Esencia de Picadillo.
01/06/2008
Ao rebufo do anterior lance, déixovos desta volta a receita da MERLUZA A LA NAPOLITANA, esperando que os herdeiros do Conde non me demanden por copiar ao pé da letra o texto, tal como ven en "La cocina práctica".
Recoñezo que Arguiñano é un crack, pero non me discutades que Don Manuel María Puga Parga era un auténtico fenómeno decimonónico.
Aí vos vai:
[...] Hay animales que son indiscutiblemente superiores al hombre.
Y no hablemos aquí de los perritos que hacen el ejercicio mejor que cualquier quinto, ni de los que van con el cesto a buscar la carne para el puchero; ni de los gatos, que a cambio de unos cuantos arqueos de cuerpo, hasta acariciar con su piel la mejilla de sus señores, encuentran la sopita de bollo de leche empapada y goteando el aromático soconusco; ni de los monos que se incomodan y amenazan y gritan cuando uno les falta al respeto; ni de los loros que llaman gordo al que le sobra la carne y borracho al que le falta el vino.
No. Hay algo más grandioso, más sublime. Una merluza, una esplendida merluza, apenas fondeado el vapor "Oregón", saltó a tierra , y tomando como pretexto mi artículo del miércoles, vino a saludarme ayer y sostuvo este o parecido diálogo.
- Se puede?
- Adelante.
- Señor de Picadillo!
- Merluza de mi alma!
- pues...si, señor.
- Bueno.
Tenía una expresión en la car y un brillo en toda la superficie, que me hizo pensar para mis adentros: "Merluza, y en jueves de Cuaresma por la tarde.... no sabes bien donde has caído!"
- Ay! -continuó diciendo la merluza-.
Pero debió de leer mis no muy sanas intenciones, porque cayó sobre la fuente privada de conocimiento.
Sal, pan rallado, zumo de limón, queso parmesano, frotaciones de aceite, todo fué inútil. Allí quedó la pobre esperando la última prueba.
Si una vez sometida a elevada temperatura no reacciona, el estado comatoso en que se halla desaparecerá y su muerte puede darse por segura.
Para este triste caso, ya somos varios los encargados de la conducción del cadáver.
Silvia Penide e os embigos.
03/05/2008
O embigo é un furadiño curioso, ben centrado no bandullo, que sirve para que nos pensemos importantes e nos enchamos de superlatividade, con ou sen razón...
En principio, é o que se me ocorre, pero quería eu bota-la lingua a pacer libremente ao respecto do burato en cuestión.
Disque despois de nacidos, e dende o momento en que cicatriza, o embigo deixa de ter función algunha. Pero claro, como seres humanos que somos, a curiosidade nos estorsiona, e nos pide contas de porqué está aí, qué significa, ou cómo se borra.
Gracias ó embigo estivemos algunha vez exentos de instintos de supervivencia, xa que era a nosa nai a que facía o traballo por nos. Cando a correspondente matrona tronza o vínculo físico moitas veces tamén tronza o emocional. E de aquí ben a importancia de ter un nó ben feitiño.
Unha das Carballidas de San Román era carniceira, e axudaba nos partos. A súa encomenda consistía en anudar os embigos das criaturas, posto que o procedemento era o mesmo que o de atalos chourizos. Se fose nos tempos de hoxe, ben podería deixar o negocio da carnicería, e vivir ben a conta de amarrar embigos. Échevos unha operación estética moi de moda entre as mozas xaponesas. No hospital Jujin fanche o que lle chaman un "hesodashi", que costa mil e pico euros, e che deixan o embigo perfecto.
En Somalia, utilizan para amarralo pelo de camella, e cando cicatriza e cae só, continúa da man do seu dono a modo de amuleto. Onfalia era a deusa grega do embigo. Raro que estos non tivesen unha divinidade para o que consideraban o centro do corpo, da vida, do universo e da propia existencia. Segundo unha lenda turca, despois de que Alá moldease o primeiro home, o demo púxose tan furioso, que chuspiu na barriga do prototipo, que escomenzou a arder. O todopoderoso Alá conseguiu sofacalas chamas, pero non foi quen de borrala cicatriz.
