Arteixo Castellano  Galego  

Cóntame un conto

etnografía de patacón

Arteixo de Lenda: o Home da Capa

17/10/2007

O vindeiro fin de semana celebramos en Arteixo a VIII edición da Feira Histórica. Disque este ano leva como subtítulo algo así como "Arteixo de Lenda". Pois este detalle o aproveito eu para recuperar algunha que outra leria que anda medio agochada polos recunchos da memoria.

Escoitáchedes falar do Home da Capa?

Debeu de ser aló polo ano das olimpiadas de Barcelona. Eu estaba no baile do Carme, en Loureda, e no ambiente había certa inquedanza. Esa tarde viran ao Home da Capa polos arredores da igrexa. No campo da festa estaba todo quisque. Os que tiñan chavea para ir a morder non ían, porque iso facíase por tras da igrexa. Os que estaban en idade de fumar o primeiro ducados non ían, porque iso tamén se facía por tras da igrexa, e os que coma mín xogaban ó escondite, non se escondían por tras da igrexa.
"Nenos mirade ben por onde andades, que aínda vos a levar o Home da Capa". E era certo. Desta vez os maiores non falaban do Cocón, ou do chupacabras, seres estranos e asustadeiros, pero que nunca ninguén vira. Pero o Home da Capa, había testigos de que existía...
Daquela, cando a autovía de Carballo (aínda pensabamos que ía ser autovía...) estaba en obras, a xente dos arredores do iglesario de Loureda comenza a notar en falta algunha galiña. Algunhas leiras de patacas e xudias aparecen profanadas en Morás, e non polo xabarín. E o máis sospeitoso: todas as cotovelleiras de Santa Locaia quedaran limpas. Os derradeiros cotovellos de moitos kilómetros á redonda desapareceran dun día para outro.
Isto contoullo a meu cuñado un dos de Allán, que lle chamaban Rogelio, e que andaba cunhas muletas tan grandes que case levaba os pes no aire. Deus o garde, que hai uns anos xa que finou, e era unha persona moi tratible.
-Non é o porco bravo, non. O que fai todo ese mal anda ergueito, e ten os cinco sentidos espertos...
-E non será o Home da Capa? -preguntaba meu cuñado.
-Non oh non... ese é un invento moderno...aínda había de ser Xan da Albarda...
-De quen fala?
-De Xan da Albarda...un foucellas que andaba escapado da lei, polos montes....pero isto xa foi hai tempo...

[...] Xan casara para Fortesende con María do Albardeiro, e aparte da casa, tamén herdou o apodo. A vida non lle ía mal, pero despois da guerra, un chivatazo mal intencionado encomprometiuno, e non tivo máis remedio que marchar da casa e agocharse polos montes.
E foi no ano 42, que entre os racionamentos, e que as colleitas foron malas, todo o pais se viu afectado pola fame. Por este motivo, os cotovellos comenzaron de súpeto a formar parte da dieta dos galegos. Moitos había daquela por Santa Locaia, Vilarchán, Sobico ou a Queixeira. Nas tabernas do Valle chegou a ser tapa de certa sona. A mellor era sen dúbida a tapa de cotovello asado da taberna de Pedro, en Ervedíns. Tamén a raiz disto, se puxera de moda darlle a entrada ao Antroido cunha cazolada de cotovellos con cachelos. E nas hortas das casas de labradores comenzaron a plantarse cotovelleiras entre as maceiras e as pereiras.
Si, si, pero no medio de tanta cotovellada, apareciu un decreto-lei no ano 48 no que se prohibía a caza e captura de todo cotovello vivinte. En realidade, este decreto só serviu para convertir a Xan da Albarda nunha lenda.
Se alguén en Loureda lle entraba o antoxo de cotovellos, non tiña máis que achegarse á Carrancoba con seis reais no peto, a ser posible á veira da noitiña. Do resto xa se encargaba Xan, que entregaba o paxe de cotovellos collidiños no momento, polo módico precio dos seis reais.
Este fuxido nunca volviu á casa, e dende aqueles tempos nos que enchiu de cotovellos clandestinos moitas casas de Loureda, a súa lenda non se perdeu de todo. Aínda hoxe, os novatos buscadores de cotovellos utilizan esta cantiga:
"Cotovello, vente ó rello,
que Xan da Albarda aquí te agarda".[...]

E Rogelio lembrounos todo este retrinco a conta do misterioso Home da Capa....que tamén fuxía....e tamén era cotovelleiro.

Sonche contos.

http://arteixo.cidadans.net/contamunconto/2007/10/17/arteixo-de-lenda-o-home-da-capa/
1 Comentario - Enviar comentario

Comentarios:

  • 1. contame qué un cotovello, busquei no diccionario e non atopei a palabra. segue a escribir o fas moi ben, o arte naceu contigo gaiteiro
    Unha aperta

    Publicado por: esquio | 19/10/2007 14:12:34

Publicar un comentario


 

(Fijar cookies para el nombre, email & url)

Valid XHTML 1.0
Valid CSS
Algunos derechos reservados
Derechos reservados