo pelo de camella, e cando cicatriza e cae só, continúa da man do seu dono a modo de amuleto. Onfalia era a deusa grega do embigo. Raro que estos non tivesen unha divinidade para o que consideraban o centro do corpo, da vida, do universo e da propia existencia. Segundo unha lenda turca, despois de que Alá moldease o primeiro home, o demo púxose tan furioso, que chuspiu na barriga do prototipo, que escomenzou a arder. O todopoderoso Alá conseguiu sofacalas chamas, pero non foi quen de borrala cicatriz.
E achegándonos a terreo coñecido, falareivos de Manuel María Puga y Parga, alias "Picadillo". O Conde de Anzobre todo un personaxe por méritos tales como os que vos conto: Alcalde da Coruña, xuiz de municipal en Arteixo e na Coruña, e escritor dun libro que dende 1905 aínda non se deixou de editar: "La cocina práctica". Deste libro, e dos seus comentarios polo medio das receitas habería que falar noutra hora. O caso é Picadillo naceu en Santiago, no 1874, e o embigo anudoullo unha comadrona estranxeira, da que non se soubo máis. Cando Picadillo tiña tres anos xa lle desaparecera o embigo.
Máis coñecida, e máis actual quizais sexa Silvia Penide. Non sei se foi unha comadrona estranxeira a que lle anudou o embigo, pero parece que non o ten, ou que é moi feitiño.
O vindeiro venres ás oito e media, no auditorio do paseo dos patos celébrase un auténtico recital de poesía.
E agora, co voso permiso, voulle botar un ollo ó meu embigo.
De acordeóns e orellas
luns, 14 de abril de 2008 14:27
Un meu pariente renegou da gaita, e botouse de cabeza ó acordeón. O rapaz colleu amores cunha moza de Oseiro que tiña un acordeón vello no faiado. O instrumento en cuestión pertencera a un tío-avó dela, coñecido noutros tempos polos arredores co alcume de "Nachina". Tamén lle chamaban Pontevedra, pois viñera daló. Non era o que se dí un virtuoso, pero tocaba muiñeiras, Jotas e incluso a Raspita. Un fenómeno disque non o era, pero polo menos, facía baile el só.
O caso é que o vello acordeón caeu nas mans deste familiar meu, e gatilla que gatilla, conseguiu amañar unhas repichocas e poñelas a tono para que sexan dignamente escoitadas.
Díxenlle eu: -E logo, non era ben darlle un pouco máis de brío para que a xente baile?
-Non, meu tío -respondeu el-. A idea é que a xente escoite. Para bailar xa están as verbenas.
Eu aínda non pillei ben a idea. O éxito do gaiteiro, noutra hora, era poñela xente a bailar, ou como pouco, a facelos partícipes da festa. E este condanado pretende que a xente utilice as orellas, e non os pes… e aínda por riba tocando o acordeón, que é o instrumento máis bailongo do mundo.
Dicíase neutros tempos, aló por Muxía, que un gaiteiro “tocaba para o vicio” cando non buscaba o rítmico e o bailable; cando buscaba na gaita as notas longas, e a cadencia lenta dos alalás. É o que poéticamente se define como “facer chorar a gaita”. Non sei, pero eu supoño que será máis fácil facer chorar un acordeón que unha gaita.Dígoo polo tema do fuelle, que no acordeón é elástico, e na gaita é ríxido.
A verdade é que a este meu sobriño lle leva idea o da música, pero separala do baile échevos tarea complicada. Veremos en que queda a cousa. Disque vai tocar próximamente nun destes bares modernos que temos no centro de Arteixo.
Cando saiba máis, xa vos contarei.
O MEU BEN QUERIDO ENTOMODELFO
xoves, 27 de marzo de 2008 23:18
[…] é un mamífero propio de Groenlandia e que, despois de se botar fóra do ovo, pasa en estado de ninfa as súas tres primeiras semanas ben gardadiño no casulo onde se lle desnvolven lixeiramente as ás, que, ó primeiro serán de pelica transparente ata chegar ós sete meses e nove días, que é cando lle comenzan a medrar as plumas. […]
Non recordaba eu o nome deste bicho, ata que vin no xornal a noticia: Xa está á venda "Das novas cousas de Ramón Lamote", de Paco Martín. Cando os nacidos no 76 cursabamos segundo ou terceiro da E.X.B., as aventuras deste profesor de chairego e debuxante de soños foron unha das nosas primeiras lecturas. No meu caso é a primeirísima da que teño conciencia.