E achegándonos a terreo coñecido, falareivos de Manuel María Puga y Parga, alias "Picadillo". O Conde de Anzobre todo un personaxe por méritos tales como os que vos conto: Alcalde da Coruña, xuiz de municipal en Arteixo e na Coruña, e escritor dun libro que dende 1905 aínda non se deixou de editar: "La cocina práctica". Deste libro, e dos seus comentarios polo medio das receitas habería que falar noutra hora. O caso é Picadillo naceu en Santiago, no 1874, e o embigo anudoullo unha comadrona estranxeira, da que non se soubo máis. Cando Picadillo tiña tres anos xa lle desaparecera o embigo.
Máis coñecida, e máis actual quizais sexa Silvia Penide. Non sei se foi unha comadrona estranxeira a que lle anudou o embigo, pero parece que non o ten, ou que é moi feitiño.
O vindeiro venres ás oito e media, no auditorio do paseo dos patos celébrase un auténtico recital de poesía.
E agora, co voso permiso, voulle botar un ollo ó meu embigo.
De acordeóns e orellas
14/04/2008
Un meu pariente renegou da gaita, e botouse de cabeza ó acordeón. O rapaz colleu amores cunha moza de Oseiro que tiña un acordeón vello no faiado. O instrumento en cuestión pertencera a un tío-avó dela, coñecido noutros tempos polos arredores co alcume de "Nachina". Tamén lle chamaban Pontevedra, pois viñera daló. Non era o que se dí un virtuoso, pero tocaba muiñeiras, Jotas e incluso a Raspita. Un fenómeno disque non o era, pero polo menos, facía baile el só.
O caso é que o vello acordeón caeu nas mans deste familiar meu, e gatilla que gatilla, conseguiu amañar unhas repichocas e poñelas a tono para que sexan dignamente escoitadas.
Díxenlle eu: -E logo, non era ben darlle un pouco máis de brío para que a xente baile?
-Non, meu tío -respondeu el-. A idea é que a xente escoite. Para bailar xa están as verbenas.
Eu aínda non pillei ben a idea. O éxito do gaiteiro, noutra hora, era poñela xente a bailar, ou como pouco, a facelos partícipes da festa. E este condanado pretende que a xente utilice as orellas, e non os pes… e aínda por riba tocando o acordeón, que é o instrumento máis bailongo do mundo.
Dicíase neutros tempos, aló por Muxía, que un gaiteiro “tocaba para o vicio” cando non buscaba o rítmico e o bailable; cando buscaba na gaita as notas longas, e a cadencia lenta dos alalás. É o que poéticamente se define como “facer chorar a gaita”. Non sei, pero eu supoño que será máis fácil facer chorar un acordeón que unha gaita.Dígoo polo tema do fuelle, que no acordeón é elástico, e na gaita é ríxido.
A verdade é que a este meu sobriño lle leva idea o da música, pero separala do baile échevos tarea complicada. Veremos en que queda a cousa. Disque vai tocar próximamente nun destes bares modernos que temos no centro de Arteixo.
Cando saiba máis, xa vos contarei.
O MEU BEN QUERIDO ENTOMODELFO
27/03/2008
[…] é un mamífero propio de Groenlandia e que, despois de se botar fóra do ovo, pasa en estado de ninfa as súas tres primeiras semanas ben gardadiño no casulo onde se lle desnvolven lixeiramente as ás, que, ó primeiro serán de pelica transparente ata chegar ós sete meses e nove días, que é cando lle comenzan a medrar as plumas. […]
Non recordaba eu o nome deste bicho, ata que vin no xornal a noticia: Xa está á venda "Das novas cousas de Ramón Lamote", de Paco Martín. Cando os nacidos no 76 cursabamos segundo ou terceiro da E.X.B., as aventuras deste profesor de chairego e debuxante de soños foron unha das nosas primeiras lecturas. No meu caso é a primeirísima da que teño conciencia.
