Muiñeira da Baiuca
05/01/2008
Leonardo Corral foi o primeiro mestre de gaita que houbo en Xiradela, cando o local aínda estaba na Rúa Independencia. Xa choveu dende aquela... Había unhas cantas mestras de baile, e unha tal Mercedes Peón daba clase de pandeireta. Naqueles tempos Jose o de Rozas estreara un Renault Fuego....
[...] E aló fun eu, cos meus seis anos e as miñas patillas en potencia:
-Don Leonardo, quero tocala muiñeira de Chantada.
-Sácateme d´aí... -respondeu el- A de Chantada tócaa calquera. Queres aprender a muiñeira da Baiuca, que aínda non a sabe ninguén?
E eu asentín, camelado pola novidade que supuña tocar unha peza autóctona. Chantada quedaba un pouco a desmán. [...]
A muiñeira da Baiuca compuxoa o propio Leonardo para os seus alumnos de Arteixo. El era natural de Portomarín, na provincia de Lugo, pero casara cunha moza de Morás, e vivían na Coruña. Tiñan unha zapatería na calle Borrallón, nos Mallos. A zapatería era a tempo parcial, pois el vivía de tocala gaita. Algún ano chegou a dar máis de cen alboradas. Non vos dixen do grupo: eran "os Cinco de Galicia". A principios dos anos setenta na Coruña había tres cuartetos: os Matos, os Tempranos de Eirís e os Brisas. Antes de que surxisen "os Cinco", Leonardo xa tocara moito con Xosé Cardelle e cos seus respectivos fillos, Luis e Lois (este Lois Corral tamén merece unha mención. Será noutra hora.)
Eu soubeno despois do seu falecemento, pero a Leonardo alcumábano "o Pequeno". Sendo políticamente correctos, diríamos que era xeitoso. Andaba sempre moi arreglado, con brillantina no pelo, e lucía por bigote unha liña moi ben aqueloutrada. Calzaba botín con un pouco de tacón, e tiña un Seat 127 verde cunha pegatina de "Galicia" atrás.
Tocaba moi ben, e as pezas lucíanlle polo bo gusto. Hoxendía non está de moda o bo gusto. Actualmente lévase o virtuosismo gratuito, e o "veña-dedos-pra-riba-pra-baixo". Leonardo non utilizaba máis adornos dos necesarios, e el sabía que o lucimento consistía en facer bailar á xente, ou en que a peza se entendese ben, e non en dar tropecentas notas por minuto.
Na praza do Padre Rubinos, alí perto da calle Borrallón hai unha placa na súa memoria. El, aquí en Arteixo deixou a súa pegada no recordo de moitisma xente.
Os que non sabiades del, alomenos podedes sacar en limpo que a Baiuca ten unha muiñeira, e ben chusquiña por certo.
Comentarios:
-
1. Eu que tamén estiven en Xiradela cando ensaiaba nese local, e logo cando pasou para o do Sixto, recordo perfectamente a Leonardo, quen por certo era encantador...e recordo tamén o Renault Fuego de Jose de Rozas, quen, xunto con Mari Carmen de Campos me comeron o coco para aprender a bailar un pouquiño...qué vella vou!!!
Publicado por: L_DEL_J | 07/01/2008 01:15:43
-
2. Eu tamén tiven a sorte de coñecer a Leandro e ao seu fillo haberá uns vinte anos. Había na Coruña, non sei se aínda existe, unha especie de bodega pola zona de Elviña que se chamaba O Gaiteiro, alí tódolos venres os cinco de Galicia e algún máis xuntábanse nunha repichoca. Como anécdota lembro que o roncón da gaita de Leandro tiña unha especie de coador (daquela practicamente todas as gaitas levaban o roncón paralelo ao chan) xa que debido á altura do gaiteiro, os cativos metíanlle de todo, sobre todo cáscaras de pipas.
Publicado por: albanta | 09/01/2008 10:35:24
-
3. Teño unha dúbida, eran os 4 ou os 5 de Galicia?.
Publicado por: Nando | 09/01/2008 13:01:27
-
4. No ano sesenta o cuarteto Os catro de Galicia estaba formado por dous pais Leonardo Corral e Jose Cardelle e os seus fillos Lois Corral e Luis Cardelle.
No ano 71 coñece a Arturo da saga dos Garceiras de Melide e forma o que seria o seu grupo definitivo Os cinco de Galicia Leonardo e o seu fillo, Arturo,Vilariño e Jesus Vazquez.
http://osmallos.blogspot.com/2007/01/leonardo-corral-gaiteiro-dos-mallos.html
Publicado por: Rilo. | 09/01/2008 13:25:16
-
5. A adega o Gaiteiro da zona de Elviña aínda existe.
Publicado por: Xa estamos coas mesmas | 09/01/2008 19:24:48
-
6. Un compoñente do grupo Os cinco de Galicia traballaba (agora hai tempo que non o vexo) no servizo de retirada do lixo do Concello.
Publicado por: Nando | 10/01/2008 11:32:29
-
7. Lois Corral, tamborileiro exquisito, traballaba no Concello pero o pobre xa debe haber un par de meses que morreu.
Publicado por: albanta | 10/01/2008 12:07:32