[…] o Entomodelfo, coñecido científicamente como Marsupictero Marsupictero, é un animal do que non sería esaxerado decir que é algo desgraciado nos seus primeiros tempos de vida se temos en conta que a nai, despois de poñer o único ovo cuatrienal (como ben saben vostedes non ten máis posibilidades de posta que o 29 de febreiro) vese instintivamente forzada a emigrar ó sudoeste asiático confiada en recuncar se se desen ben certas diferencias de calendario, polo que deixa a cría abandonada á súa sorte. Isto supón o primeiro trauma para o Entomodelfo, xa que a falla da nai e particularmente magoante, dada a súa condición de mamífero. […]
Pasaron moitos anos, e Ramón Lamote Miñato cruzouse no meu camiño con diferentes disfraces. Lembro a Marcovaldo, de Italo Calvino, tamén naqueles anos da “Casa de la Pradera”. E foi no 2001, cando volvín a tropezar co señor Lamote, transfigurado na lanzal figura de Audrey Tautou. “Le fabuleux destin d´Amélie Poulain” parecía un filme saído da cabeza de Paco Martín.
[…]mais, distinguidos amigos, a vida é a vida e o noso Entomodelfo ou Marsupictero non pode maís que procurala mantenza pola súa conta, mantenza que atopa na castaña cocida que será para sempre o seu principal alimento.
Do antedito podemos afirmar que o animal obxecto da miña disertación é un mamífero que non mama por máis que haxa quen afirme que se ten noticia de casos nos que o Entomodelfo rouba, nos seus primeiros días de vida, o leite da donicela branca […]
A Voz de Galicia regalou hai tres ou catro anos un bo feixe de obras importantes da literatura galega, entre as que se encontraba o verdadeiro e xenuino “Das cousas de Ramón Lamote”. Volvín a leelo, e volvín a quedar obnubilado. Vintetres anos despois, publícase unha especie de continuación.
Neste mes que ven tiña pensado atacarlle a "Harry Potter e as reliquias da morte", pero vai ter que esperar, polo menos ata que remate de ler as novas aventuras deste habelencioso debuxante de soños.
Pepe Temprano e a Muiñeira de Freán
luns, 14 de xaneiro de 2008 11:53
Pois a Baiuca ten muiñeira, así é. Pero outras parroquias ou lugares do noso concello ficaron inmortalizados no apelido dunhas cantas composicións musicais. Lañas e Nostián teñen cadansúa Foliada, e Chamín unha Jota. Miguel de Santiago compuxo "A Feira de Paiosaco", e Xosé Casal a Muiñeira de Meicende. Cada unha destas pezas e autores terá tras de sí a súa correspondente historia, pero hoxe tócalle o turno á Pepito Temprano, que foi quen de facela Muiñeira de Freán.
A vinculación deste gaiteiro con Arteixo ven polo lado de Uxes, pois foi mestre de gaita en Queiroa durante uns cantos anos. Tamén penso a partir deste vínculo surxe a Muiñeira de Freán.
A Pepe Temprano córrelle polas veas a cuestión gaiteiril. O seu pai, o seu tío, e o seu avó xa foran gaiteiros de certo prestixio por estes arredores. Tocou co cuarteto familiar ("os Tempranos de Eirís"), en Eidos e no Ballet Rey de Viana. E aínda ten corda. Échevos un tipo de gaiteiro de polaina enteira, que se diría noutros tempos. Non hai máis que ollar para o retrato, para ver certa picaresca no seu ollar. Pepito Temprano exerce hoxendía de fotógrafo, coleccionista de toda caste de instrumentos, pescador e actor. No tan meneado anuncio de Gadis asoman os seus bigotes. El é gaiteiro, e non só por tocar con certa destreza a gaita, senón tamén polo xeito de vivir. Así o di el mesmo: "Fumei moito, bebín moitas tazas, comín moito, toquei a gaita todo o que a podía tocar, e andei moito de carallada. Espero que todos os que traballan sexan tan felices como fun eu na miña vida".
O compositor da Muiñeira de Freán foi reclamado haberá uns trinta anos para protagonizar un spot publicitario de Estrella Galicia. A súa única encomenda consistía en sair en escena co seu traxe de gala, a gaita ó lombo e dándolle un grolo a un quinto. Antes da grabación, Pepito falou co resto dos actores:
-Oíchedes, tómadeo con calma, que se non sae ben á primeira nin á segunda, facémolo máis veces.
Meu dito meu feito. Fixéronse trinta e tres repetións, porque sempre aparecía algunha tos, ou unha palabra cambiada, ou un fallo de iluminación. E algún dos que estaba presente neste anuncio mo dixo a min:
-Parece mentira, Rilo, pero o único que non fallou foi o gaiteiro. E iso que en cada repetición se largou o seu correspondente quinto de cervexa.
A historia do audiovisual galego engadiu un novo vocablo a partir deste feito. Cando unha grabación sae mal e hai que repetila, en honor a Pepito temprano, o director soe dicir:
"Bueno rapaces, imos facer outra TOMA".
+ ver máis >>