[…] o Entomodelfo, coñecido científicamente como Marsupictero Marsupictero, é un animal do que non sería esaxerado decir que é algo desgraciado nos seus primeiros tempos de vida se temos en conta que a nai, despois de poñer o único ovo cuatrienal (como ben saben vostedes non ten máis posibilidades de posta que o 29 de febreiro) vese instintivamente forzada a emigrar ó sudoeste asiático confiada en recuncar se se desen ben certas diferencias de calendario, polo que deixa a cría abandonada á súa sorte. Isto supón o primeiro trauma para o Entomodelfo, xa que a falla da nai e particularmente magoante, dada a súa condición de mamífero. […]
Pasaron moitos anos, e Ramón Lamote Miñato cruzouse no meu camiño con diferentes disfraces. Lembro a Marcovaldo, de Italo Calvino, tamén naqueles anos da “Casa de la Pradera”. E foi no 2001, cando volvín a tropezar co señor Lamote, transfigurado na lanzal figura de Audrey Tautou. “Le fabuleux destin d´Amélie Poulain” parecía un filme saído da cabeza de Paco Martín.
[…]mais, distinguidos amigos, a vida é a vida e o noso Entomodelfo ou Marsupictero non pode maís que procurala mantenza pola súa conta, mantenza que atopa na castaña cocida que será para sempre o seu principal alimento.
Do antedito podemos afirmar que o animal obxecto da miña disertación é un mamífero que non mama por máis que haxa quen afirme que se ten noticia de casos nos que o Entomodelfo rouba, nos seus primeiros días de vida, o leite da donicela branca […]
A Voz de Galicia regalou hai tres ou catro anos un bo feixe de obras importantes da literatura galega, entre as que se encontraba o verdadeiro e xenuino “Das cousas de Ramón Lamote”. Volvín a leelo, e volvín a quedar obnubilado. Vintetres anos despois, publícase unha especie de continuación.
Neste mes que ven tiña pensado atacarlle a "Harry Potter e as reliquias da morte", pero vai ter que esperar, polo menos ata que remate de ler as novas aventuras deste habelencioso debuxante de soños.
Pepe Temprano e a Muiñeira de Freán
14/01/2008
Pois a Baiuca ten muiñeira, así é. Pero outras parroquias ou lugares do noso concello ficaron inmortalizados no apelido dunhas cantas composicións musicais. Lañas e Nostián teñen cadansúa Foliada, e Chamín unha Jota. Miguel de Santiago compuxo "A Feira de Paiosaco", e Xosé Casal a Muiñeira de Meicende. Cada unha destas pezas e autores terá tras de sí a súa correspondente historia, pero hoxe tócalle o turno á Pepito Temprano, que foi quen de facela Muiñeira de Freán.
A vinculación deste gaiteiro con Arteixo ven polo lado de Uxes, pois foi mestre de gaita en Queiroa durante uns cantos anos. Tamén penso a partir deste vínculo surxe a Muiñeira de Freán.
A Pepe Temprano córrelle polas veas a cuestión gaiteiril. O seu pai, o seu tío, e o seu avó xa foran gaiteiros de certo prestixio por estes arredores. Tocou co cuarteto familiar ("os Tempranos de Eirís"), en Eidos e no Ballet Rey de Viana. E aínda ten corda. Échevos un tipo de gaiteiro de polaina enteira, que se diría noutros tempos. Non hai máis que ollar para o retrato, para ver certa picaresca no seu ollar. Pepito Temprano exerce hoxendía de fotógrafo, coleccionista de toda caste de instrumentos, pescador e actor. No tan meneado anuncio de Gadis asoman os seus bigotes. El é gaiteiro, e non só por tocar con certa destreza a gaita, senón tamén polo xeito de vivir. Así o di el mesmo: "Fumei moito, bebín moitas tazas, comín moito, toquei a gaita todo o que a podía tocar, e andei moito de carallada. Espero que todos os que traballan sexan tan felices como fun eu na miña vida".
O compositor da Muiñeira de Freán foi reclamado haberá uns trinta anos para protagonizar un spot publicitario de Estrella Galicia. A súa única encomenda consistía en sair en escena co seu traxe de gala, a gaita ó lombo e dándolle un grolo a un quinto. Antes da grabación, Pepito falou co resto dos actores:
-Oíchedes, tómadeo con calma, que se non sae ben á primeira nin á segunda, facémolo máis veces.
Meu dito meu feito. Fixéronse trinta e tres repetións, porque sempre aparecía algunha tos, ou unha palabra cambiada, ou un fallo de iluminación. E algún dos que estaba presente neste anuncio mo dixo a min:
-Parece mentira, Rilo, pero o único que non fallou foi o gaiteiro. E iso que en cada repetición se largou o seu correspondente quinto de cervexa.
A historia do audiovisual galego engadiu un novo vocablo a partir deste feito. Cando unha grabación sae mal e hai que repetila, en honor a Pepito temprano, o director soe dicir:
"Bueno rapaces, imos facer outra TOMA".
Muiñeira da Baiuca
05/01/2008
Leonardo Corral foi o primeiro mestre de gaita que houbo en Xiradela, cando o local aínda estaba na Rúa Independencia. Xa choveu dende aquela... Había unhas cantas mestras de baile, e unha tal Mercedes Peón daba clase de pandeireta. Naqueles tempos Jose o de Rozas estreara un Renault Fuego....
[...] E aló fun eu, cos meus seis anos e as miñas patillas en potencia:
-Don Leonardo, quero tocala muiñeira de Chantada.
-Sácateme d´aí... -respondeu el- A de Chantada tócaa calquera. Queres aprender a muiñeira da Baiuca, que aínda non a sabe ninguén?
E eu asentín, camelado pola novidade que supuña tocar unha peza autóctona. Chantada quedaba un pouco a desmán. [...]
A muiñeira da Baiuca compuxoa o propio Leonardo para os seus alumnos de Arteixo. El era natural de Portomarín, na provincia de Lugo, pero casara cunha moza de Morás, e vivían na Coruña. Tiñan unha zapatería na calle Borrallón, nos Mallos. A zapatería era a tempo parcial, pois el vivía de tocala gaita. Algún ano chegou a dar máis de cen alboradas. Non vos dixen do grupo: eran "os Cinco de Galicia". A principios dos anos setenta na Coruña había tres cuartetos: os Matos, os Tempranos de Eirís e os Brisas. Antes de que surxisen "os Cinco", Leonardo xa tocara moito con Xosé Cardelle e cos seus respectivos fillos, Luis e Lois (este Lois Corral tamén merece unha mención. Será noutra hora.)
Eu soubeno despois do seu falecemento, pero a Leonardo alcumábano "o Pequeno". Sendo políticamente correctos, diríamos que era xeitoso. Andaba sempre moi arreglado, con brillantina no pelo, e lucía por bigote unha liña moi ben aqueloutrada. Calzaba botín con un pouco de tacón, e tiña un Seat 127 verde cunha pegatina de "Galicia" atrás.
Tocaba moi ben, e as pezas lucíanlle polo bo gusto. Hoxendía non está de moda o bo gusto. Actualmente lévase o virtuosismo gratuito, e o "veña-dedos-pra-riba-pra-baixo". Leonardo non utilizaba máis adornos dos necesarios, e el sabía que o lucimento consistía en facer bailar á xente, ou en que a peza se entendese ben, e non en dar tropecentas notas por minuto.
Na praza do Padre Rubinos, alí perto da calle Borrallón hai unha placa na súa memoria. El, aquí en Arteixo deixou a súa pegada no recordo de moitisma xente.
Os que non sabiades del, alomenos podedes sacar en limpo que a Baiuca ten unha muiñeira, e ben chusquiña por certo.
Santos Inocentes, Bosnia e a humildade.
27/12/2007
Pois mañá é o día dos Santos Inocentes, e para moitos, o primeiro que ven á cabeza é que hai que andar con tino, se temos amistades refeixeiras. O verdadeiro significado desta data ten relación coa indiscriminado infanticidio que aló polo ano cero ordenou Herodes. E ollo, que ninguén me malinterprete, se sinalo este dato. Non quixera eu desterrar as "inocentadas" e falcatruadas propias deste día...
O caso é que lembraba eu este feito namentres ollaba a foto de arriba. Esta instantánea mandouma o meu amigo Vicente dende Mostar, en Bosnia. Foi un día de xuño no que 600 soldados españois regresaban á casa coa sensación do traballo ben feito. Doce anos levaba alí, e na súa última foto quería retratar aos Inocentes: un grupiño de nenos que veñen da escola. Case sen querer, deixou tamén constancia da sensación de retirada.
...Esta cidade sempre foi un polvorín, pero non estoupou ata o conflicto bélico dos anos noventa. Ao longo de moitos séculos conviviron distintas comunidades étnicas, culturais e relixiosas. Un dos símbolos da cidade, e tamén desta unión é a "Vella Ponte" (Stary Most). Durante a guerra foi destruido, e con implicación e traballo por parte de tódolos colectivos afectados reconstruíuse, sendo considerado hoxendía todo un exemplo do que pode ser a cooperación internacional...Dicía Vicente que dende a Vella Ponte os rapazolos arroutados fan o salto do anxo para zambullirse nas augas do purificador río Neretva. No medio destas informacións e lerias Herzegovinianas, á altura dunhas navidades (debe de haber catro ou cinco anos...), Vicente mandoume este retrinco co que eu aproveito para desexarlle un bo nadal a todos vos, que orellades:
[...] A ti que tanto che gustan estas cousas de santos, prestarache ben o que antonte souben. Unha parroquia de impronunciable nome, aquí preto de Mostar, ten o patrocinio da Nosa Señora da Asunción. Pois ben, No altar maior conservan unha reliquia ben curiosa. Trátase dun paxariño que Xesús Cristo modelou de neno. É un xílgaro de barro vermello de Nazaret, cun pico puntiagudo, e cunhas ás que mesmo parece que queren bater. Pero o simpático do asunto é que o paxariño pode cantar: só é preciso que teña preto un oído inocente e humilde. Na noitiña de Nadal, os nenos da parroquia van á igrexa a escoitar ó xílgaro...con toda a humildade a flor de pel [...]
Arteixo de Lenda (...e II). O home da sauna.
24/12/2007
Pois xa pasaron dous meses dende o último retrinco... pero tranquilos, que estou ben. Quero dicir que agora estou ben, porque tiven que pasar un peculiar calvario de corenta e cinco días, que a ninguén lle desexo. E todo polas miñas ansias investigatorias, que me levaron a meterme no ollo do furacán, sen calibrar as consecuencias.
Como ben saberedes, a piscina municipal e algo máis que un edificio con auga, cloro e flotadores. Dende hai dez anos, arredor da piscina teceuse un entramado de relacións sociais e humanas, que xa dan pé a que se fale de viva voz da súa ampliación, ou de facer outra por terras meicendesas. Quero dicir que existe en Arteixo o que un meu amigo definiu como "cultura de piscina".
Cando eu estudiaba bacharelato no Instituto, ninguén imaxinaba que enfrente se construiría unha piscina. Arredor dese terreo brañento había daquela unha lenda urbana que falaba de lagartos como cocodrilos, e de tartarugas mutantes. Si, si...alí, no medio dos brozos. Cando un balón de futbol caía no medio daquela basta e húmida vexetación ninguén daba un paso ao frente para ilo buscar. Facíamos un bote, e íamos a Deportes Gido a mercar outro.
Evidentemente, cando as palas achanzaron o terreno e comenzaron a levantar a obra, desapareceron dun só golpe todas estas lendas. Pero apareceron outras. E o que teñen os tempos nos que vivimos. Os contos de sempre non desaparecen: transfórmanse; adaptándose aos tempos.
A mediados de outubro fun a piscina a primeiriña hora da mañá, na procura dun mito: o home da sauna.
Xa hai catro ou cinco anos que eu escoitei as lerias dun trasno que, convertido en orondo patrón, aparecía polas mañás na sauna masculina. Pasoulle a dous cursillistas, que a media mañán entraron na sauna, e corenta e cinco minutos despois foron atopados por outro usuario, que os cachou...durmindo!!!. Todo o mundo dou por feito que lles dou a soneca, e que se foron quedando, e que menos mal que os viron a tempo. Pero eles falaban dun terceiro, ao que ninguén vira.
E aló fun eu: á busca dun trasno que me axudase a armar un conto de patacón. O primeiro día estiven quince minutos na sauna e coincidín con dous veciños que deron os buenos días, e nada máis. O segundo xa só coincidín con un deles, e aguantei a media hora. E o terceiro día...
O terceiro día entrei nas inatalacións de segundo, xusto despois do conserxe. Guindei a roupa na taquilla, e molleime o xusto. Abrín a porta da sauna...e dentro había un señor.
-Bos días...- Iso dixen eu, pero en realidade pensaba: "e este ghicho tan sospeitoso por donde carallo entrou?".
-Ponte cómodo, que ben collemos.- Respondeu el, con un tono amable.
Nada máis sentarme comenzou o intercambio de tópicos. Que se vai frio, que se aquí dentro estase moi ben, que a sauna é moi boa para os narices....e pouco a pouco a conversación foi indo do xeneral ao específico... do supérfluo ao concreto... do macro ao micro: que se vivir da gaita costa, que se estou pendiente de operarme dunha hernia fiscal... e pouco a pouco fun sabendo, que este señor non era ningún trasno, senón que era do Foxo, e que estivera na mercante moitos anos, e que o xubilaran anticipadamente cunha boa paga. Entón dinme conta de que eu só asentía os seus comentarios, namentres el falaba, e falaba parsimoniosamente...e a min pesábanme os párpados...e tiña sono...
Pero reaccionei a tempo: decateime de que o bo do home mantiña sempre o mesmo tono do voz. Falaba en si bemol, que é o tono propio dos hipnotizadores. Lembrei que Tony Kamo o contou un día no Luar. E aqui foi onde eu pensei "polos clavos de Cristo que ti non me durmes como durmiches aos outros..."
E eu seguín asentindo ás súas lerias, pero cos ollos ben abertos, e utilizando algo máis que monosílabos. Falamos do Depor de Bebeto e Mauro, do Madrid de Michel e Butragueño, e ata do Peñarol de Lañas de Rizo e Tivo...tamén nestas eu lembrei que teño pendientes aquí unhas lerias sobre o tema futboleiro en Arteixo.
E puiden controlar o sono, pero non a deshidratación. Chegou un momento que lle dixen:
-Eu vou sair, que por hoxe xa me chegou...-. El asentiu sen dicir nada.
Despois da ducha de rigor e dun aquarius, vestínme, botei gomina nas patillas, e saín da piscina cunha fame loca. Mirei o reloxio....
....eran as seis da tarde...
E foi ó chegar á casa e ver á miña dona agardándome cunha zapatilla na man cando me dín conta do peor do asunto. Eu marchara para a piscina un día de outubro ás sete da mañán. E voltei a casa ás seis da tarde do dezaoito de decembro. A zapatilla da parienta amenazábame:
- E logo ti? -estaba moi cabreada- Seica te abduciron??
Eu aínda non asumira o que me pasara, e respondinlle:
-Efectivamente....
Arteixo de Lenda: o Home da Capa
17/10/2007
O vindeiro fin de semana celebramos en Arteixo a VIII edición da Feira Histórica. Disque este ano leva como subtítulo algo así como "Arteixo de Lenda". Pois este detalle o aproveito eu para recuperar algunha que outra leria que anda medio agochada polos recunchos da memoria.
Escoitáchedes falar do Home da Capa?
Debeu de ser aló polo ano das olimpiadas de Barcelona. Eu estaba no baile do Carme, en Loureda, e no ambiente había certa inquedanza. Esa tarde viran ao Home da Capa polos arredores da igrexa. No campo da festa estaba todo quisque. Os que tiñan chavea para ir a morder non ían, porque iso facíase por tras da igrexa. Os que estaban en idade de fumar o primeiro ducados non ían, porque iso tamén se facía por tras da igrexa, e os que coma mín xogaban ó escondite, non se escondían por tras da igrexa.
"Nenos mirade ben por onde andades, que aínda vos a levar o Home da Capa". E era certo. Desta vez os maiores non falaban do Cocón, ou do chupacabras, seres estranos e asustadeiros, pero que nunca ninguén vira. Pero o Home da Capa, había testigos de que existía...
Daquela, cando a autovía de Carballo (aínda pensabamos que ía ser autovía...) estaba en obras, a xente dos arredores do iglesario de Loureda comenza a notar en falta algunha galiña. Algunhas leiras de patacas e xudias aparecen profanadas en Morás, e non polo xabarín. E o máis sospeitoso: todas as cotovelleiras de Santa Locaia quedaran limpas. Os derradeiros cotovellos de moitos kilómetros á redonda desapareceran dun día para outro.
Isto contoullo a meu cuñado un dos de Allán, que lle chamaban Rogelio, e que andaba cunhas muletas tan grandes que case levaba os pes no aire. Deus o garde, que hai uns anos xa que finou, e era unha persona moi tratible.
-Non é o porco bravo, non. O que fai todo ese mal anda ergueito, e ten os cinco sentidos espertos...
-E non será o Home da Capa? -preguntaba meu cuñado.
-Non oh non... ese é un invento moderno...aínda había de ser Xan da Albarda...
-De quen fala?
-De Xan da Albarda...un foucellas que andaba escapado da lei, polos montes....pero isto xa foi hai tempo...
[...] Xan casara para Fortesende con María do Albardeiro, e aparte da casa, tamén herdou o apodo. A vida non lle ía mal, pero despois da guerra, un chivatazo mal intencionado encomprometiuno, e non tivo máis remedio que marchar da casa e agocharse polos montes.
E foi no ano 42, que entre os racionamentos, e que as colleitas foron malas, todo o pais se viu afectado pola fame. Por este motivo, os cotovellos comenzaron de súpeto a formar parte da dieta dos galegos. Moitos había daquela por Santa Locaia, Vilarchán, Sobico ou a Queixeira. Nas tabernas do Valle chegou a ser tapa de certa sona. A mellor era sen dúbida a tapa de cotovello asado da taberna de Pedro, en Ervedíns. Tamén a raiz disto, se puxera de moda darlle a entrada ao Antroido cunha cazolada de cotovellos con cachelos. E nas hortas das casas de labradores comenzaron a plantarse cotovelleiras entre as maceiras e as pereiras.
Si, si, pero no medio de tanta cotovellada, apareciu un decreto-lei no ano 48 no que se prohibía a caza e captura de todo cotovello vivinte. En realidade, este decreto só serviu para convertir a Xan da Albarda nunha lenda.
Se alguén en Loureda lle entraba o antoxo de cotovellos, non tiña máis que achegarse á Carrancoba con seis reais no peto, a ser posible á veira da noitiña. Do resto xa se encargaba Xan, que entregaba o paxe de cotovellos collidiños no momento, polo módico precio dos seis reais.
Este fuxido nunca volviu á casa, e dende aqueles tempos nos que enchiu de cotovellos clandestinos moitas casas de Loureda, a súa lenda non se perdeu de todo. Aínda hoxe, os novatos buscadores de cotovellos utilizan esta cantiga:
"Cotovello, vente ó rello,
que Xan da Albarda aquí te agarda".[...]
E Rogelio lembrounos todo este retrinco a conta do misterioso Home da Capa....que tamén fuxía....e tamén era cotovelleiro.
Sonche contos.
Pastoriza, Eslovenia, o pazo de Meirás e Almanzor.
01/10/2007
A verdade é que se trata dunha asociación estrana a de estos catro elementos na mesma frase e no mesmo retrinco. Pero se me permitides ir por partes, veredes que non están tan lonxe uns dos outros.
Pastoriza está na boca de todos polo tema do San Miguel, que foi antonte, e que hoxendía serve de pistoletazo de saída para o mes grande da Virxe. E digo mes grande polo das peregrinacións tódolos domingos e festivos de Outubro ao Santuario. Xunto con Caión, échevos o "mini-xacobeo" que temos máis a man.
Hai dous anos, en Eslovenia recomendáronme un libro que se chamaba tal que así: "La leyenda de Pastoriza". Eslovenia é un pequeno pais pertencente á antiga Yugoslavia, pero a menos de cincuenta quilómetros de Venecia. Soa raro, pero foi así de surrealista. Unha estudante de Filoloxía española na facultade de Liubliana me vai falar a min de Pastoriza. Pois así foi. Esta rapaza estaba elaborando a súa tese doutoral sobre a Literatura española do século XIX, e concretamente do realismo de Benito Galdós, de Clarín e de Emilia Pardo Bazán. Naqueles momentos, esta estudante estaba a saco coa obra de Dona Emilia, da cal é de sobra coñecido "Los pazos de Ulloa". E manda carallo que teña que chegar eu a Eslovenia para enterarme de que a Pardo Bazán tamén escribiu un libriño sobre a lenda da Virxe de Pastoriza...
Por outro lado, moito se fala estos días do Pazo de Meirás, e non por motivos literarios propiamente. Que si é un ben cultural, que si os herdeiros de Franco deberían devolvelo, que si dentro teñen as de Dios... e con todo este revuelo, case que queda agochado o feito de que algún día este pazo pertenceu a Emilia Pardo Bazán, que foi escritora, e non das que postean nos blogs hoxendía. Xa só este pretexto debería de servir para interesarse polo que fixo, que non foi pouco. Se queredes saber, téndela aí, na biblioteca, ou a golpe de wikipedia.
Pois de volta daquela viaxe á antiga Yugoslavia, busquei o devandito libro....e atopeino. Non en Arteixo, pero sí na biblioteca de Durán Loriga: "La leyenda de Pastoriza" por Doña Emilia Pardo Bazán. 1887.
Esta lenda fala da fundación do Santuario no ano 453, por orde do rei suevo Reckiario. Por este motivo, Pastoriza sería o primeiro santuario mariano de Galicia.
E aquí aparece Almanzor, ese pedazo de caudillo musulmán malo malísimo que, entre outras desfeitas, destruiu a primitiva hermida de Pastoriza. A imaxe da Virxe foi agochada por alguén, e foi aparecer moitísimos anos despois. Atopouna unha rapaza seguindo unha estrela que a guiou ata unha pedra curva que pasaría a chamarse o "berce da Virxe". Trátase da pedra pola que hoxendía pasan os romeiros para sanar as dores das costas.
A verdade é que me quedou un pouco "tutti-frutti-multi-culti" este relato...
tendes que disculpar...
pero claro... pensade que eu polo de agora vivo de tocala gaita, non de contar contos.
Bicos e avións